Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.01.2018 Actualizado 13:17
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

iniciativa

Meninas 100% galegas

Douscentos artistas encheron onte, por terceiro ano consecutivo, as rúas do barrio ferrolán de Canido, para plasmar as súas visións do cadro máis recoñecido de Velázquez

PATRICIA HERMIDA . FERROL   | 05.09.2010 
A- A+

kiko delgado
Moncho Borrajo, amosa unha das súas pinturas
FOTO: kiko delgado

A curiosidade puido coa Infanta Margarita. A ne­na de sangue azul converteuse en aceno pictórico e cruzadora de espellos, moito antes de que Alicia desbaratase o País das Marabillas. Xunto ás súas da­mas portuguesas, un can somnolento e varios ana­nos cascabeleiros, irrom­peu no taller do pintor e esnaquizou o posado real. O mesmo Velázquez tivo que sucumbir ás trasnadas infantís: convertendo unha anécdota familiar na pri­meira obra de arte vangar­dista da historia. Desde aquel 1656, As Meninas exercen como rompecora­zóns, alongada sombra so­bre Lewis Carroll e influxo pop. Os últimos enfeitiza­dos: os 200 artistas atra­pados onte polo barrio de Canido. Con Edu Hermida como Frautista de Hamelin, pintores e músicos impreg­naron os muros de espírito xoguetón e Preescolar.

Como en Misterio en Salem"s Lot, este outeiro de Ferrol espertouse estra­ñamente cambiada. Polas rúas non pululaban os vampiros da novela de King, pero si homes e mulleres multicolores que convertían as murallas en cubos de Rubik. Tan en­ganchado se atopa Ca­nido coas Meninas que por terceiro ano consecutivo organiza esta Arte na Rúa, co apoio do concello. Case non quedan paredes libres, segundo con­firma o organizador e ar­tista Edu Hermida. Pero os cadros cobran tanta vida que ata Meninas de carne e óso se desprenden dos marcos. Así ocorre coa pequena filla de Hermida, aferrada á man de Moncho Borrajo e alzada en miriñaques.

 

Borrajo: "Unha oportunidade de volver pintar na rúa"

Borrajo conseguiu que a curiosidade mate ao gato. Porque xunto á súa Menina en grafismo vermello e negro agarda petrificado un minino carbón: sen o sorriso do Gato Cheshire pero coa mesma perdición polas nenas revoltosas.

Fanático de Velázquez, Moncho Bo­rrajo celebra "esta oportu­nidade de volver pintar na rúa como xa había en Valen­cia hai 45 anos na Escola de Belas Artes, sempre fun moi rebelde e encántame ir en contra do establecido". Tocado con chapeu de sega recibe o agarimo veci­ñal "dun barrio abandona­do que agora se transforma en festa de pintores, a rúa é o mellor sitio para a arte, a xente chámame Monchiño e invítame mesmo a lavar­me na súa casa". O seu engan­che velazquiano vén de lonxe: "Teño moitas Meninas pintadas, este cadro permi­te moitas investigacións, dende os Reis reflectidos nos espellos, a súa perfecta triangulización, Velázquez como o primeiro impresio­nista, a recuperación que fixo Picasso...". Até anti­gamente as Meninas apa­recían como "mulleres de vida pública". Borrajo esquécese dos cans do século XVII "para aproveitar e colocar un gato que non existe no cadro orixinal, fa­cendo a Menina como un apuntamento grande que impac­ta máis ao lonxe, sería pre­cioso que a xente a coñeza como A Menina do Gato". Da rúa 100%.

 

Unha heroína xaponesa con armazón nas saias

Outra aves­pada mociña álzase sobre unha escaleira na Rúa da Estrela, xunto ao seu pai. O pintor noiés Deli Sánchez (41 anos) e a súa vallecana fi­lla Laura (14) comparten vacacións, muro e mans embadurnadas. Deli nave­ga máis polas súas raíces ga­legas, "cunha Menina de auga, homenaxe á miña pin­tura e ós ríos galegos". Pero a súa filla enfráscase no poder manga: "Un bo día ela pediume un caba­lete e compreillo, espere­mos que estude e non pinte moito".

Coa determina­ción de Emily en Vento nas velas, Laura traza unha heroína xaponesa con ar­mazón nas saias: "Vexo ás Meninas gordas, represéntoas con estilo manga pero vestimenta de época". Fan de series como Kiss x sis, pinta desde pequena "porque vía ó meu pai, aínda que tamén me encan­tan Kandinsky e Miró". O mellor: "Pintar na parede sen que che digan nada".

O percorrido máis emo­cional culmina con Manuel López, pintor ferrolán que estampa por segunda vez a súa casa natal de Canido: "En 2009 tracei uns realis­tas Velázquez e Margarita, agora uso un estilo xeomé­trico pero impera sempre o meu vínculo sentimental". O sangue tira como nada.

O PROTAGONISTA

Hermida: "Xa case non queda sitio"

Eduardo Hermida é o organizador de Arte na Rúa: Meninas en Canido.

A este paso non queda­rán muros libres...

O ano que vén teremos que pintar acuareliñas, xa case non queda espazo físico e non podemos encher to­do Ferrol de Meninas. Quero que perma­nezan como marca do barrio. Aínda que Ferrol Vello se ofrez­a, nós xa cumprimos unha etapa. E despois terémonos que enfrascar noutro proxecto diferen­te, por ideas non será. As Meninas funcio­nan como arte efémera e do momento, para gozar do día.

Vese desbordado?

Uns artistas ata me enviaron mensaxes á unha da mañá para pintar. Buscámoslles máis espazos. Cando empecei non pensaba que chegaria­mos a tanto. Agora o Concello ata planea bolardos en for­ma de Meninas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS