Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

historieta

Medido, coherente e atractivo

Iván Suárez e Ignacio Vilariño gañan o premio Castelao

28.04.2011 
A- A+

Ignacio Vilariño é o guionista do comic ‘Titoán’

O cómic Titoán, do debuxante compostelán Iván Suárez e o guionista de Lalín Ignacio Vilariño, é a obra gañadora da VII edición do premio de banda deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.

A resolución do xurado foi feito público onte polo presidente da institución provincial coruñesa, Salvador Fernández Moreda, e o comisario do certame, Miguelanxo Prado, durante unha rolda de prensa na que se destacou o excelente nivel medio dos traballos presentados a esta edición, o que supón "unha progresión" do certame.

Salvador Fernández Moreda felicitou os gañadores e expresou a súa satisfacción pola brillante traxectoria profesional de moitos dos autores coruñeses que gañaron as anteriores edicións do certame. "Moitos dos que gañaron o premio Castelao están hoxe recibindo outros galardóns e destacando no mercado nacional da banda deseñada", afirmou Fernández Moreda, que considerou que o premio "cumpre así as expectativas coas que foi creado".

Neste sentido, Miguelanxo Prado apuntou que todos os libros de banda deseñada que gañaron o Castelao foron editados tamén en castelán e están a ter unha boa acollida por parte do público, pois son obras "que chegan máis alá do mercado local e deféndense por si soas con dignidade".

Segundo explicou Miguelanxo Prado, Titoán é "unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista", e cunha solución gráfica "atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo que está a contar".

"Non é doado facer unha obra sobre Castelao sen caer no didactismo ou na cita enciclopédica", afirmou Miguelanxo Prado, que subliñou tamén "a metalectura do texto, a historia que se conta nun segundo plano da obra, como Castelao constrúe unha historia e vai atopando personaxes e situación", todo iso cunha "estrutura arriscada" na que o humor se mestura con momentos de grande intensidade poética.

Segundo explicou o comisario do premio, a obra foi seleccionada por unanimidade, pois "ten un plus a nivel gráfico e de guión, cuxa orixinalidade e plantexamento vai alén dos estándares habituais".

O xurado decidiu tamén seleccionar como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e Luis Sendón, que é "unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura".

sara balado

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS