Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

MEMORIA

Os mortos republicanos

A ARMH promove os traballos de exhumación da foxa da Fonsagrada para recuperar os corpos de catorce militares da Guerra Civil

AXENCIAS . COMPOSTELA   | 11.08.2007 
A- A+

kiko delgado
Méndez Romeu e Vicente Irisarri, durante a homenaxe en Ferrol
FOTO: kiko delgado

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) mobilizará máis de vinte persoas para recuperar, a partir de hoxe, os cadáveres de 14 militares republicanos asasinados na Fonsagrada.

Os traballos de exhumación destes cadáveres están localizados no concello asturiano de Grandas de Salime, a vinte metros do concello da Fonsagrada. Catro arqueólogos, dúas persoas da ONG Psicologos sen Fronteiras, e voluntarios, entre eles un xaponés, participarán nestes labores.

O vicepresidente desta asociación e fundador, Santiago Macías, precisou que, aínda que estes militares republicanos, do Batallón Galicia, foron inhumados neste concello asturiano, o seu asasinato tivo lugar na Fonsagrada. Trátase do comandante Moreno e catorce membros da Plana Maior do Batallón Galicia, aos que se deu morte cando fuxían da fronte asturiana que caera en mans das tropas fascistas a finais de outubro do 37.

Estes foron interceptados no Acevo, no concello da Fonsagrada, e foron asasinados, segundo relatou Macías, por un grupo de falanxistas e Gardas Civís o 29 e o 30 de outubro dese ano. "Leváronos a ese punto, onde esta a foxa común, para intentar eludir responsabilidades por se algún día había unha investigación e para que ninguén soubese que se matara un comandante republicano sen levalo a xuízo", detallou Santiago Macías.

O vicepresidente da ARMH destaca que esta práctica foi decidida polo franquismo, porque aos militares fieis ao goberno democrático da Segunda República "había que sometelos a un consello de guerra e ao escarnio público e logo asasinalos". Por iso, advertiu de que ao comandante Moreno "non o xulgaron e o asasinaron directamente. E iso era algo ilegal", engadiu Macías.

O Batallón Galicia foi creado para romper co mito de que toda a comunidade estaba a favor de Franco, relatou o fundador desta asociación.

 

Anos de investigación para a quinta exhumación en Galicia

Santiago Macías tamén explicou que tivo coñecemento da foxa da Fonsagrada hai cinco anos, cando recibiu unha carta anónima dun veciño da localidade lucense de San Martiño de Suarna na que lle informaban da súa existencia. A partir dese momento comezou unha longa investigación para determinar o lugar exacto do enterramento.

A foxa da Fonsagrada é a quinta que se vai abrir en Galicia. A primeira exhumación na comunidade fíxose en 2003 en Soutadoiro (Ourense), onde estaba enterrado Miguel Cardeñas Lozano, un xienense convertido a guerrilleiro nos montes galegos. Desde entón, recuperáronse os corpos doutros sete galegos fusilados que se atopaban en foxas de Portomarín, O Vicedo e As Pontes. O arqueólogo que dirixirá a exhumación da Fonsagrada, o vasco Javier Ortiz, prevé que os traballos se prolonguen durante catro días dada a complexidade do terreno no que está a foxa e debido ao número de corpos. Os restos serán trasladados ao País Vasco, onde o equipo de antropoloxía forense lles practicará as probas correspondentes, entre elas as de ADN, para proceder á identificación dos corpos para posteriormente entregarlles os restos ás familias.

Tras a exhumación na Fon­sagrada, a ARMH pechará a campaña de exhumacións en Galicia con dúas fosas nas localidades coruñesas de Boimorto e Ames.

ACTOS

Homenaxe en Ferrol ao alcalde republicano Xaime Quintanilla

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, presidiron onte, no Castelo de San Felipe, a homenaxe a Xaime Quintanilla, primeiro alcalde da cidade departamental durante a Segunda República e que foi fusilado na devandita fortificación nas primeiras semanas da Guerra Civil.

Irisarri e Méndez Romeu partían nunha lancha dende o porto de Ferrol rumbo ao castelo acompañados por representantes da vida política, social e cultural da urbe naval. Esta fortificación empregouse durante a contenda bélica para situar os pelotóns de fusilamiento. 71 anos despois do seu falecemento, o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia auspiciaron un evento que abriu a concelleira de Cultura, Yolanda Díaz, quen denominou o acto de onte como "un gran día" para "reafirmar a figura dun home excepcional".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS