Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Poeta e editor

M.A. Fernán Vello: "Deime de baixa do BNG por razóns estritamente persoais hai catro meses"

Hai aspectos da política práctica actual, en todos os partidos, que me provocan un ánimo refractario

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 29.09.2008 
A- A+

Miguel Anxo Fernán Vello é tamén o director da editorial Espiral Maior

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, Lugo, 1958), poeta, dramaturgo e editor, realizou estudos de Psicoloxía, Filoloxía Hispánica e Música (Guitarra Clásica). Foi secretario xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e presidente do Gremio de Editores de Galicia (AGE). Como poeta está en posesión do Premio da Crítica Española, obtido en dúas ocasións (1985 e 2005), e foi finalista do Premio Nacional de Literatura do Estado español en tres ocasións cos libros de poemas Seivas de amor e tránsito (1985), As certezas do clima (1997) e Territorio da desaparición (2005), respectivamente. Autor de 14 libros de poesía, a súa obra foi galardoada igualmente, entre outros, cos premios Celso Emilio Ferreiro, Esquío, Xacobeo de Poesía da Xunta de Galicia, Martín Códax, Miguel González Garcés, Federación de Libreiros de Galicia (Mellor Autor 2005) e Asociación de Escritores en Lingua Galega (Mellor Autor 2005). Con varios libros traducidos ó francés, español, catalán e italiano, a súa obra poética figura tamén traducida ó inglés, alemán, árabe, ruso, chinés e portugués e está presente na antoloxía universal De tots els vents, publicada en Barcelona no ano 2004 por Miquel Desclot. participou, entre outros, nos Festivais Internacionais de Poesía de Lisboa, Porto Santo, Barcelona, Moncayo, Escocia, Pisa, Varsovia, Aveiro e Porto. No ano 2005 representou España no II Festival Mundial de Poesía de Venezuela e foi membro, tamén representando a España, do xurado do I Premio Internacional de Poesía Víctor Valera Moura (Caracas, 2006). No ano 1991, funda a empresa editora Edicións Espiral Maior, da cal é director, selo editorial que na actualidade publicou, entre outros xéneros, máis de 250 títulos de poesía e que se converteu nun importante referente na edición de poesía en Galicia, España e Portugal. Edicións Espiral Maior convoca un premio de poesía en galego e portugués que se atopa entre os máis dotados economicamente da península Ibérica.

 

Comecemos, Miguel Anxo, na vida pola vida, con todo o que de por si leve e "conleve". Falamos, xa que logo, do nacionalismo, e máis en concreto do nacionalismo galego, que salvando diferenzas, e entre estes dous séculos que estamos a vivir, parece que a cousa non está alá moi clara, é dicir: nacionalismo, sen máis, dá lugar a interpretacións ambiguas se o nacionalismo de base non se corresponde cunha idea clara non enfrontada á esquerda que procura para Galicia (ou Galiza) unha República Socialista Galega, pois que a dereita por máis que se vernice xamais será outra cousa que o conservadorismo e a perversidade do capital, do inmobilismo... Cal é a túa observación, se é que a idea esencial do BNG -poñamos por caso- é un nacionalismo da nidia esquerda?

Debo dicir, en primeiro lugar, que me dei de baixa como militante do BNG hai xa máis de catro meses. Por razóns estritamente persoais. E foron, coido, arredor de vinte anos de militancia nesa organización. En certa maneira "doe" deixar un partido político, unha entidade que condicionou a túa vida, sobre todo en tempos máis "duros" -hoxe os tempos son "doces"-, e ao mesmo tempo un sente unha "liberación" especial, é unha especie de "catarse". Non penso militar nunca máis en ningunha outra organización política. Eu son nacionalista de esquerdas, polo tanto internacionalista, porque entendo o nacionalismo como unha forma de humanismo. E entendo tamén o nacionalismo como un proxecto aberto á sociedade, dialogante e progresista, un xeito de "cultura" política, un patrimonio de "ideas" para seren postas en acción. No que atinxe ao BNG, con todos os respectos e afecto para tantos amigos que aí teño, prefiro non pronunciarme.

 

A seguido, eu pregúntome se o BNG dentro do institucionalismo español, entre outras moitas cousas, non está dentro dese casarío da socialdemocracia, que por así dicilo é máis ben amarelo e representa algo ben afastado do arredismo solidario que defendemos nós-outros?

Sobre o Bloque Nacionalista Galego eu prefiro, como dixen antes, non pronunciarme. En xeral, hai aspectos da política vixente, da política práctica actual, en todos os partidos -en todos, insisto- que me provocan un ánimo francamente refractario.

Cuestións do idioma, cultura, literatura... A democracia que impide, de xeito perverso, exterminar todo en función do nacionalismo español onde tan ben se instalaron -se non todos- os partidos tinguidos dun nacionalismo folclórico, autonómico, etc., non é outra das maiores perversións entre as moitas que poderiamos enumerar aquí e arestora?

O nacionalismo español é moi poderoso. É un nacionalismo de "conquista", un nacionalismo "colonizador" e moi agresivo, mesmo destrutivo e, por suposto, antidemocrático. Eu son partidario dunha organización Federal, ou Confederal, harmónica, baseada no mutuo respecto e equilibrio entre pobos e nacións, mais para chegarmos a iso precísanse moitos anos de formación cultural e política dos individuos, un auténtico exercicio de educación política democrática. Esa España confederal resultante acabaría sendo un Estado plurinacional exemplar. Velaí un xeito de progreso. Unha utopía realizábel.

 

E así, coa raposería de manter que de natural Galicia (ou Galiza) é bilingüe, non che parece a ti que o futuro é a desaparición, a diglosia da solemnidade na hipocrisía burguesa e non menos internacional?

Eu, francamente, visto o visto, son pesimista, aínda que non derrotista, no tocante ao idioma galego. Precisamente un libro meu titúlase Territorio da desaparición, e nun poema fálase do "idioma moribundo no vento". Unha parte moi importante do pobo galego despreza, iso está aí, a lingua galega, ten un sentimento de "odio", talvez de "racismo lingüístico". E pensar, perante esta realidade, que o noso idioma, con pequenas variantes, é falado en 5 continentes e é lingua oficial de 8 países: o cuarto idioma máis falado no mundo despois do castelán. Triste e estraño pobo o noso, incluídos moitos políticos, que fai todo por desaparecer e non o consegue, como dicía aquel sabio que foi Florentino Cuevillas.

 

A Constitución española, na súa letra, admite a Galicia como unha "nacionalidade histórica", que semella unha expresión que transcende a metafísica, a puro engano; e todo isto con tal de non admitir, se non é vagamente, que Galicia é unha nación de por si, en si, sen aderezos nin outras lilailas para conducirmos ao esfiaño. Cales son, logo, os matices, ao teu ver, se os houber?

Que Galicia é unha nación non o dubida ninguén que teña dous dedos de fronte sumados a uns mínimos coñecementos históricos, culturais e políticos sobre a nosa identidade e a nosa realidade. E Galicia, ou Galiza, debe ser unha nación independente, irmá das outras, unha "célula nai" de irmandade nosa e ao mesmo tempo de irmandade internacionalista. Eu creo na harmonía, no diálogo, no encontro e na xustiza común entre individuos, pobos e nacións.

 

"Bilingüismo harmónico", a vacuidade, a inexistencia, porque é ao meu ver, imposíbel esa harmonía. Ser bilingüe é, "sui generis", un dislate ou disparate que en xeral aos pobos de natural monolingües, cal é -tamén ao meu ver- o caso da nosa nación negada, interpretando que o nacionalismo é alicerce da nación, salvando as diferenzas iniciais, cal é, Miguel Anxo a túa opinión verbo desta miña breve reflexión?

O galego, recoñéceo a lei, é o idioma propio de Galicia. Así é. Nin máis nin menos. Volver atrás niso sería un triunfo do franquismo, da ultradereita. Eu creo, baseándome nunha lóxica natural, que debe existir para todo cidadán galego a obriga de coñecelo; que despois o fale ou non, o use ou non, o cultive ou non, forma parte da decisión individual. E é respectábel. Mais un idioma propio dun país, dunha nación, debe ser coñecido polos cidadáns que o conforman. Iso non é de ningún modo "imposición", como di a extrema dereita. Iso é algo absolutamente natural e democrático. O "bilingüismo harmónico" é un conto chinés. O castelán, o francés e o italiano, principalmente, son idiomas que eu amo tamén. Eu non odio ningún idioma.

 

Poesía, formulación literaria en xeral, incluído o xornalismo. En que terreo se move mellor o poeta que sen lugar a dúbidas é para min Miguel Anxo Fernán-Vello?

Eu son un traballador do idioma, da literatura. A poesía forma parte, digámolo así, da miña psique, da miña bioloxía. O teatro é un veleno nos últimos anos secreto. O xornalismo é unha aprendizaxe continua, unha experiencia e un reto que me afectan diariamente. Estou moi agradecido, estareino sempre, a José Manuel Rey Nóvoa e a Caetano Díaz, que son os meus directores e que me permiten esta aventura case incesante da escrita, fundamental para min por moitas razóns.

 

Ontoloxía, relixión, home (na acepción grega), cal é a túa reflexión?

Síntome próximo a esa acepción grega do home que o converte nun ser relacionado cos misterios e os espectáculos da natureza, dende un bosque milenario ou un lago de montaña, por poñer un exemplo, a un trebón con lóstregos cegadores. Sobre o tema relixioso remítome á frase de Shopenhauer: "As relixións, como os vagalumes, precisan escuridade para brillar". E tamén me apunto neste caso, se me permites, ao pensamento de Borges: "Non podería definirme como ateo, porque declararme ateo corresponde a unha certeza que non posúo".

 

E retornando á literatura, eu pregunto se vivimos o dourado tempo da nosa historia?

Eu citaba hai pouco nun artigo a escritora Rexina R. Vega, que dicía que sendo como somos un país pobre e pequeno, dos últimos en renda per cápita dentro do Estado, que consigamos con estes "vimbios" ter unha literatura e unha industria cultural tan viva e diversa é, sen dúbida, extraordinario. Da literatura actual sairán algúns nomes importantes, o tempo encargarase de sinalalos ou confirmalos. A República das Letras Galegas está hoxe á altura de calquera República literaria europea. Como mínimo.

 

Sería posible outra normativa que nos achegase moito máis ao portugués do que somos semente e sombra?

Claro que sería. E sería o intelixente. Mais eu prefiro ollar para o Brasil, para o brasileiro, que é o futuro. O idioma galego (Castelao dixit) é fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. O idioma galego, con pequenas variantes, ten hoxe 200 millóns de falantes no mundo. Se non facemos uso intelixente desta realidade, ou somos suicidas ou parvos. Ou as dúas cousas. Cando alguén fala do "portugués da Galiza" cáeseme a alma aos pés. Eu prefiro falar do galego, coas súas pequenas variantes, no mundo. Resulta absolutamente extraordinario que o idioma galego, o idioma de Martín Códax e de Antón Avilés de Taramancos, se fale hoxe no Brasil.

 

Que tal se leva o poeta coa narrativa?

No seu momento, non moi tarde, cando teña que ser será, verán a luz dúas obras narrativas que inaugurarán un novo espazo na miña contribución ao mundo das letras. Eu escribín contos e relatos no pasado, algúns deles premiados, mais a poesía centrou sempre as miñas máis radicais preocupacións.

 

De todos os teus libros, eu gardo unha especial atención e agarimo por Territorio da desaparición, esencial, certo e comprometido. Cal é o teu sentimento entre este e os demais?

Territorio da desaparición foi moi ben recibido pola crítica e polos lectores e tivo premios da Federación de Libreiros, da Asociación de Escritores e da Asociación Española de Críticos Literarios, premios todos aos que o autor non se presenta. Foi tamén finalista do Premio Nacional de Poesía de España, ficando fóra do Premio por un voto de diferenza. Para min é un libro que sinala unha nova inflexión estética e ética na miña escrita de poesía. Mais o que me interesa de xeito máis activo é o que estou escribindo arestora, o ritmo e os resultados do traballo diario.

 

Miguel Anxo: como editor cal é a túa canle, a túa actitude?

Eu son un editor, digámolo así, sen ánimo de lucro. Non teño, por exemplo, nómina da empresa. Editar poesía, centrarse sobretodo na edición de poesía de xeito especializado, non dá para máis. Ser editor talvez sexa, dígoo borgeanamente, un dos máis grandes erros que teña cometido na miña vida.

 

Unha revolta na figuración do sentido. Unha nación sen Estado pode sobrevivir?

Pode sobrevivir como sobrevive un "bonsai". Eu teño un que me regalaron e que vou coidando aos poucos. Polo momento vai ben, as folliñas renacen, hoxe están verdes e fermosas. Mais calquera día, eu seino, dará en morrer. E así tamén a nación se non se converte en Estado. A palabra vén de "stare"; ou sexa: estar en pé, manterse estábel, non caer ou sucumbir, decidir.

 

É posíbel -para alá dos soños de cadaquén-, a conxuga do marxismo e o nacionalismo que agora vivimos?

É ben sabido que Marx, que foi e é un dos grandes xenios da humanidade, militou coas súas ideas a prol das nacións oprimidas. ¿Acaso non se solidarizou cos obreiros irlandeses fronte ao goberno inglés? Mais sobre este tema eu recomendo as páxinas maxistrais que escribiu no seu día Xosé Manuel Beiras.

 

Non cres ti que na poesía hai moita trampa que non serve máis nada que para tecer unha arañeira da verdade poética?

Na poesía hai de todo. Hai bos poetas, mediocres poetas e até pésimos poetas. Como en botica. Hai oportunismo de vangardismos trasnoitados, hai lírica de cartón pedra clónica, hai ignorancia suma da tradición poética galega e universal, hai falta de ritmo e de cadencias, hai descoñecemento do poema como construción material, hai febleza expresiva e hai todo o contrario. Hai poesía excelente e rica en si mesma, mais en xeral, aquí e en todas as partes, a poesía é unha flor rara, unha verdade rara, que non sempre se atopa.

 

Que libro que aínda non escribiches che gustaría escribir?

Se teño tempo, saúde e vida, acabarei escribindo ese libro que me gustaría escribir e que hoxe non sei exactamente cal pode ser. Só o enxergo na néboa. Con rematar os proxectos inmediatos -refírome aos que levan dous ou tres anos en activo- doume por absolutamente satisfeito.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS