Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Exames do Celga FOTO: AXENCIAS |
Despois de que esta semana, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicase a convocatoria de 140 cursos Celga, a Mesa pola Normalización Lingüística amosou a súa preocupación porque a cifra representa unha rebaixa de 45 cursos. A asociación considera “moi insuficiente” a convocatoria porque “non garante a demanda que existe na sociedade” e deixará, engadiu, moitas persoas “sen a formación en galego que queren conseguir”.
“O mínimo que se lle pode exixir a unha política lingüística seria e responsábel é que haxa cursos para aprender ou mellorar o galego para aquelas persoas que queiran, mais nin iso garante o goberno de Alberto Núñez Feijóo. De que hipócrita liberdade lingüística presume o presidente da Xunta se nin tan sequera garante prazas para quen quere aprender galego?”, observa o presidente da Mesa, Carlos Callón, nun comunicado.
A Mesa critica tamén que se reduza a unha única convocatoria anual a posibilidade de conseguir o CELGA, o cal “lle pode provocar un prexuízo irremediábel a quen o precisar para un proceso selectivo, concurso de traslados etc”. A maior asociación cultural de Galiza non dubida en atribuír tal decisión a un “obxectivo consciente de fomentar un clima social contrario ao galego”, o cal cualifica de “incívico e irresponsábel”.
Esta convocatoria anual será en xuño, mentres que nos anos anteriores había probas en maio e en novembro. Quen suspenda agora, terá que agardar un ano enteiro para se poder presentar de novo.
Callón lembra tamén que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non garante que os cursos que se vaian solicitar se chegen a realizar. Deste xeito, aínda que nun concello ou nunha asociación abran un prazo de preinscrición e se anoten vinte persoas, non existe ningunha garantía de que ese curso se vaia ministrar.
A Coruña volve quedar atrás
A Concellaría de Normalización da Coruña, Ermidas Valencia, critiou a “escasa oferta de cursos Celga na cidade”, “xa que nin sequera chega á metade de cursos que ofertaba o bipartito”. A edil lembra que na convocatoria da Consellaría de Educación, A Coruña ficou sen ningunha praza para os cursos Celga. De aí que Valencia apunte que “o normal sería que na nova convocatoria ofrecese máis cursos aquí que no resto das cidades”. Porén, Política Lingüística só impartirá 2 cursos por cada nivel do Celga na cidade, mentres que en urbes como Vigo ou Pontevedra, a Xunta de Galiza chega a ofertar 3.
