Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

cinema

Moito máis que samba

Carlos Núñez: "Hai outro Brasil que a xente non coñece. Brasil é Galicia tamén. Quedou moito alí da antiga Gallaecia"

M. DOPICO . SANTIAGO   | 23.03.2011 
A- A+

keltia produccións
Carlos Núñez fixo un percorrido de catro anos polo Brasil, no que se enchoupou das culturas deste país
FOTO: keltia produccións

"Hai outro Brasil que a xente non coñece. Brasil é Galicia tamén, hai moito en Brasil da antiga Gallaecia, do que levaron alí os portugueses do norte, que eran os galegos do sur". Así o cre o músico Carlos Núñez, e así o constatou no seu percorrido de catro anos polo país americano, que deu como froito o seu último disco, Alborada do Brasil, ademais dun documental que presentará o vindeiro 30 de marzo no Festival Internacional Play-Doc de Tui.

Seguir difundindo esa cultura galaico-brasileira é o obxectivo desta película, Brasil somos nós, na que o músico conversa con personalidades da cultura galega e brasileira como Carlinhos Brown, Lenine, Nélida Piñon ou Caetano Veloso e relata as interioridades do proceso de creación de Alborada do Brasil.

"Non tiñamos un guión previo. Fomos a Brasil sen saber se iamos ser capaces de atopar pistas sobre o meu bisavó, José María Núñez, que emigrou a Brasil en 1904 e desapareceu, supostamente asasinado por outro músico. Non sabiamos se iamos gravar un disco ou non, se nos ían chegar os cartos... Queriamos afondar na conexión entre Galicia e Brasil que intuiamos que había...", explicou o músico.

"Non queriamos un making-off, un equipo externo, senón facer a película desde nós, desde a nosa realidade. O importante era a mensaxe que queriamos transmitir: a historia cultural galaico-brasileira, xunto á que relatamos ese proceso de busca do bisavó. Todo está contado con moito humor, que foi unha da achegas do director, Robert Bellsolà: ese humor intelixente que teñen os cataláns", subliñou.

O obxectivo non era, engade, "facer unha película de autor, gran cinema, senón, por que non dicilo, facer un servizo a Galicia, demostrar a pegada que deixou en Brasil Galicia. Brasil non é só o que nos transmite a imaxe turística, do mesmo xeito que España non é só touros e flamenco", sinalou.

O músico entende que a difusión dese "imaxinario brasileiro-galego" vai "levar anos", pero amósase optimista, malia que só sexa unha "elite moi pequena" a de brasileiros que teñen coñecemento, por agora, sobre esa conexión cultural con Galicia. A gran maioría, reflexiona, "non o sabe porque ninguén llo explicou. Non o ían facer os portugueses...". Pero, indica, tamén o "soño" de dar a coñecer no mundo o "imaxinario celta" semellaba imposible hai anos, pero fíxose realidade. "Hoxe fálase con naturalidade da relación atlántica: Galicia e Irlanda... Onte convidáronme ó Palacio Real, con motivo da visita da presidenta de Irlanda. Pois a presidenta comezou a falar do ADN que compartimos os galegos e os irlandeses, o Rei falou de Breogán... Hai quince anos isto sería imposible", asegurou.

"Esta película non foi un negocio. Foi máis unha aventura. Era algo que era necesario facer, malia a crise. A xente pregúntanos como é posible que puidesemos estar gravando catro anos, pois iso é moi caro. Os músicos estamos afeitos a traballar así, sen grandes orzamentos. Recorremos á invención, o inxenio, a darlle moitas voltas á cabeza. E ese lado alternativo da película é parte do seu valor", subliñou.

DATOS

"A gaita foi o primeiro instrumento europeo en chegar alá"

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc inaugurarase co documental de Carlos Núñez. Colaboraron co músico, na produción executiva desta película, Fernando Conde, Carmen de Miguel e Paula Cosenza; Robert Bellsolà e Fernando Conde no guión, Xurxo Núñez na banda sonora orixinal, David Machado na postprodución de son e Xosé González na postprodución de imaxe.

"A gaita foi", sinalou Carlos Núñez, "o primeiro instrumento europeo en chegar ao Brasil, como conta Pero Vaz de Caminha na súa carta do "achamento do Brasil" ao rei de Portugal. Chegaron no 1500, e puxéronse a tocar a gaita, que lles gustou moito aos indíxenas", lembrou.

Despois, outros instrumentos herdaron a alma da gaita, e de feito no sur do Brasil ao acordeón chámaselle gaita e no norte sanfona. A gaita foi sendo substituída pola viola renacentista, a guitarra, chegada de Portugal.

Pero o Sertão, no interior do Brasil, conservou as músicas arcaicas. "Alí no interior pódense atopar instrumentos como a viola, que en Europa se perderon, e dos que sabemos por exemplo polas esculturas da Catedral", indicou o músico.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS