Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

letras

O mariñeiro de porcelana

Elías Portela: "Teño un recoñecemento internacional, algún que outro premio, moi boa crítica pero a miña carreira é fráxil como a lingua e a poesía"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 23.06.2011 
A- A+

AXENCIAS
Elías Portela
FOTO: AXENCIAS

O escritor e lingüista Elías Portela (Cangas, 1981), considerado un dos tres autores máis destacados da poesía islandesa baixo o pseudónimo de Elías Knörr, é unha illa en expansión. Dacabalo entre Galicia e Islandia, recoñece que xa non sabe moi ben a onde pertence, cal é a súa identidade. Onte levou á Galería Sargadelos de Compostela un recital titulado Mariñeiros de Porcelana con fragmentos dos seus poemarios en galego, Cos Peitos Desenchufados e Imaxes na Pel e dos seus poemas en islandés da súa última publicación, O Mariñeiro con Cabalos Matutinos baixo o Vestido que aínda non conta cunha tradución ao galego. Cunha obra baseada nas posibilidades da palabra e na busca dunha inspiración allea, o autor desdóbrase, reelabórase, encríptase: utiliza a liberdade -é capaz de vincular a codecoloxía co sexo- como provocación.

Que representan os "Mariñeiros de Porcelana"? O mar está moi presente na túa poesía.

Gústame o xogo de que podes lelo como na arte figurativa: se vas a Sargadelos, atopas figuras de mariñeiros feitos en porcelana. Tamén na miña poesía, que é moi polifónica, atopas moitas figuras mariñeiras. O de porcelana ten un dobre sentido: a beleza que contrasta coa natureza que pode ter un mariñeiro. O último que esperarías dun mariñeiro é que fose algo de porcelana. Xogo con esa dobre identidade. De feito, as dúas personaxes que lle dan título ao libro islandés son mulleres, un pouco piratas, aínda que non está expreso. Ademais, está o tema da fraxilidade. Eu cheguei a un punto no que teño un recoñecemento internacional, algún que outro premio, moi moi boa crítica pero vexo que a miña carreira é realmente moi fráxil do mesmo xeito que a miña poesía e a lingua.

Esa fraxilidade nace da diferente acollida que ten a túa poesía en Islandia -onde a revista Poetry Society o escolleu como un dos tres poetas máis representativos da lírica actual islandesa- fronte á case invisibilidade en Galicia?

Iso nunha parte. Eu estou ancorado no meu ordenador: aí está a miña casa, o meu faro. Despois, como escritor, ando con funambulismos. En Islandia, o problema é que non se pode vivir só de ser escritor, e en Galicia o mesmo. Tamén levo moi mal a vida laboral se quixera dar clases en Islandia sería moi complicado porque agora mesmo hai máis recortes no ensino público e xa os islandeses que ensinan castelán se pelexan entre eles. É unha sociedade na que ou estás nun círculo protector ou acaban contigo. Son moi vingativos. Nunca me movín literariamente por Galicia nin lin con outros escritores galegos. En Islandia, cando a editorial fixo pública a miña identidade, xa estaba lendo con escritores de primeiro nivel. O mercado editorial non está moi ben en Galicia e a poesía non é o que máis se vende.

A que cres que se debe isto?

Eu creo que moita da culpa téñena os libreiros. O público pode ser cateto en todas partes. Pero libreiros que se preocupen por ter fondo, por ter algo interesante. Só teñen o que se vende: por iso a xente merca os libros de "Harry Potter" ou "Crepúsculo". E non lle vaias ti cun libro de poesía que non sexa dunha editorial ou distribuidora grande porque xa te miran mal. En Cangas abriu unha librería moi pequena que se chama A Esmorga que ten xunto as obras que máis se venden, unha sección dedicada ao cine de culto e hai xente que vai aló a buscar cousas interesantes. A cultura que temos é moi consumista e só está limitada a ese tipo de produtos que lles interesan ás multinacionais.

Resulta máis sinxelo publicar no mercado editorial islandés que no galego?

É moi doado publicar un libro en Islandia, pero que saia adiante é máis duro que aquí. Eu entrei por un camiño máis duro, usando un pseudónimo. Ao saír en revistas, iso axudoume a crear unha estabilidade como Elías Knörr. Unha vez conseguido iso, agora teño certas portas abertas. Doutro xeito, outra xente máis independente non tería a posiblidade de saír do ámbito independente. Eu lin con xente independente e das grandes editoriais. Quíxeno facer así para que non me digan que foron condescendentes comigo. Quería demostrar que a literatura de estranxeiros é posible: o islandés é unha lingua humana e calquera podería aprendela. Hai tamén un sacerdote xaponés que publicou haikus en islandés e agora hai unha canadiana, Angela Rollins que está a facer os seus experimentos en islandés.

Iso non pasaría en Galicia onde os escritores de fóra son case mellor recibidos que os de aquí.

Ben, falando diso, quen coñece en Galicia a Erin Moure? É do mellor que hai en poesía galega actual. Paréceme fatal que non se coñeza máis.

En que proxectos andas agora?

Preparei moitos poemas en castelán cando me invitaron no XV Encontro de Escritores de Monterrey. Era sobre un tema novo para min, a morte, sobre o que non tiña case nada escrito. Este proxecto presenteino en Barbantesa e dixéronme que era o mellor que escribira. Pero este é un proxecto un pouco aprazado porque "Cos Peitos Desenchufados" dentro duns meses vai saír en castelán en Luces de Gálibo. A min o que me gusta é sentar, investigar textos, encántame a lexicografía, a colocación das palabras... Moitos poemas nacen así. Mesturo sempre a codecoloxía co sexo, é unha obsesión. De feito, había un poema, inspirado en Angelina Jolie por unha das súas tatuaxes, que é dos máis herméticos e que eu explico con ecuacións. O próximo 2 de xullo estarei nun recital na Universidade de Friburgo, en Alemaña. Estou cun proxecto cunha fotógrafa suíza, multilingüe, entre imaxes e poemas. Tamén estou remantando un poemario pequeno inglés-francés para unha revista de poesía canadiana.

É unha provocación?

Procuro non provocar por provocar. O escándalo non ten lugar na arte. Pero xa hai algún poema no que comezan a saír monxas ou cregos. No fondo, hai moita crítica.

EVOLUCIÓN

"Tiven que comezar a escribir en islandés para que me saíra a retranca"

Cal é a túa evolución dende o primeiro libro, "Imaxes na Pel", publicado en 2008 a "Cos Peitos Desenchufados" e "O Mariñeiro con Cabalos Matutinos baixo o Vestido", en 2010?

O primeiro senta moitas bases do meu xeito de mirar a lingua, de observar as palabras e de basealo todo na imaxe poética. O que pasa é que ese poemario tíñao bastante feito pero perdeuse porque se me estropeou o ordenador. É, se cadra, máis disperso pero ten as mellores imaxes. Os meus libros son moi variados: sempre procuro neutralizar o ego e buscar cousas fóra a través doutros personaxes. A min xa me chega con recompoñer o poema. Unha das cousas que se poden notar é que "Imaxes na pel" é o poemario máis serio e os outros dous non: cando escribín en islandés comezoume a vir moita retranca, é algo curioso. Tiven que comezar a escribir noutra lingua para que me saíra a retranca. Os dous últimos libros foron feitos en plan "tándem" ou "tango", como dicía eu. En "O Mariñeiro con Cabalos Matutinos baixo o Vestido", xoga con dúas personaxes femininas. É gracioso porque todo o mundo pensa que fala das ereccións matutinas pero para nada porque a personaxe que ten cabalos matutinos é unha muller, é Cincenta. Iso é algo que ninguén sabe.

Para cando esta obra traducida ao galego?

Pois non sei se hai algunha editorial interesada porque traducir poesía é moi mal negocio. O bo é que podería traducilo eu mesmo pero aínda non llo propuxen a ningunha editorial. Eu estou aberto a que se poida facer.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS