Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| A escritora María Xosé Queizán defínese como “feminista racionalista” FOTO: Axencias |
María Xosé Queizán (Vigo, 1939) é catedrática de Lingua e Literatura Galega. Dirixe a revista cultural Festa da palabra silenciada e a colección As Literatas de Xerais. Articulista e columnista no Faro de Vigo (baixo o epígrafe Carrapuchiña Feroz), nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia ( A rentes de terra e Século XXI) e en A Nosa Terra na actualidade. Queizán defínese como "feminista racionalista".
Ten publicado as novelas, A orella no buraco (Galaxia), Amantia (Xerais), O segredo da pedra figueira (Xerais), A semellanza (Sotelo Blanco), Amor de tango (Xerais), O solpor da cupletista (Xerais) e Ten o seu punto a fresca rosa (Xerais). Tamén é autora dos libros de contos Sentinela aberta (Xerais) e A bela adormecida na devesa (Xunta de Galicia) e dos volumes teatrais Antígona (Xerais) e Antígona, a cartuxeira, neuras (Galaxia).
A loita feminista é a protagonista dos seus ensaios, entre os que se contan A muller en Galicia (Ediciós do Castro), Recuperemos as mans (Edicós do Cerne), Evidencias (Xerais), Escrita da certeza (Espiral Maior), Misoxinia e racismo na poesía de Eduardo Pondal (Laiovento), Racionalismo político e literario (Xerais) e Antinatura (Xerais).
En poesía, ten publicado Metáfora da metáfora (Espiral Maior), Despertar das amantes (Espiral Maior), Fóra de min (Sons Galicia), Non o abras como unha flor (Xerais) e Cólera (Xerais). Entre as traducións que ten elaborado, destacan Ana Soror, unha novela de Marguerite Yourcenar, Conto azul, tres contos de Marguerite Yourcenar, Fenda, loucura e morte –catro contos: un de Karen Blixen, un de Charlotte Perkins Gilman e dous de Emilia Pardo Bazán– e poesías de Louise Cotnoir, e outras poetas canadenses.
Parece inevitábel, comezar polo recente borrador do Decreto de Normalización lingüística, ese trilingüísmo harmónico que a min me parece un disparate. Tal como está pensando desartella o país, a nación, dende o punto de vista lingüístico, introduce confusión, cal é o caso, non leva a máis que perpetuar a perversidade da diglosia, aumentar o autoodio e as diferenzas anómalas entre os habitantes dunha nación cunha lengua propia e polo tanto natural de si, a parte das opcións intelectivas-intelectuais de cada un dos seus habitantes, sexan homes ou mulleres, sen distinción…
Cal é María Xosé a túa reflexión a propósito desta outra miña?
A idea lanzada desde instancias españolistas contra as outras linguas peninsulares, e esa falacia de que corría perigo o español, callou en mentalidades obtusas e conservadoras. De aí nace Galicia Bilingüe, que realmente aspira á Galicia monolingüe. Este brodio encontra un caldo de cultivo excelente no novo PP galego, que ten os ollos postos en Madrid. De non ser así, decataríanse que non pode existir unha Xunta de Galicia de non haber unha nación con estrutura e lingua propia. Como se pode dirixir unha Galicia trilingüe? Unha cousa é aprender idiomas e outra é perder o propio e equiparalo ao resto das linguas.
Así, cres que isto, máis que conflitivo, pode dar un enfrontamento en todas as ordes da comunidade escolar, para alá da primaria, os IES e a propia universidade?
Conflito non creo que haxa. Os proxenitores, nin mesmo o alumnado, vai facer confrontación. Só uns pequenos sectores. Falta conciencia colectiva. Isto non o poderían tragar en Cataluña, por exemplo. Máis que buscar o conflito, creo que é no campo político, da lei, das normativas e do sentido común onde se pode atallar este abuso.
A literatura é literatura en xeral ou tenche compartementos case estancos entre homes e mulleres?
Mulleres e homes non teñen cerebros e pensamentos distintos. Non hai diferenza, logo, na escrita ou calquera outra manifestación intelectual ou artística. Hai, e sobre todo houbo, diferentes roles e vivencias. No pasado, as mulleres, recluídas no privado, tendían á escrita intimista. Hoxe, abundan e destacan na novela negra e policíaca. No referente á ideoloxía, moitas escritoras fan textos machistas que ignoran a opresión das mulleres. Que algo sexa escrito por unha muller non garante que sexa feminista. Non é cuestión de corpos, senón de coñecementos e mentalidades. Os homes poden escribir, e de feito hainos, textos feministas. É menos abundante porque, en xeral, se interesan menos por unha teoría que lles resta privilexios e poder.
Así, pódese falar de literatura machista e feminista?
Si, por suposto. A maioría da literatura machista está encuberta. Pero non hai literatura de mulleres e homes, a non ser que se apliquen tópicos.
Non houbo ou creo que non hai ningún xénero –literariamente falando– que foxa da palabra ardente e comprometida de María Xosé Queizán; porén hai nela uns "tratados máis afortunados ca outros". A min interésanme moitísimo algunha das túas novelas, sen agravios comparativos, pero teño especial predilección e devoción pola túa poesía, "grandísima poesía", que en xeneral non foi moi ben tratada pola crítica….Estou nesa preciosidade que é O despertar das amantes, Cólera ou Non abras como unha flor. Cal é a túa opinión con respecto a esta miña pregunta?
Queres dicir que cultivo todos os xéneros literarios. Si. Non teño que esforzarme para iso. Cada libro vén co seu xénero debaixo do brazo. Será para resaltar determinados aspectos, o social, as personaxes... Está na propia concepción e ignoro como se fai a elección. Grazas pola ponderación que fas da poesía. Os meus poemarios son, creo, todos distintos. Parten da idea, como todos os meus libros, e teñen unha unidade, como un ensaio. Pero a poesía permíteme expresar emocións:. A rabia , a paixón , ironía, cólera... mellor que o ensaio.
Fixeches ensaio, tradución cunha dignidade inmensa que xa quixeran para eles outros autores ou autoras. O teu achegamento ao teatro foi certamente afortunado e mellor recibido… Podedes e queres reflexionar?
Na miña xuventude fixen teatro, representei e dirixín varias obras. Daquela lía moito teatro. Teño, daquela, unha bagaxe en relación con este xénero. Ademais, considero que o teatro é o xénero máis político, onde o contacto co público é directo. Nesa liña tamén teño escrito guión cinematográfico. Falta facer a película... Eu, ata agora, falei pouco de min nos meus libros. En cambio aprendo moito investigando para escribir. Iso achégame coñecementos e goce intelectual.
Ti tamén soñas cunha República Socialista Galega independente e mais internacionalista?
Soñar non é unha palabra adecuada para a política. Gustaríame vivir nunha república e nun país progresista. E imos de mal en peor. Prodúceme certo desasosego. A monarquía foi un tributo que houbo que pagar para saír do franquismo. Pero xa está ben. Non podemos seguir cunha institución decimonónica. Os nosos veciños, Portugal, Francia, Italia... son repúblicas. O de Galicia Independente, etc, sóame a ilusións xuvenís. Non é viable. E se ía ser un goberno independente do PP, máis vale que non o sexa. A conciencia popular é Popular. Iso é o que hai que ir modificando en lugar de propoñerse ideais. Cun traballo honrado e continuo de educación e formación. Eu escribo para iso.
Hai esplendor ou luces e sombras na literatura galega actual?
Creo que a literatura galega foi evolucionando positivamente desde o s.XIX ata hoxe. Hai máis competencia lingüistica , máis autores, máis temas, máis variedade. E como en todas as épocas, hai libros mellores e peores. O canon literario galego cambiou e ampliouse co ingreso de mulleres escritoras na literatura, sobre todo na poesía. Isto verase perfectamente no futuro. Pero é importante. Estes críticos que rexeitan a literatura actual, agás a propia, claro, parécenme ... en fin, non cualifico porque non quero caer no mesmo vicio. Creo que a literatura galega goza de boa saúde.
Con respecto aos credos cal é a actitude de María Xosé Queizán?
Non son crente. Non creo en deus, nin en ningunha relixión. Ademais son antidogmática. Interpreto a vida como unha evolución e nin siquera estou de acordo con certas cousas que escribín no pasado. Teño, iso si, unhas cantas certezas como é a de poñerme de parte da xente vencida e non dos vencedores.
Eu, María Xosé, teño a convición de que o nacionalcatolicismo aínda é vixente e feroz na nosa sociedade… Opinas ti o mesmo?
Non é aceptable que nun estado laico continúe tendo poder a Igrexa. Considero que os principios relixiosos son o máis nefasto do mundo, o que máis infelicidade e máis aberracións produce. Se ben é certo que a mocidade xa non acredita moito niso, que casan menos pola Igrexa, e se o fan, é máis pola cerimonia que por crenzas. Pero existe un respecto xeral pola Igrexa. Non comprendo como non se reclaman nos concellos unha oficina para apostatar.
A Igrexa en España segue considerando católica a toda a poboación. Iso é unha falacia. Tamén seguen cobrando do Estado. O dos colexios relixiosos concertados paréceme indignante. Se queren recibir instrución católica, que a paguen. É o normal.
Non pode ser que toda a poboación, incluída a non crente, teña que pagar ese ensino. En fin, o da Igrexa neste país é unha materia pendente. Pero aínda provoca temor. Ninguén se atreve a pronunciarse.
Hai en ti moitos libros ou algún libro de cabeceira?
Leo todo que podo, fundamentalmente ensaio. En canto á cabeceira, haha, na miña mesiña de noite hai novela negra. Necesito crimes para dormir...
Hai algún libro que aínda non escribiches e che gustaría escribir?
Teño varios libros esperando quenda. O que me falta é tempo. Porque fago máis cousas que escribir... e a vida é breve. Teño que darme présa.
Dentro deste Estado español ao meu ver negador das nacións que forzosamente o compoñen, non sería mellor para todas e todos un Estado federal que esta encoberta monarquía parlamentaria?
Sería, sería... Creo que xa che dixen a miña opinión sobre o atraso da monarquía. Pero o desexo, en política como en todo, só un punto de partida para elaborar un proxecto e levalo a cabo. Non chega con falar mal do rei para conseguir unha República. Esperemos o momento. Chegará.
O machismo persiste aínda encuberto e suavizado?
Cando hai unhas sesenta mulleres mortas, milleiros maltratadas, violadas, prostituídas, perguntarse se persiste o machismo, é un chiste de mal gusto. Cando nas mulleres hai máis paro, peores salarios, peores postos de traballo... en fin. A situación das mulleres indica que falta moito para unha igualdade e unha xustiza real.
A loucura é unha estación da alma?
Non creo na alma. Non acredito en nada máis alá do corpo e da realidade, da materia. A loucura é unha enfermidade.
A física e a química son algo máis que intencións?
A física e a química son ciencias fundamentais. Nós somos física e química. Os avances no coñecemento desas materias son fundamentais.
O resume xeral da vida é satisfactorio para a inxeneralidade das persoas?
Non entendo ben a pregunta. Queres dicir se as persoas levan a vida que quixeran? Seguramente non. Hai vidas invivibles, tremendas. Pero as persoas que se suicidan non so precisamente as que, aparentemente, teñen peor vida, en cambio hai persoas que se agarran a unha vida noxenta. Iso pertence ao eido persoal.
O idioma galego pode estar en perigo de extinción?
De ser así sería terrible. Perder un idioma é perder a historia, a cultura, os sons, o xeito... Nunca debería perderse isto.
