Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
O galego, o noso medio natural. É o título da nova campaña "para loitar pola supervivencia da lingua" que onte presentaron a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) mais a Área de Normalización da Universidade de Vigo.
![]() |
| Xosé Henrique Costas, pola dereita, Valentina Formoso e Serafín Martínez xunto ó material da campaña |
Facendo unha comparación ecolóxica, se cada día desaparecen 47 especies de fauna e flora dos nosos ecosistemas, o mesmo ocorre cos idiomas, xa que cada ano, 25 ou 30 linguas deixan de existir cada ano no planeta. Entre eles, o noso idioma corre o mesmo risco debido á acusada perda de falantes entre as novas xeracións. No acto, que se celebrou onte en Vigo, participaron a voceira da Coordinadora, Valentina Formoso, o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas e o ciclista do desa- parecido Xacobeo Galicia, Serafín Martínez, que tamén estuda Empresariais na Universidade de Vigo.
A campaña está protagonizada por unha "ecoguía" que inclúe textos de escritores galegos como Uxío Novoneyra, dirixidos a facer reflexionar sobre a importancia da recuperación das especies e do idioma. Repartiranse máis de 4.000 cadernos nos campus e nos centros de ensinanza non universitaria públicos e concertados de Galicia. Pero ademais, para potenciar este "ecolingüismo", tamén se distribuirán máis de 5.000 adhesivos e outras tantas chapas, camisolas ou petates nos que se fai visible o lema da campaña.
"As linguas non son só dos falantes, son de toda a humanidade e hai que responsabilizarse se poden desa- parecer", explicou Valentina Formoso, coordinadora do CGENDL. "Debemos preservar a biodiversidade e o noso futuro. Se a natureza se constrúe, enriquécese e renóvase co seu uso, co idioma pasa o mesmo", remarcou.
Como exemplo da importancia da presenza do galego en todos os eidos, adherido á campaña estivo o ciclista Serafín Martínez, alumno de Empresariais da Universidade de Vigo e deportista do "finado Xacobeo Galicia, un equipo ciclista formado en case a súa totalidade por profesionais da comunidade e entre os que o uso do idioma estaba á orde do día", como explicou Xosé Henrique Costas. "Todo o que se poida facer para apoiar o noso idioma será positivo", destacou o ciclista.
O 4 de novembro será o Día Mundial da Ciencia en Galego
Esta campaña será o preludio das xornadas que o vindeiro 4 de novem- bro se levarán a cabo con motivo do Día Mundial da Ciencia en Galego, dirixida dende o ensino a toda a sociedade para defender a idoneidade do emprego do idioma nas áreas científico-tecnolóxicas. Estas xornadas tentarán trasladarlle á sociedade "o orgullo de expresar a ciencia e a tecnoloxía en galego e de divulgar as experiencias científicas pensadas e desenvolvidas en lingua galega".
A CTNL reclama "respecto" para o traballo a prol da lingua
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fixo onte público un comunicado "en defensa do lexítimo traballo para a normalización da lingua galega".
Os traballadores de normalización lingüística piden na nota "respecto para o traballo a prol do galego". Este texto é unha reacción á "presión, desprezo, acoso e ataque que ultimamente están a sufrir persoas e colectivos que traballan en favor do galego", segundo explican. Lembran que o consenso que había para acadar uns "mínimos" de normalización lingüística "se veu nos últimos anos unilateralmente rachado polo Partido Popular e polo goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo".
Para a CTNL, estes obxectivos normalizadores "foron e están sendo directamente atacados desde sectores do partido que mantén o goberno no noso país e por asociacións extremistas que foron e son apoiadas por estes". Segundo denuncian, "neste clima de tensión creado, o traballo a prol da lingua vese a miúdo desprezado e atacado e mesmo persoas que destacan polo seu infatigábel labor para cumprir a lei vense presionadas e acosadas publicamente".
Unha situación que "está dificultando a planificación ou desenvolvemento" do seu traballo, "coa conseguinte parálise do proceso de normalización lingüística". Pídenlle á Xunta "que asuma a responsabilidade propia do seu cargo coa lingua propia do noso país". Finalmente, reclaman que o PP mude de actitude e respecte a lei e o Plan de normalización lingüística.
