Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 21.01.2020 Actualizado 21:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Poeta

Miguel Mato: “Queren reducirnos a unha minoría para exterminarnos”

“A burguesía e clases populares, entregadas ao consumismo, carecen de conciencia social e cultural”

POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 16.08.2009 
A- A+

Miguel Mato Fondo publicou libros como ‘O whiskey na barrica’ ou ‘Xope de Liliana’

"Nacín na Ponteceso, un día de abril de mediados do século pasado, na casa da miña avoa Teresa Mosqueira. O cuarto ten unha fiestra francesa cara ó xardín onde nos anos seguintes medrou unha nogueira e o pozo coa follaxe e as sebes, sempre cheas de paxaros; hai logo outra fiestra aberta cara ó solpor, desde a que se albisca o Monte Branco e desde a que moitas noites podemos escoitar o bruar do mar na Barra. A miña avoa materna era mestra e, unha vez xubilada, mataba a súa vocación pedagóxica ensinándome a ler en francés e a debuxar. Nunha daquelas tardes de lectura ollamos nos piñeiros próximos ao xardín un ouriol e outra vez un enorme miñato erguer o voo, con maxestade. Aínda non cumprira ben os catro anos cando a miña tía Teresita me ensinou a recitar un poema de Pondal, e velaí estou no retrato, erguido sobre unha
táboa, o alcalde a termar de min, e eu tratando de semellar un rapsoda convincente con aquel Meniña, rapaza nova/ ou Rosa de Corcoesto. Pondal foi daquela o meu primeiro contacto coa literatura. Despois, recordo unha novela de J. Verne, Un inverno nos xeos e, aos once anos, Wuthering Heights. Fun á escola na Ponteceso e botei por libre os primeiros anos do bacharelato.

Meu pai, veterinario o mesmo do que o meu avó e meu tío Manuel, entrou a traballar nunha multinacional belga, nos primeiros anos da explotación gandeira e avícola en granxas, e marchamos a vivir na Coruña, onde rematei o bacharelato no Colexio Academia Galicia. Máis tarde viñeron os estudos de Filoloxía e os primeiros poemas e escritos. O paso a Compostela, nos dous
últimos anos de carreira, permitíronme coñecer a F. Salina e X. R. Pena, cos que publiquei os primeiros poemas na antoloxía Alén (Follas Novas, 1977), e participamos no ambiente universitario e cultural daquel momento. Rematada a carreira, dous anos despois comecei a traballar como profesor de Língua Galega e Literatura en Sarria, e despois regresei á Coruña para impartir aulas, primeiro, no Instituto de Zalaeta, e máis tarde, no Rafael Dieste, onde sigo na actualidade. Na Coruña coñecín os compañeiros cos que publiquei as antoloxías De Amor e Desamor. O coñecemento de cada un deles ten a súa propia e pequena historia. Con todos me une unha amizade irrenunciábel e necesaria, despois de vinte e cinco anos. Logo viñeron outras publicacións e colaboracións en xornadas de literatura, principalmente coa Asociación Socio-Pedagóxica, ao longo dos anos noventa de xeito especial. As aulas e as colaboracións de tipo pedagóxico leváronme en boa parte cara ó cultivo do ensaio e dos traballos curriculares, e deste xeito saíron traballos sobre diferentes autores: Cabanillas, Pondal, Fole, Manuel María e Manuel Antonio, entre outros. Porén, acaso me afastaron por demasiado tempo da escrita creativa. Nos últimos tempos, a publicación dun libro de poemas, O Whiskey na barrica e dun fato de relatos, Xope de Lilaina, endereitou de novo os meus pasos cara a ela. Por veces penso que sempre estou a escriber poesía, non importa o que faga. Un poema, un relato, un fragmento calquera, a fantasía de cazador, a lembranza da luz da miña infancia, son, no fondo, poemas que toman diferentes molduras, caretas ou vestes. Acaso un mesmo poema, o que un pensaría ou soñaría definitivo. E podería recordar, con Pondal: ‘todo me trae pungentes memoranzas". É a biografía de Miguel Mato Fondo escrita por el mesmo.

 

Miguel, ti es un galego de esencia e presenza. As cousas arestora van por un camiño certamente erróneo. Supoñer a Galicia un país-nación bilingüe no sentido que a dominación castelán quere é algo sen sentido, aínda que cultural e lingüisticamente poderiamos ser así e tal cal, cousa que eu dubido pola diglosia non inventiva, senón á luz falante. Non é científico –lingüisticamente falando esta controversia-, o monolingüismo e a forma máis habitual da fala con distintas e diferentes interferencias do idioma invasor, que non é outro que o castelán. Non hai odio, senón, contradictio, nos termos; porén, si existe unha forma de autonegación, do autodesprezo, ti teralo comprobado e fundamentado para alá de ti mesmo, ou cecais estou trabucado, Miguel?

Na sociedade galega actual hai moita xente que vive allea ao idioma e á cultura expresada a través do noso idioma. Sen que isto mudara, podemos observar unha clara animadversión cara ao que podemos chamar "ideoloxía galega". Supoño que isto obedece a razóns diferentes e complexas, con raigañas moi fondas. Para maior abondamento, unha parte da clase política está perfectamente identificada con esa liña de alleamento, subordinados a unha
concepción centralista do estado, rampante e mesmo agresiva. Mais creo que é no fondo da conciencia social dos propios galegos onde fica o problema. Burguesía e clases populares, absolutamente entregadas a un consumismo groseiro, cunha absoluta ausencia de conciencia social, cultural e ecolóxica.

 

A poesía pola que ti camiñas vai consonte coa autoafirmación do idioma no sentimento nacional?

Escriber poesía non é en si mesmo algo que teña que ver co sentimento nacional nun sentido político. Está relacionada máis de preto cun sentido cultural ,emotivo ou estético. Non acredito na función social e política da literatura como instrumento de cambio. Isto levounos a ler de xeito incompleto unha poeta como Rosalía, da que, desde certas posicións da crítica, se silenciou todo o que non concordaba cunha leitura social da súa obra. Non deberiamos esquecer que poetas como Pondal ou Cunqueiro foron criticados por non teren escrito unha obra de intención social, e están activos aínda críticos iluminados, con vocación de comisarios políticos, que non perden ocasión de mostrar o seu desprezo por estes poetas de enorme talla estética e literaria. E todo isto aconteceu no eido cultural do nacionalismo. A liña cultural do nacionalismo ao longo das últimas décadas foi, neste sentido, sectárea e excluinte. De todos os xeitos, eu creo que na miña obra, como na obra dou-
tros poetas, e penso nos meus compañeiros de xeración, hai un país ao fondo, cultural, emocional, de experiencia vivida e sentido estético, e ese país ten un nome. E isto vese, por exemplo, en moitos poemas de X. Seoane, Fernán Vello ou Pepe A. Cáccamo. Respecto do idioma, a miña elección foi histórica e política, mais tamén estética e sentimental. Todo forma parte do mesmo. E desde iso que chamas "sentimento nacional" (galego) eu tamén penso no mundo. Permíteme recordar que na nosa tradición cultural hai unha fonda e marabillosa identificación, ou aproximación, entre o "galego" e o "universal". O actual conselleiro de cultura non debería ignoralo. Digo isto polas súas declaracións, tan mediocres e orfas de sentido histórico e intelectual. Aínda que ben pensado, quen dixo que un conselleiro ou un ministro de cultura deban reflexionar sobre a cultura?

 

Vida e idioma; idioma e vida... Son dúas razóns que non se xustapoñen?

Cunqueiro daba grazas por ter nacido nun país chamado Galiza e aprender palabras como rula ou bidueira. Eu nacín no país brañento que se estende entre Bergantiños e a Costa da Morte, no esteiro do Anllóns. Aprendín a dicir "tarai", "treita", "becacina" e "arume", e os sabores das peras urracas e da robaliza pescada por min mesmo; o silencio dos bosques no inverno e a música do mar de Valarés; a foliada da romaría de San Fins do Castro e a fonética do galego bergantiñán; aprendín a interpretar o silabario dourado das milleiras, no outono, e o renxer das trabes da miña casa nas noites de vendaval. E todo isto é vida e idioma, forman parte do que un é, como as lecturas, as conversas ou a conciencia política.

 

No ensino temos moitos problemas para explicarmos en galego como unha formulación de cultura... Ti lévalo ben, Miguel?

Eu dou clases de galego e de literatura galega e universal (en galego, tamén). O problema xa comeza aquí, nas propias aulas de lingua e literatura, así que pensemos o que é para os colegas que imparten as súas materias en galego. E hai que ver como entrou o goberno actual nas disposicións contra o noso idioma. Pensemos que un grupo minoritario, bandeirola de enganche da extrema dereita, foi quen de influír na Xunta actual para comezar a planificar políticas de persecución do noso idioma. Pois, como o vou levar? Creo que imos ter que petar na mesa e non dar nin un paso atrás. Os talibáns de Galicia Bilingüe e a activista Rosa Díez, foron recrutando falanxistas por toda a península para que viñeran a Galiza, manifestárense contra o galego. Isto resulta alucinante. Na medida das miñas posibilidades, eu non vou permitir que veña ninguén de non sei onde decidir que idioma teño que falar no meu país. Ante isto xustifico e proclamo a defensa activa, levada ao extremo, se for necesario. Se vai haber máis manifestacións da extrema dereita no noso país, teñan ou non permiso legal, que o terán, claro, estes sempre o teñen, cumprirá tomar medidas. Eles serán os únicos responsábeis do que aconteza.

 

Coa derrogación do Decreto, imos á defunción e polo tanto a definitiva morte do galego, ou resistiremos?

Resistiremos. E quero pensar que venceremos. Todo depende de nós mesmos, do que queiramos ser, o que, tratándose do pobo galego, non xera moita confianza, non creas. O noso idioma é irrenunciable, sexa cal for a nosa idea política. A ver se esta xente o comprende dunha vez. Non estamos contra nada, simplemente queremos defender o noso e ofrecerllelo aos demais como algo marabilloso. Falar galego é o noso xeito de entender o mundo e presentármonos ante os demais como xente, pobo, cultura. Por que queren impedilo? A que se debe esa actitude contra o noso idioma, que non dubidamos en definir como xenófoba? Queren reducirnos a unha minoría para exterminarnos. E isto xa o vimos noutros lugares do mundo. Deberían ollar no máis fondo deles e botar fóra os seus prexuízos doentes. Recordas o verso de Lino Braxe, "onde non hai amor, habita un nazi"?

 

Como profesor de Lingua e Literatura da nación galega, se me permites a expresión, estás satisfeito do teu traballo e súa correspondencia polo alumnado?

Estou no tramo final da miña carreira docente. Se ollo cara a atrás, creo que non cheguei a ser o bo profesor que quería. De todos os xeitos estou seguro de que os meus alumnos me fixeron mellor, coa súa xenerosidade e comprensión. A preocupación sobre o emprego do idioma galego entre a mocidade sempre estivo presente e foi motivo de incertezas e de desesperanzas, o que acontece é que os froitos non son inmediatos.

 

Intúes elementos perversos de aniquilación do galego máis alá do idioma e significantes da cultura?

Desde o propio estado central ,desde logo. E non esquezamos que os políticos dos partidos centrais na Galiza obedecen á voz do seu amo. Están absolutamente subordinados ás directrices que veñen dos seus superiores. Non hai máis. Creo que non teñen outro proxecto para Galiza, e no seu desexo de confundir a opinión pública utilizan o concepto do "soberanismo" como o andacio que cómpre perseguir, para impedir ou abortar calquera outro discurso diferente ao deles. Non se trata apenas de aniquilar un idioma, senón unha cultura. Logo están os outros, que mencionei antes. Son a punta do iceberg.

 

Falar en enxalzar a Galicia como unha festa ou romaría non é algo que despois de todo pretenden uns máis ca outros?

Lembro Arredor de sí (Otero Pedrayo), aquela novela tan reveladora, onde unha personaxe dicía que Galiza xamais chegaría a nada, todo o máis, a certo desenvolvemento turístico nalgúns lugares determinados. Ler esas páxinas sería moi interesante. Creo que na nosa terra sabemos pouco de conceptos de moderno desenvolvemento, relacionados coa ecoloxía e sostibilidade. Toda idea de progreso semella ficar entregada á especulación do solo e das enchentas. Resúltame groseiro e excesivo.

 

Es poeta ou cazador de poemas no exilio interior?

Son cazador, mais de escopeta, non de ordenador ou estilográfica. Resulta interesante o que dis do exilio interior. A creación poética, en si mesma, nace do exilio interior do poeta. Logo está a actitude do poeta ante o mundo, digamos, o estatus político e social, económico ou cultural. No meu caso, hai un exilio interior como ser dentro da miña complexidade e logo estou eu mesmo ante o mundo. E tamén aquí hai algo que me desacouga fondamente. Non só polo que está a acontecer no meu país e no mundo, descorazonador, senón porque o propio feito da miña obra ten moito que ver con iso. Claro que te sentes para alén do mundo e mesmo alleo a el, moitas veces. Esa distancia ,de todos os xeitos, como che dicía, está na propia creación poética.

 

De corazón ou de oficio?

Gha Gha Gha Gha! "Son cazador de corazón e quixera selo de oficio", así comeza aquela obra de Castroviejo, eh? Si, tanto na escrita como na cinexética, son cazador de corazón e aínda o quixera ser de oficio. Por outra banda, creo que son esencialmente poeta, en calquera xénero. A miña escrita sempre é poética. Non se trata de xéneros literarios, senón da algo máis fondo, o estilo, iso que en definitiva é o que nos dá un sentido ao que facemos e nos distingue.

 

Unha República Galega Socialista e independente sería a nosa solución, Miguel?

Eu non podo entender unha Galiza allea ao mundo. Son nacionalista e entendo que o meu país forma parte dun mundo no que procuramos o equilibrio e a xustiza. Non aturaría outro xeito de entender o nacionalismo. Acaso xa non tería sentido o termo. O soño dunha Galiza libre e socialista, igualitaria, vai parello co soño dun mundo igual. Non é, evidentemente, o mundo actual. Poderiamos soñar unha Galiza dese xeito nun mundo como o actual, dese-
quilibrado, atroz, profundamente inxusto? De ningún xeito. Entendo, ao facerme esta pregunta, que vas por ese lado. Unha república galega, independente e socialista, nun mundo independente e socialista, solidario e culto. Boa partitura. O problema é a súa interpretación.U-la orquestra? E que Von Karajan ía dirixila?

 

De crer nalgo, en que podería crer o poeta Miguel Mato Fondo?

Eu non che son nada descrido. Máis ben todo o contrario. Iluso un pouco en exceso. Cos anos virei un tanto pesimista, certo. Mais, ao longo desta entrevista, como un pequeno perdido nun bosque, fun deixando pedriñas no camiño, sinais das cousas nas que creo. E logo está a xente coa que compartes a vida. Se cadra todo se reduce a iso.

 

Un poema tamén é un relatorio da vida que non vivimos e arelamos vivir?

Non o sei. Un poema é a necesidade de que sexa. Algo aproximado ao acontecemento da aurora de Borges. Acontece e alguén sábeo. Acaso os poemas acontezan para seren tamén soño, mágoa ou iluminación do que temos vivido.

 

Crer e ser, Miguel, en que camiños andamos?

Crer e ser "é" o camiño que andamos, e onde, ás veces, nos perdemos.

Terzo en cambio. A Galicia ou Galiza política. Nun Estado federal as cousas non irían moito mellor?

É algo do que moito teño ouvido e nada entendido. Non sei que entender cando me falan de Estado federal. Como se organizaría? Non o imaxino tendo como protagonistas políticos os partidos actuais. Para o meu entender, terían que desaparecer. Por outra banda, ese Estado federal do que tanto se ten falado, sería outra cousa do que unha superación do actual estado das autonomías, convenientemente controlado?

 

A monarquía non é unha "antigalla" e un desideratum?

Non me estraña a fascinación pola monarquía que hai na sociedade. Para esta xente, os membros da realeza son a estilización das personaxes dos programas rosa. Aseados, mellor vestidos, maquillados. Os seus soños non chegan para alén do papel couché. E a Monarquía non creo que sexa outra cousa. Mais do que algo antigo e obsoleto, semella un circo de leóns desdentados.

 

Que libro de poemas aínda non escribiches que che gustaría

escribir e despois publicar?

Os poemas que estou a crear son os máis deles bastante pesimistas. Necesito estar a ese lado para coñecer o que hai agora mesmo dentro de min. Tamén unha memoria que se vai esborrallando e que precisa do poema para recuperala. Eses son os dous espazos nos que me movo agora mesmo na escrita poética.

 

Cales son os teus soños políticos, o teu camiño para andar...?

Non o sei. Estou nun momento moi crítico con todo, e as perspectivas que aparezan polo horizonte están ocultas pola néboa. No que atinxe á política galega, estou absolutamente descorazonado e sinto unha fonda decepción. E nada me consola.

 

Agardas outra vida nunha solución pateísta soñada...?

Non, que va. A miña desaparición biolóxica non é nada. Mais para nós, os humanos, a morte non é a penas algo biolóxico. Cando morra, deixarei un oco nalgunhas persoas. Noutras, será unha presenza de néboa que se irá esvaendo pouco a pouco. O que me gustaria é deixar un poema que alguén lera e encontrara algunha emoción particular nel. Iso sería o que me levaría para outra vida.

Cal é para ti, Miguel, a relación entre o amor e a desesperanza, entre a vida e a posibilidade ou inutilidade común da morte?

Síntome absolutamente incapaz de falar sobre este tema. Eu creo que a morte, coa traxedia e o sentimento de perda e ausencia que leva consigo, é algo que forma parte da vida.

Se cadra resulta necesaria para darlle sentido. A primeira vez que sentin próxima a morte foi co pasamento dos meus avós. Foi algo natural, claro, mais penso que foi como se un bosque fora perdendo as súas árbores máis vellas. Co paso do tempo ves morrer xente querida, familia e amigos, e vas perdendo referencias. Esa é a sensación que
teño coa morte.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS