Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Espazos desprotexidos

A Mesa denuncia que unha pediatra da Coruña veta o galego

A Mesa denuncia que unha pediatra do Hospital Modelo da Coruña non lle deixa aos seus pacientes que lle falen en galego

MARÉ . SANTIAGO . MARÉ   | 20.06.2007 
A- A+

Carlos Callón presidente da Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou onte que unha pediatra do Hospital Modelo da cidade da Coruña obriga os nenos que atende a non falarlle en lingua galega durante a consulta. A denuncia foi contestada inmediatamente desde o hospital cun comunicado no que se asegura que selecciona o seu equipo médico por criterios profesionais e non lingüísticos.

A Mesa criticou este "novo caso de grave discriminación por razón da lingua empregada" logo de ter coñecemento dese pola denunciante, unha muller que acudiu co seu fillo de trece anos de idade a unha consulta pediátrica ordinaria no Hospital Modelo da Coruña.

Segundo o texto remitido pola Mesa, esta cidadá "non puido saír do seu asombro cando presenciou como a médica lle esixía ao rapaz que se dirixira a ela en castelán, visiblemente alterada e con moi malos modos".

Tras presentar a muller unha reclamación ante a Mesa, a organizacón dirixiuse á dirección do Hospital Modelo, así como á secretaría xeral de Política Lingüística, entre outros, para darlles conta da situación e demandarlles "algún tipo de resposta ou solución".

A asociación en defensa do idioma considera "impresentable que nestes tempos se sigan producindo este tipo de situacións", aínda que recordou que "con toda certeza son moito máis frecuentes do que pode parecer".

"Só mediante a súa constante denuncia pública é posible porlles fin", conclúe a Mesa.

O hospital privado da Coruña deu tamén a súa versión dos feitos, recoñecendo que a pediatra denunciada se nega a que lle falen galego, pero porque "non é galega, porque non fala galego e tampouco o entende". Para os responsables do hospital, "se ten que facer un diagnóstico médico, loxicamente deberá entender perfectamente o que lle están contando para dar un servizo médico de calidade".

Esa é a razón pola que pediu que lle falaran en castelán, argumentaron as fontes nun comunicado en castelán no que subliñaron que "a política do hospital é seleccionar a un equipo médico en función de criterios profesionais, non por criterios lingüísticos".

O Hospital, indican, "xamais discriminou a ninguén por motivos lingüísticos e non vai deixar de dar un bo servizo médico porque o doutor non fale galego", agregaron. De feito, conclúen que esta "é a primeira vez que temos unha reclamación deste tipo" e detallaron que no que vai de ano atendéronse 13.715 urxencias de nenos e 21.439 de adultos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS