Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Mariña Pérez Rei: “A nosa cultura ten futuro a pesar de non ser apoiada por certos grupos sociais”

“o que máis me doe é a manipulación da linguaxe que se dá nos medios e as estratexias partidistas”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 24.01.2011 
A- A+

Mariña Pérez Rei recibiu galardóns como o Lueiro Rei de novela ou o Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía

Mariña Pérez Rei, escritora amiense establecida na cidade de Santiago de Compostela, está tamén moi vinculada por razóns profesionais e sentimentais á comarca do Barbanza. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar a obra que levaba amasando con tempo: no 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula; no 2009 publica o libro de poesía artesanal en edición limitada: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel, no ano 2010 publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar. Editorial Toxosoutos

 

A poesía, Mariña, é a máis alta cualificación á que pode chegar unha persoa que coma ti está doce e comprometidamente enguedellada co mundo non por literario incerto, nin ficcional, pois eu coido que a ficción forma parte da nosa íntima e colectiva realidade. A túa literatura, Mariña, eu descríboa, se me permites, como unha escrita transmisora de emocións e comprometida coa realidade social e política no só da nosa nación, senón de homes e mulleres degradados pola historia, da barbarie capitalista. Tanto na poesía como na narrativa, abonda unha carencia ou mesmo exceso de matices…A liberdade, como unha fermosa flor do abrente ou da atardecida agarda a palabra e o concepto dos/das poetas que a ergan cal bandeira de significados e significandos. Vino en Fanerógama, pero non sei se continuou en Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante; Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, é ao meu ver o bonito xogo do imposíbel… Cal é Mariña a túa reflexión diante desta miña proposta densa pero lizgaira?

De lizgaira ten pouco a túa pregunta, Manuel, en realidade é a nai do año. Grazas por esa lectura ben fiada. É certo que escribo moito sobre a degradación da persoa, veña do capitalismo ou en xeral da autodestrución. Por suposto que intento transmitir emocións e comprometerme cunha realidade social que se manifesta en mil matices, como ben dis. Eu sempre procuro facelo escorregando por lugares estraños, pouco previsibles, sexa imaxinando o futuro en Galicia ou viaxando a través de África: o que máis busco é fuxir do escaparatismo cotián e iso é o que me ofrece moitas veces a poesía, o manexo dunha linguaxe diferente na que outras persoas apenas te recoñecen. En Fanerógama esbocei moitos camiños poéticos, en Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante seguín máis ben un deles que me levou a aprender a usar un pouco mellor a ironía e a distancia. Paquidermo é máis denso, máis plural. En Costa necrópole creo un personaxe que ten que superar os seus medos e voar en liberdade. En cada libro ten que haber una nova rota pero o rumbo do que escribe, se está decidido, apenas varía.

 

Problemas da lingua, do noso principal sinal identitario que o nacionalismo español de cheirume e arrecendo fascista quere arrebatarmos, ferir de morte… Cal o teu punto de vista, o teu posicionamento de militante galega?

Vou procurar ser o menos catastrofista posible e cinguirme aos feitos: se ben é certo que unha política lingüística agresiva e retrógrada contra o galego fai moito dano e hai que denuncialo ben alto, tamén o é que nunca se acadaron cotas de coñecemento e formación na nosa lingua tan plurais coma as que agora temos. E iso é imparable porque se suma a un mundo de comunicacións bastante máis emancipadas dos poderes tradicionais. A nosa cultura ten proxecto de futuro a pesar de non ser apoiada publicamente por certos grupos sociais que, e isto hai que recoñecerllo, teñen moito poder político e mediático. Por dicilo dalgunha maneira máis práctica e contundente: non creo que os Reis Católicos e Frei Jerónimo Zurita ("doma y castración de Galicia") desen creto a que no século XXI esteamos na Feira do Libro de Frankfurt, que sexamos lingua de uso no Senado e poidamos permitirnos (porque si, porque queremos, porque nos peta e nos dá a gaña) presentar candidatura na nosa lingua ao Nobel. Xa llelo dicía Ramón Piñeiro aos poetas amigos naqueles tempos aos que ti aludes, ben peores que os que hoxe corren, por certo: " Publica outro libro en galego, que iso aínda é o que máis lles doe". Non queda outra máis que arrimar o ombro e traballar arreo polo que nos transmitiron.

 

Non cres ti tamén, Mariña, que o bilingüismo é un auténtico disparate que dada a situación sociolingüística actual fornecería xa de por si a estarrecedora diglosia, e aínda ampliándoa en dúas opostas direccións galego-castelán e castelán-galego, o que evidentemente provocaría, despois do enfrontamento, probablemente a desaparición do galego?

A estas alturas da película teño claro que non hai vontade de restitución dos dereitos usurpados á lingua. Persoalmente o que máis me doe é a manipulación da linguaxe que se está a dar nos medios e as estratexias partidistas con respecto a este tema. Se houbese verdadeiro interese sociolingüístico en investigar o bilingüismo e as inmersións na lingua dun territorio, analizando as súas repercusións a medio e longo prazo, creo que hai suficientes exemplos prácticos noutros lugares do mundo que amosan os beneficios a escala social. Se houbese ese interese real na nosa política lingüística actual, que está claro que non, tamén teriamos xente ben preparada e formada neste país que podería asesorar tecnicamente nese senso. O director da Real Academia Española, Blecua, é un filólogo español que defende a inmersión en catalán, galego ou éuscaro con profesionalidade e sen necesidade de manipular a linguaxe dicindo que o castelán corre perigo. El di que o castelán é unha lingua fortísima, que quen precisa apoios agora son as linguas periféricas da península. Pero aquí non estamos traballando nesa dirección, uns colleron atallos raros e outros andan enredando polos camiños prendidos en non se sabe que silveiras. Aí non vexo un proxecto de futuro sólido porque era preciso que os partidos tivesen un acordo nese eido e non se ve por ningures.

 

Unha enquisa verbo do idioma en que os pais decidan o idioma no que deben ser educados os seus fillos, non é unha babecada propia dos desnortados, e máis tendo en conta que estamos nun país que conta cun idioma propio e natural de si, que non é outro que o galego… Que pasaría en París ou en Madrid, por exemplo, se os galegos da diáspora nas dúas capitais europeas esixisen algo semellante?

Volvemos ao mesmo: o disfrace. Só me parece outra medida de pseudodemocracia rancia que oculta o desleixo de funcións e a implicación real no tema. O problema é que calle socialmente a mensaxe de que moitos nos opoñemos a esa falacia da consulta que quere pasar por ser a da verdadeira liberdade, porque non somos o suficientemente tolerantes e demócratas. O que hai que facer é dar a coñecer máis o Estatuto de Galicia e exixir dos gobernantes que gobernen e se deixen de tanta pregunta. Abren caixas de Pandora que non saben pechar e xa lles están a estoupar na cara antes de dar réditos políticos. Creo que é moi mala estratexia política e educativa, e que por suposto fai dano e crea tensións inútiles en torno á lingua. O único bo de todo isto é que a algunha xente lle caeu a careta definitivamente.

 

Mariña, aquela "España es una unidad de destino en lo universal", do falanxista José Antonio Primo de Rivera, ideoloxía de todo o franquismo aínda vixente en moitos miolos infames e cavernarios, afoutece esta "monarquía" que sostén unha democracia burguesa imposíbel?

A esa cita opóñolle outra cita, a do Grupo Nós: "Galicia, célula de universalidade". Faremos de nós o que desexemos, podemos ser galegos universais. Castelao ten máis vixencia ca nunca.

 

A literatura galega, está a vivir –cecais- unha das etapas máis brillantes da súa longa historia…?

A verdade é que a min faime moita graza esta teima por etiquetar o momento actual da literatura galega e valorala sobre todo con criterios cuánticos : número de publicacións, número de autores e autoras, número de vendas, premios, best sellers, traducións que se fan, Feiras ás que se acode, etc. Eu valoro moito máis que un escritor arrisque na súa escrita, aínda que se engane ou venda pouco. É posible que estea abrindo camiños. Poucas veces o éxito vai emparellado cun anovado literario, que eu saiba. A min paréceme que é de moi difícil interpretación a situación actual, simplemente porque non hai a suficiente perspectiva temporal, hai que agardar un tempo prudente para analizala dentro dun panorama máis amplo ou para poñela en relación con outras literaturas periféricas. Ás veces o que máis se ve ou destaca na actualidade non ten vixencia nin repercusión ningunha no futuro e a crítica debería sabelo e proceder con máis experiencia e prudencia. Esta euforia mesmo parece unha estratexia ditada por intereses de mercado, que non digo eu que non teña que existir, é só que da crítica profesional agardo outro discurso que se centre na análise literaria e fuxa de modas e de linguaxes persuasivas ou divulgativas. Iso xa o fan as editoriais. Despois tamén me preocupa que algunha xente perda de vista que somos unha literatura que ten os seus límites marcados tanto na xeografía como no seu número de falantes, así como nas súas posibilidades de repercusión no eido da literatura mundial. Somos un cirruncho marabilloso cunha cultura literaria moi rica, pero coidado con aparvar ollando o noso embigo!

 

Amor, tempo e espazo, un por un e na orde que ti desexes, podes definir e mesmo tentar conxugar estes termos?

O tempo arromba o espazo e dálle sentido. Despois de divagar algo cheguei á conclusión de que o espazo sen o tempo non ten absolutamente ningún valor. É unha opinión, eu non son Einsten! Eu chámolle o estado do tempus amoenum, significa que só estás ben nun lugar nun momento determinado, que é irrepetible e será irrecuperable. Dixo García Márquez que o amor é tan importante como a comida, pero que non alimenta. No amor, como premisa xeral, o máis importante será sempre participar.

 

O río é un soño imposíbel do mar?

Non o creo. Río e mar teñen teatralidades diferentes. É cuestión de ver máis alá do horizonte e de ter máis autoestima. E se falamos de desexos imposibles todos somos un pouco salmóns. Esa indecisión cústanos a vida pero é un pracer e sempre queda un pouso do noso paso.

 

Cal é o sentido da beleza en relación co amor, Mariña?

A beleza está na ollada do que mira e a pesar de todos os parámetros ridículos e vulgares que se nos inculcan a diario, a pesar da estética común coa que se nos pretende igualar, borrando os códigos da identidade da persoa e do territorio, a beleza é e será libre: ese é o seu éxito. O amor debera ser un filtro que axudase a separar as impurezas e o ruído que impiden ver a fermosura. A min paréceme que en moitas ocasións ver a beleza é unha cuestión actitudinal, hai que querer vela, buscala.

 

Cecais dentro dun Estado federal ou confederal, onde se recoñezan as nacións de Euskal Herria, Galicia e Catalunya, as cousas sería moito máis doadas para nós?

Sinceramente, vendo actitudes e mais repasando hemerotecas non sei se sería todo máis doado ou todo unha loucura. O recoñecemento de nación sería de feito algo positivo porque significaría deixar moitos medos atrás, pero tería que darse nun clima de acordo e consenso. Esixe moita liberdade e madurez social. Eu diría que non hai ese clima. Non o vexo próximo no escenario actual, lamentablemente.

 

É doloroso o retorno como apuntaba Antón Avilés de Taramancos en Cantos caucanos: "Non hai regreso/avoa/nunca regresa o home/ao mesmo sitio"?

Nunca se regresa ao mesmo sitio porque quen manda é o tempo e iso é irrecuperable, só se deixa entrever nas reminiscencias. Encántame Avilés e neses versos xa condensa todo o que se pode dicir sobre o tema en elegante palabra poética. Que fermoso que llo explique el á avoa. Deste xeito está perfecto.

 

O amor en calquera manifestación é esencial na túa poética?

Entendo o amor como acto de entendemento e xenerosidade, como un vínculo afectivo que incide na formación de cada persoa e que ten que ver con todo o que se manifesta en derredor. É de feito un elo que percorre todo o que escribo, deixándose ver nas súas múltiples facetas: entrega, amor físico, respecto, desexo, débeda, devoción, erotismo, dor, fracaso ou conquista. De calquera maneira, debe aparecer libremente a súa música, seguindo as estacións, a floración e algúns astros, como na vida mesma.

 

Que gran novela aínda agardas escribir?

A mellor obra está sempre por escribir e é produto do esforzo e da experiencia. Ten que estar no horizonte asomando, pero ocultándose aos poucos e facéndose a esquiva. Non pode estar demasiado lonxe senón non existe a posibilidade de soster ese traballo no tempo e de aprender dela. Sería moi inxusto ter escrito xa o mellor que se pode escribir. Haberá que ter unha mestura de confianza no traballo pausado, sorte e vento a favor. Sempre me gusta dicir que eu escribo sobre personaxes que observo, todo o demais é accidental, a min gústame ver polos ollos dos meus personaxes e saber algo do seu corazón.

Quero dicir que non vou seguir ditados nin modas. Talvez iso non se traduza en "éxito" ou non sempre teña unha transcendencia. E tampouco ten maior importancia, porque eu non escribo con ningunha presión. Son un pouco "paquidermo ".

Entre os teus soños, Mariña, habita unha República Galega Socialista, solidaria, internacionalista e solidaria cos demais pobos do mundo?

Desde logo que é un panorama moi onírico. O que máis me satisfaría de todo o que mencionas sería unha Galicia en paz consigo mesma e solidaria con todos os pobos que non tivesen esa harmonía social e política. Oxalá a vexamos un día. Moitos intuímola perfectamente.

 

Unha revolución pacífica non transcende á utopía de calquera individuo?

Non é tan utópico. Xa se deron algunhas revolucións pacíficas. Como as meigas, habelas, hailas. Pero sendo realistas, é ben difícil conxugar os grandes cambios sociais, eses que un día farán de nós seres menos cavernícolas, cunha serenidade e unha madurez que non acaben pasando factura sempre aos máis desfavorecidos ( léase infancia, mulleres, pobres…)

 

Cal é a túa propia actitude diante dos credos en particular e en xeral?

Absoluto respecto cara aos credos, relixións e manifestacións espirituais que axuden realmente aos individuos que os profesan. Expreso o meu respecto total, sempre que non teñan un sospeitoso recendo fiscalizador, explotador, colonizador e expansionista.

 

O inequívoco e a certeza da morte perturba ás mulleres e aos homes?

E outra vez máis o tempo! Perturba na longura, na dimensión máis fuxidía, onde non se pode aprehender o que nos agarda; pero nas distancias curtas, na máis absoluta proximidade do final, na intimidade desa entrega… non o sei. Talvez engaiole.

 

Inevitabelmente todo na vida ten unha data de caducidade?

Véxase a resposta anterior (?) Creo que vai ser que si. Axioma indiscutible. Non deberiamos sufrir tanto por iso.

 

A tristura é sinonimia dunha certa beleza, como suxería a novelista francesa Françoise Sagan?

Desde logo creo que a dita e a embriaguez non lle acaen ben á literatura, por poñer un exemplo. No pouso melancólico e reflexivo está o mellor que un pode aportar. Que cada quen fale por si. l

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS