Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

conversas contemporáneas

Manuel Miragaia: “O PP ata mesmo quere suprimir da Constitución a nacionalidade de Galicia”

Filósofo e escritor

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 07.06.2009 
A- A+

Axencias
Manuel Miragaia está agora preparando a edición dun libro cos seus artigos periodísticos
FOTO: Axencias

Manuel Miragaia Doldán (A Coruña, 1958) estudou Filosofía na Universidade de Santiago. Traballa como docente, que el entende como "unha das máis intensas que existen". Desde moi novo comezou a escribir poemas e a publicar artigos en diversos xornais, actividades nas que segue. O seu primeiro libro foi o poemario Xénese e Apocalipse (1981), no que tratou de reflectir " a angustia do ser humano perante a morte, a valorización da vida e formular as preguntas que todos nos facemos sobre elas desde unha óptica existencialista". Tamén publicou na editorial Toxosoutros o libro de relatos humorísticos e críticos Manual para escritores e outras sátiras.

 

Manuel, como ti ben sabes, o goberno de PP na Xunta, e por boca do seu presidente, e mesmo polas súas "promesas" na campaña electoral, dixo, entre outras, que en canto que chegara a onde agora está derrogaría o Decreto de Normalización Lingüística, para lle dar satisfación a galegofogos, colonizados máis alá do aspecto puramente lingüístico, xentes cativas nos ergástulos do autodio, autodesprezo, e mesmo sometidos a unha diglosia esgazante e esmagadora, un decreto que en liñas xerais só se cumpría vaga e escasamente, pois segundo as miñas informacións, a porcentanxe do cumprimento obrigatorio, non excedía a miseria do 1%. Outra das falacias era e é que o castelán estaba en perigo de extincion en Galicia ou Galiza, cando a realidade che é ao revés. Unha simplemente ollada ou observación aos medios de comunicación, tendas, comercios pequenos ou grandes superficies amosan o contrario do que din estas/estas lingüicidas, mergullados nunha fondísima animadversión de cara ao que é o idioma de si, natural e consubstancial da nación galega que eles negan coa contumacia do nacionalismo español representado polo PP en Galicia. Despois na normativa de consenso asinada por Fraga Iribarne e polo propio Núñez Feijóo, despois dos inventos de bilingüismo harmónico, cordial, e agora seica que amábel ou cortés, e aínda sen derrogar o decreto porque saben que terán moitos atrancos é unha inevitábel e xusta resposta social, e en nada partidista como eles/elas queren dar a entender, pois, para as próximas oposicións ao funcionariado, poderán realizar en castelán, acreditando uns mínimos coñecementos do galego. Núñez, insisto, argüe con eufemismo que como pouco non é máis que un dislate: "cortesía lingüística". Morra o conto. Así esoutro día, con maior siso, e dadas as circunstancias, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, advertiu, non sen certa morneza, de que aquí "a única lingua imposta é o castelán". Podes Manuel, reflexionar a proposto desta miña pregunta e tamén reflexión?

 

A túa análise paréceme atinada. Só engadiría que nunca houbo unha vontade verdadeira de normalizar a lingua desde a Xunta. E menos agora, por suposto. Lembremos, por exemplo, a Méndez Romeu, antigo vazquista, paralizándoa na medida do posíbel desde a súa Consellaría de Presidencia. Non entendo como ese profesor de galego que é Anxo Lorenzo se presta a realizar ese traballo sucio de rebaixar o decreto de mínimos que xa existe. Que gaña a cambio? Non lle preocupa o seu prestixio? Promete se cadra que vai evitar co novo decreto que baixe máis o número de galegofalantes? O contexto deste tema é aínda moito máis grave. Temos que ser conscientes de que se trata dunha regresión deseñada desde a fundación do PP para recentralizar o Estado. Despois do decreto no ensino virán máis cousas.

 

O castelán que se impuxo en Galicia dun xeito belixerante, dou lugar a unha diglosia patética, mesmo en xentes cun certo nivel académico. Non hai máis que oílos falar. De maneira que historicamente e mesmo hoxe en día que o castelán imposto a sangue e ferro dende lonxe do tempo e aí á volta da esquina está a imposición fascista, que esmagou as ideas de liberdade da República. Sen mudar moito os tempos o castelán –aquí– nunca se dixo español, era e aínda parece que segue a ser o idioma dos señoritos, e o galego a lingua dos pobres que por mor da imposición colonización, aínda pervive en núcleos, como xa dixen con maior ou menor formación académica. Estoume a acordar das manifestacións que aí atrás fixo o voceiro da Confaga, respecto das Químicas ou Físicas, facendo alarde dunha ignorancia atroz. Cal é Manuel Miragaia, a túa opinión?

Hai que traballar aínda moito pola normalización da nosa lingua, sobre todo a nivel popular. É sorprendente, mais avanzouse moi pouco na superación do autoodio e dos complexos de moita xente. Nos ámbitos onde se supón que habería máis cultura, como son os académicos e os urbanos, aínda hai moito por desbravar. Preo-cúpame o futuro da lingua sobre todo nas cidades. Nelas vexo a influencia perniciosa que teñen tamén a nivel social os maioritarios colexios concertados.

 

Sociólogos, sociolingüistas, e outras diversas enquisas denunciaban, que o número de galegofalantes, e denuncian, estaba en alerta vermella, porén, por outra banda parece ser que aumentaba o número de lectoras e lectores. Semella unha contradición nos termos. Como podes explicar ti isto?

A diminución do numero de galegofalantes desde hai décadas é unha realidade contrastada polos numerosos estudos e inquéritos realizados. Porén, iso non significa que aumente o coñecemento da nosa lingua por mor das institucións escolares. Boa parte dos títulos que se venden están relacionados coas escolas. É normal que medrase o índice de lectoras e lectores, que eran baixísimos, polo progreso educativo que houbo coas novas xeracións.

 

O castelán, devido no invento do español, e por mor da chamada "Escola Filógica Española", a cuxa fronte estaba Ramón Menéndez Pidal, deturpou canto lle veu en gana, mesmo o propio Menéndez Pidal fillo fixo maghas coa súa versión de "Mio Cid". Máis adiante, e aínda non hai moito tempo, un desinformado partidista, a conciencia, con El-Rei de España á fronte, foron celebrar o milenario do nacemento do español alá en San Millán de la Cogolla, co Código Emilianiense" enarborado en ristra. Unha falsidade indefendíbel, entre outras cousas, porque o Emilianense, pouco menos que un opósculo de tres folliñas, está escrito en aragonés, éucaro e unha migalliña de nada en castelán, non español dende logo. Cal é a túa opinión?

 

O día no que todos os galegos e galegas sexamos conscientes do valor da nosa lingua ese día sen dúbida usarémola. A historiografía española sobre Galiza e o resto do Estado, e a filoloxía española sobre o castelán e as outras linguas peninsulares, contan con moitas inexactitudes e medias verdades. Quíxose salientar o papel de Castela na formación do Estado e importancia do castelán sobre as demais linguas. De todas as maneiras, se quixese defender a validez e importancia da nosa lingua, máis que referencias históricas, utilizaría un argumento do presente: o galego-portugués permite a comunicación internacional entre nove países situados en diversos contimentes. O galego-portugués é a quinta lingua do mundo polo seu número de falantes.

 

Xa que estamos no ano de Ramón Piñeiro, e os seus transuntos metafísicos, e por outra banda controvertido pensamento, eu quero recordar como me recordou a min esoutro día a profesora Marga do Doval, que xa Kant advertía de que a metafísica non é filosofía, e digo isto porque en moitas xentes Ramón Piñeiro pasa por filósofo. Coa base do pro-nazi Heiddeger. Podes e queres opinar?

Non creo que Ramón Piñeiro sobresaíse como filósofo nin como ensaísta. Prefiro desde logo a singularidade progresista do reintegracionismo e do panteísmo místico do filósofo e intelectual galeguista Viqueira, que xunto con Teixeira de Pascoães iniciou antes que Piñeiro a filosofía da saudade. Non vexo que a relación co Partido Nazi sexa o máis relevante do autor desa extraordinaria obra que é O ser e o tempo. O posíbel mérito de Piñeiro radicaría na súa promoción da cultura galega durante a ditadura franquista. En canto á súa actividade política resúltame, como galeguista que son, decepcionante, ao intervir na disolución do PG e ao se enfrontar co Consello de Galiza, afastándonos da continuidade e da tradición política dos nacionalistas vascos e cataláns. Cando a partir dos sesenta, a ditadura franquista se suavizou e xa se enxergaba un tipo de saída máis ou menos democrática no horizonte, non tentou a súa refundación. Non comprendeu e mesmo desbotou o novo nacionalismo que xorde nos anos sesenta da pasada centuria e aínda por riba entrou como independente no parlamento autonómico da man do PSOE. Cando contaba coas posibilidades de ser un referente do nacionalismo galego e un líder antifranquista tanto durante a ditadura como despois da morte de Franco, Piñeiro optou por se converter nunha especie de antiheroe. Non resulta nada entusiasmante ver na biografía que lle fixo Carlos Casares a un home apoucado, que rexeita todo protagonismo e que anda ao longo dos anos impartindo docencia e intrigando desde a súa casa da rúa Xelmírez, Compostela.

 

A narrativa nunca te tentou moito, ou pola contra agardas o momento preciso para sorprendermos cunha novela longa ou curta?

A narrativa atráeme. De feito teño un pequeno libro de relatos humorísticos publicado. Entendo que a narrativa é un xénero central na literatura e no traballo de calquera escritor que se prece. Pódese dicir que agardo o momento preciso para escribir algunha novela e máis libros de relatos.

 

E no ensaio como se move o profesor de filosofía Manuel Miragaia?

Achegar no ensaio orixinalidade, sobre todo con temática filosófica, é unha tarefa asaz complicada. Abundaron ao longo da historia máis os narradores e poetas que os filósofos. Elaborar un pensamento filosófico propio e con entidade non está nas posibilidades de calquera. Confórmome con escribir algún tipo de traballo ensaístico con referencias sacadas da rica historia da filosofía sobre temas políticos, sociolóxicos e culturais da actualidade.

A poesía é a liña esencial na que ti máis e mellor te tes manifestado?

A poesía é unha parte fundamental de calquera literatura, mesmo diría da creación humana. Nunca se valorou moito a poesía. E iso é algo abofé inxusto. A poesía constitúenos como persoas e como comunidade. Antes de crer neste País, os políticos creron os poetas. Que sería de Galiza se Rosalía de Castro non publicara Cantares Gallegos? Entendo que a mellor poesía é a que busca unha destilación das esenciais vitais. Neste sentido publiquei en 1981 Xénese e Apocalipse.

 

Consideras o xornalismo como un xénero ou nexo máis da literatura?

Sempre pensei que dentro do xornalismo, o articulismo podería ser un xénero literario relacionado co ensaio, se se coidasen os contidos e as formas. Os que procedemos da literatura e da filosofía temos unha facilidade maior para conseguirmos iso. Un bo artigo podería ser como unha especie de microensaio con maior proxección popular. Axudaría moito máis que un ensaio publicado nunha revista ou en forma de libro a facer reflexionar e a polemizar con certas doxas.

 

Pese á excelente lírica medieval que eu sempre digo galega, por estar máis próxima á realidade, algunhas novelas do século XIX-XX., etc, non compartillas ti a opinión de que a literatura galega, en liñas xerais, está a vivir a mellor época da súa xa brillante historia?

Non diría que esteamos no mellor momento da nosa literatura. Si, desde logo, no seu mellor período en canto á produción de libros. Alén de excelentes obras, hai tamén moitas sen un mínimo contido e calidade.

 

A escatoloxía como fundamento teolóxico cres que é a antítese do filosófico?

Ti xa sabes que a filosofía comeza coa substitución do mito polo logos.

Hai cortes epistemolóxicos entre os historiadores e os novelistas que novelan a historia, o mesmo que cos aconteceres diacronos da memoria?

Todos eles son efectos do funcionamento da mente humana.

 

O ontolóxico ou o metafísico, aínda que sexan manifestacións propias do individuo, levan a unha fe telúrica e tantas veces disparatada, no che parece a ti que é así?

A metafísica entrou en descreto con algúns desenvolvementos filosóficos contemporáneos. Mais efectivamente unha parte, a que se centra no suprasensíbel, derivou en teoloxía. De todos os xeitos, houbo na historia da filosofía distintos enfoques da metafísica, algúns dignos de eloxio, como por exemplo o sentido orixinal aristotélico ou filosofía primeira, no que era unha especie de ciencia dos primeiros principios ou enciclopedia das ciencias.

 

Imos cambiar o terzo. Sempre digo que Galicia é unha nación sen Estado, son moitas as posibilidades de supervivencia?

O Partido Popular (PP) quere efectuar unha recentralización e mesmo suprimir da constitución a referencia a Galiza como nacionalidade. No presente, co extremismo españolista de FAES influíndo no PP e co perigo do crecemento de UpyD, apreséntase un panorama moi negro, moi regresivo. Porén, a existencia desta nación dependerá fundamentalmente da actitude dos galegos e galegas, que desde o século XIX co provincialismo seguen un lento e progresivo proceso de aumento da consciencia de ser un pobo. Afirmaba Ernest Renán que a nación é a vontade da cidadanía.

 

Nunha República federal, non nos iría moito mellor; digo unha
república onde se recoñezan as nacións integradas no Estado español?

Por suposto que si. Unha República federal ou confederal formada polas nacións que integran o Estado español sería o sistema político máis acaído para resolver os problemas seculares de estruturación da Península. O centralismo constitúe un problema permanente do Estado español. Mentres exista impede a harmonía necesaria. A República federal é unha utopía esencial do galeguismo e do nacionalismo galego desde as súas orixes.

 

A monarquía, calquera que sexa ela, sempre leva un compoñente de absolutismo, máis ou menos suavizado. No caso español como noutros moitos, o suavizante non é outro que a chamada monarquía parlamentar. Como ves ti isto que che expoño?

En varias ocasións teño manifestado a imposibilidade de conseguir unha democracia auténtica existindo unha monarquía. A monarquía non é un modelo de representación da vontade e da soberanía popular. No mundo contemporáneo a forma monárquica do estado resulta un vestixio medieval. O filósofo holandés de posíbel orixe galega Spinoza dicía que se todos somos iguais en canto a que formamos parte da substancia única –Deus sive natura–, na democracia todos tamén deberiamos ser iguais. Non se debe a día de hoxe aceptar a distinción entre a realeza e mais a plebe. Calquera demócrata cabal, paréceme, debe ser republicano e conseguir que no seu país haxa unha República.

 

Respecto das crenzas, dos credos relixiosos, cal é a postura ou actitude de Miragaia?

Respecto das crenzas relixiosas das persoas. Non tanto a algunhas xerarquías eclesiásticas que queren seguir dominando e mangoneando de xeito intolerante a sociedade, como nos vellos tempos. Aprezo de xeito especial cando un crente adapta ou rexeita con intelixencia algúns dogmas e práticas da súa igrexa para facelos máis tolerantes e éticos, no canto de aceptar ao pé da letra o que lle vén das autoridades eclesiásticas correspondentes. Son agnóstico e partidario dunha ética civil, sen relixión. Estou aberto ao encontro dun sentido da vida que sexa liberador, que leve á súa mellora e perfección, e a algún tipo de transcendencia. Poño, como Bertrand Rusell, en lugar máis elevado en canto a virtude e a sabedoría que a Cristo a personaxes históricas como Sócrates e Buda.

 

Soñaches ou soñas cunha República Socialista Galega?

Coas ocupacións teño pouco tempo para soñar. Mais eu xa me conformaría, Manolo, con que Galiza fose una nación con conciencia de si, de que os galegos e galegas estivesen orgullosos de si mesmos e da súa cultura, e de que este País contase co suficiente benestar para que ninguén tivese que emigrar.

 

Estás agora mesmo embarcado nalgunha obra literaria ou de ensaio?

Espero no verán traballar na recompilación e escolma dalgúns dos meus artigos publicados para compoñer un libro. E tamén continuar coa poesía.

 

Estamos chegando á fin da barbarie capitalista, ou aínda estamos lonxe?

Eu considero que estamos ao final da etapa do neoliberalismo, que imperou nas dúas últimas décadas e que orixinou esta gravísima crise. Penso que o capitalismo continuará, porque sempre tivo capacidade de adaptación, mais con outras formas máis suaves e reguladas, máis keynesianas. O capitalismo, se quere continuar existindo no mundo, terá que basearse menos na especulación financeira e máis na economía produtiva. Non pode continuar baseándose no endebedamento e na diminución dos custos laborais, porque se iso sucede os asalariados non terán os suficientes fondos para consumir. Por outra banda, os hábitos de moitos de consumiren por riba das súas posibilidades terán que diminuír. O peor desta crise é que a están a pagar os que non a causaron.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS