Hemeroteca web
|
RSS
Luns 20.05.2013
| Actualizado 00.16
Marisol Gándara Sánchez, de Ordes, gañou o XV Certame Francisco Añón de Poesía, que convoca o Concello de Outes, pola súa obra Manuscrito segundo da poeta caníbal. O premio está dotado con mil euros e a publicación do poemario.
A casa de cultura da Serra de Outes vestiuse onte de gala para acoller a gala de entrega de galardóns do certame de poesía nas súas distintas categorías. Na de 6 a 7 anos, o xurado declarou os premios desertos.
No apartado de nenos de 8 a 9 anos, o galardón foi para Iago Santos Moledo polo seu traballo titulado A natureza. Na categoría de 10 a 11 anos, o premio recaeu en Lucía Valle-Inclán pola súa obra A mosca chosca.
Mentres que en 12 a 14 anos gañou Marcela Porto Mato con A ti, e en 15 a 17 anos, o galardón foi para Lara Porto Mato por Doce cafés. Cada un deles recibiu vales de 120, 150, 180 e 230 euros para a compra de libros, respectivamente.
O xurado, integrado por AñónMaría Reimóndez, Román Cerqueiro, María Golán e Manuel García, tamén decidiu conceder varios accésits nas distintas categorías, que teñen como premio a súa publicación.
Por outra banda, o Concello de Noia rendeulles homenaxe aos escritores da localidade María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. O acto, presidido polo alcalde, Rafael García Guerrero, consistiu nunha ofrenda floral diante dos bustos que ambos teñen na Alameda da vila.
Por outra parte, o Grupo Filatélico e Numismático de Noia puxo onte en marcha unha exposición filatélica, formada por selos de pintores españois e temas deportivos. A mostra está dedicada ao poeta Lois Pereiro e ao xeógrafo Domingo Fontán, que pasou parte da súa vida nesta vila. Con tal motivo, onte circulou un carimbo e un selo dedicado ao escritor monfortino e hoxe farase o mesmo coa figura de Fontán. A mostra, aberta ata o domingo, foi inaugurada polo alcalde, Rafael García.
