Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

campaña

Mazás para Cunqueiro

Cincuenta restaurantes galegos elaborarán os pratos favoritos do escritor mindoniense e repartirán entre os seus clientes un libro sobre os seus gustos gastronómicos

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 25.05.2011 
A- A+

ramón escuredo
Os cociñeiros que participan na campaña xunto a Carmen Pardo, Ramón Villares e Miguel Viña, onte na Praza de San Agustín de Compostela
FOTO: ramón escuredo

Conta o editor Víctor Freixanes que cando coñeceu a Cunqueiro na súa casa viguesa chamoulle a atención o forte arrecendo a mazás. Maioritariamente reinetas pero tamén repinaldos e fadas verdes campaban polas bibliotecas e os papeis do escritor mindoniense que se alimentaba do seu olor para escribir. As mazás foron as protagonistas onte na presentación da campaña A cociña galega con Cunqueiro, que hoxe se pon en marcha en cincuenta restaurantes de Galicia co obxectivo de homenaxear ao autor de Merlín e familia polo seu papel decisivo na difusión e prestixio da cociña galega. Un acto organizado polo Consello da Cultura Galega que comezou cunha "foto de familia" na Praza de San Agustín ao abeiro da Praza de Abastos en Compostela e continuou cunha degustación de diferentes tapas inspiradas na obra gastronómica de Cunqueiro.

No acto estivo presente Carmen Pardo, secretaria xeral para o Turismo, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o xornalista gastronómico e editor da antoloxía, Miguel Viña, así como varios dos cociñeiros que participan. A campaña A cociña galega con Cunqueiro levará os pratos máis apreciados polo principal escritor gastronómico de Galicia de volta aos restaurantes, recuperando a rica tradición gastronómica galega e empregando os restaurantes como espazo de difusión cultural. Ademais, distribuíranse entre os clientes 10.000 exemplares do libro Na mesa con Cunqueiro. Antoloxía gastronómica e literaria, unha antoloxía literaria e gastronómica de Álvaro Cunqueiro.

 

DATOS

Pardo: "É un reclamo turístico"

Carmen Pardo destacou o papel da gastronomía galega, que "constitúe por si mesma un reclamo turístico de primeira orde". A secretaria xeral para o Turismo lembrou que Turgalicia recibiu este ano o Premio Cunqueiro pola súa difusión da gastronomía galega.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS