Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Movistar ignora o galego

A Mesa pídelles a Xunta e Parlamento que actúen

REDACCIÓN . SANTIAGO ANTONIO HERNÁNDEZ   | 03.02.2011 
A- A+

Antonio Hernández
O presidente da Mesa, Carlos Callón, nunha foto de arquivo
FOTO: Antonio Hernández

A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse onte ao presidente da Xunta, á presidenta do Parlamento e ao presidente de Movistar para que "adopten as medidas precisas para que esta compañía que recibe millóns de euros de diñeiro público galego comece a respectar os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos".

Carlos Callón tamén enviou unha carta ao secretario xeral de Política Lingüística, "pois este departamento da Xunta ten un convenio asinado con esta empresa, mais esta continúa a vulnerar o dereito a obter información en galego á súa clientela". Entre outras denuncias, A Mesa lamenta que "toda a publicidade de Movistar é en catalán en Cataluña, mais aquí exclúe o idioma propio" e lembra que, malia que Guillermo Ansaldo, presidente de Telefónica, se comprometera coa Mesa en 2008 a introducir o galego na súa web, esta continúa a ter opcións só de castelán e de catalán.

Ademais, "os servizos de atención para profesionais e empresas exclúen o galego: só están dispoñíbeis en castelán, catalán, inglés, francés, italiano e alemán". Así, dáse a circunstancia de que todas as liñas oficiais do Goberno galego e do Parlamento galego non poden realizar ningunha xestión con Movistar no idioma que o Estatuto de autonomía recoñece como "lingua propia", a promover e defender.

Así mesmo, a entidade presidida por Carlos Callón observa que "nos poucos servizos que teñen atención en galego (como apoio técnico e avarías), este aparece secundarizado, sendo unha opción que só se pode escoller cando a xestión está mediada, despois de pasar por varios atendedores automáticos exclusivamente en castelán".

"Noutros casos, os servizos en galego só son teóricos. Por exemplo, no teléfono 1004, que é o servizo xeral de atención telefónica, é habitual que non haxa persoal dispoñíbel para falar en galego, polo que se anima a chamar máis tarde de forma incesante", denuncian.

DATOS

Na web, sen actualizar

Por último, A Mesa pola Normalización Lingüística observa que a información existente no espazo web de Movistar sobre terminais móbiles en galego leva sen actualizar desde o ano 2008, a pesar de ser un mercado que se caracteriza pola rapidez das transformacións.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS