Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

MARÉ HOXE

Murakami "1Q84"

Hoxe chega ás librerías a tradución ao galego de ‘1Q84’, a última e ambiciosa historia de Haruki Murakami, un dos escritores máis lidos do mundo, Premio Arcebispo San Clemente de Compostela no 2009. Concibida como unha chiscadela ao ‘1984’ de Orwell, o libro foi vertido directamente ao galego desde o xaponés por Mona Imai e Gabriel Álvarez.

MARÉ   | 01.02.2011 
A- A+

AXENCIAS
Coa súa inquietante atmosfera narrativa, Haruki Murakami é un dos escritores que maior número de libros vende do mundo
FOTO: AXENCIAS

Hoxe chega ás librerías a tradución ao galego de 1Q84, o último lanzamento dun dos escritores que máis fervor levanta nos lectores do mundo enteiro: Haruki Murakami. Galaxia é a responsable desta edición, traducida directamente do xaponés por Mona Imai e Gsabrile Álvarez. Murakami estivo en Galicia no ano 2009 para recoller o premio San Clemente que lle entregaron os estudantes galegos ao mellor escritor internacional dese ano.

1Q84, coas súas máis de novecentas páxinas, é o proxecto máis ambicioso do escritor xaponés (Kioto, 1949), que reúne nun só volume os libros 1 e 2. O libro, unha chiscadela a Orwell, foi todo un acontecemento cultural cando se publicou en Xapón, onde se esgotaron máis de dous millóns de exemplares na primeira semana. E é un curioso e ambiguo título pola súa grafía: En xaponés a letra "q" e o número "9" son homófonos, ambos pronúncianse "kyu", de tal xeito que 1Q84 é, "sen selo", 1984.

Na novela, o autor de Tokio Blues, volve á descrición dun mundo de aparencia normal, con sensacións surrealistas, máxicas, silenciosas e inexplicables, para profundar na condición do ser humano.

En 1Q84 móvense Aomame (xudía verde en xaponés), unha muller independente, profesora de ximnasio, e Tengo, un profesor de matemáticas. Ambos son solitarios e ambos con idas e vidas cara ó recordo da súa infancia. E, o máis importante, con vidas máis complicadas do que parecen: Aomame é unha asasina de maltratadores e Tengo un escritor na sombra ó que lle está ditando un libro, para gañar un prestixioso concurso literario, unha cativadora adolescente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS