Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.06.2018 Actualizado 21:11
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Inventario de mortalidade

Manuel Martínez reúne boa parte da súa obra creativa

Onte presentou en Santiago os volumes ‘24 10 06’ e ‘Ghats’ que inclúen textos da escritora Anxos Sumai

MARÉ . SANTIAGO   | 23.02.2008 
A- A+

Case en segredo -como é o seu costume-, o fotógrafo e deseñador Manuel Martínez presentou onte en Compostela dous volumes -os primeiros que publica- onde recolle unha parte da súa obra fotógrafica: Ghats e 24 10 06, este último acompañado polos textos de Anxos Sumai. Os libros, editados por Candeia e Litonor, amosan a versatilidade dun artista que, desde hai anos e en silencio, percorre con obsesiva paciencia un universo de imaxes sorprendentes, a maior parte delas extraídas da contorna inmediata. Este é o caso de 24 10 06, un libro en branco e negro que leva por título a data da morte da súa nai e que lles ofrece aos lectores unha inquietante visión sobre a desaparición e a porosidade da existencia.

Manuel Martínez concibe o seu discurso como unha sucesión de imaxes duais até desenvolver unha complexa panorámica de símbolos, presididos pola recorrencia da cruz. Ruínas, sombras, camas desfeitas, ausencias, pegadas na area, gretas, árbores invernais, manequíns despousídos de roupa, horizontes desolados ou nubes de luz ameazante trenzan o libro como un desasosegante exercicio de cicatrices. "A fotografía", dixo Susan Sontag na frase que encabeza 24 10 06, "é o inventario da mortalidade".

Colocado fronte a fronte co baleiro da morte, Manuel Martínez trata de dotar novamente de coherencia lóxica un presente que se lle volatiliza ante os ollos. Demérxese na frialdade do caos e sobre os seus estratos de desorde, forxa unha beleza de signos extinguidos, unha beleza estraña que lle permite interrogarse a si mesmo e, ao tempo, utilizar a interrogación como síntoma innegable de vida.

Canda o traballo de Manuel Martínez, a escritora Anxos Sumai engasta un texto sen principio nin fin, unha especie de ouróboros que representa o ciclo vital, a eternidade e o infinito. "O cruzamento co meu corpo desa dor absoluta nunca antes sentida deitou tamén un pranto novo, unha das múltiples variedades do chorar que conforman o meu persoal reconto de bágoas", escribe Sumai, que ao longo do texto se vai precipitando cara ao vórtex da autoconciencia e descobre como 24 10 06 lle amosa "a emoción da fin dun camiño e a tensión dunha árbore solitaria exposta ao horizonte soa e tan feliz, soa e tan fermosa".

Ghats é un libro formalmente distinto, se ben as fotografías que o compoñen amosan a mesma indagación, preocupado sempre Manuel Martínez por completar fóra do plano a narración da mirada. A morte continúa a ser o motor deste traballo -tamén dedicado á súa nai e á memoria de Mercedes Salvado- pero aquí aparece cuberta polo impacto que nel causou unha viaxe a Varanasi, a cidade máis sagrada para morrer da relixión hinú.

Porén, o seu xeito de abordar agora a morte -desde o outro lado, desde a provisionalidade da viaxe- permítelle ampliar o discurso cara a unha reflexión sobre o seu propio traballo fotográfico e sobre a memoria. Chegado o momento, cuestiónase incluso os obxectos representados e suxire que a verdaderia fotografía -a mellor fotografía- talvez sexa a que nunca foi capturada pola cámara.

De novo Anxos Sumai, agora acompañada por Xerardo Fernández e Roberto Ribao, entre outros, achegan as súas experiencias na India para completar a do fotográfo, sen dúbida a máis apaixonada e estremecedora que se fixo nunca en Galicia sobre a cidade dos ghats. "Os mortos non quedan onde os enterraron. O marabilloso nunca será interpretado nin descuberto, nin sequera fixado polos teus ollos. O marabilloso ocupará outro espazo que o teu ollo, inseguro, nunca poderá reter, como imposible é alcanzar a outra marxe: a perda".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS