Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

POlémica

Moza de bacharelato denuncia o galego da Xunta nuns exames

Asegura que o idioma utilizado é moi deficiente e que dificultaba a comprensión dalgúns dos enunciados, o cal forzaba o uso do castelán

REDACCIÓN   | 18.01.2011 
A- A+

AXENCIAS
A denuncia pon en dúbida o uso do galego nos exames da Xunta
FOTO: AXENCIAS

A Mesa pola Normalización Lingüística faise eco da queixa realizada publicamente por unha alumna de primeiro de bacharelato que denunciou que a última convocatoria de exames para premio extraordinario da ESO estaba realizada nun galego moi deficiente e que dificultaba a comprensión dalgúns enunciados, o que forzaba a utilizar a versión castelá, esta si redixida coa corrección debida.

Segundo declara a estudante, nas probas introducíase y no canto da conxunción galega e, una no canto de unha, la no de a, etc. Ademais, nas probas de matemáticas (unha das materias que a actual Xunta prohibe ministrar en galego), o galego da Xunta dificultaba gravemente a comprensión: "A cousa falaba dun foguete que despegaba e había que representar unha gráfica coa altura á que chegaba. Ao final, dicía: "dende o eixe do chan é x". Con todo o que dicía antes e o pouco que viña despois, non puiden comprender o que esa frase viña dicirme polo que tornei o papel para comprobar se é que o meu pavor polas matemáticas facía que non entendese de que ía o problema ou, como ben supuxen, era cousa da redacción. En castelán dicía: "donde el eje del suelo es x". Obviamente, hai unha moi clara diferenza entre dende e onde." A rapaza conclúe por iso a súa queixa sinalando: "Coido que como estudante galega que son, teño todo o meu dereito a poder ler, entender e facer un problema de matemáticas no meu idioma sen ter que darlle a volta ao exame".

REACCIÓN

Escrito a Jesús Vázquez

Para Carlos Callón, presidente da Mesa "é unha desidia procurada pola propia Xunta, que máis unha vez deturpa o galego porque non considera que sexa un idioma de verdade, útil e cohesionador da sociedade galega" e lamenta a "exhibición de desprezo pola cultura galega" por parte de quen debería ser "a primeira institución en coidala e promovela".

Neste sentido, Carlos Callón manifestou que se dirixiu ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para lle reclamar unha explicación e mais para que situacións como as anteditas non se volvan producir.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS