Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

na arañeira

Nace Galegobook

Crean na rede unha biblioteca dixital con máis de cen libros en galego de noventa autores, que se poden descargar de balde

MARÉ . SANTIAGO   | 06.06.2011 
A- A+

AXENCIAS
Portada dunha obra que se pode descargar neste portal
FOTO: AXENCIAS

"Todo povo tén o indecrinabele direito coleitivo a usar seu propio idioma como ferramenta de cultura. Fronte a isto, nós denunciamos con feitos concretos e indestructíbeles que a lingua galega xamáis sufreu perante oito séculos de sua eisistenza literaria o grao de abouramento que aitualmente padesce". Era a afervoada defensa do galego que presentaban un grupo de emigrantes galegos ante a Unesco no ano 1954, en pleno réxime franquista. A Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego poI-o Estado Hespañol é un dos 116 libros de 90 autores que se poden descargar de balde na biblioteca dixital Galegobook.

Creada en Facebook -no enderezo http://galegobook.blogspot.com- este proxecto sen ánimo de lucro pretende ser un espazo onde publicar, compartir e conversar sobre un gran número de libros electrónicos que circulan pola rede sobre lingua (gramática, fonética, sociolingüística, manuais ou terminoloxía). O portal ofrece textos referenciais do idioma galego, moitos dixitalizados polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Observatorio da Lingua, da Confederación Intersindical Galega ou de diferentes servizos de normalización lingüística tanto de concellos como da tres universidades galegas.

Así, por exemplo, pódense descargar volumes como Situación do ensino da lingua e da literatura galega na ESO, no que Bieito Silva debulla en 2008 os cambios sociolingüísticos producidos entre os máis novos; os Cadernos de Fraseoloxía do Centro Ramón Piñeiro ou o segundo volume de O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000), un informe coordinado por Henrique Monteagudo e Xan M. Bouzada e no que participou, entre outros, o actual secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

De Antón Santamarina a Rosario Álvarez

A maioría son obras colectivas adicadas a diferentes ámbitos de aplicación do galego -ensino, deportes, medios de comunicación ou internet- nos que participan voces referenciais da nosa literatura como Agustín Fernández Paz, Antón Santamarina, Carme Hermida, Francisco Fernández Rei, Rosario Álvarez ou Pilar García Negro.

Este novo recurso, que está en fase de construción, facilita a procura de materialcun índice por autoría e por título. Na actualidade, o proxecto inclúe unha páxina de Facebook onde se poden colgar comentarios.

Un dos últimos libros que está dispoñible para a súa descarga gratuíta é Problemática das línguas sen normalizar. Situación do Galego e alternativas, promovido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e editado por Xistral en 1980, véspera da celebración da marcha sobre o Foxo (A Estrada) baixo o lema "Polo uso irrenunciábel do noso idioma, contra o decreto de bilingüismo".

INTERNET

Tamén na rede existen outros portais que permiten a consulta de textos en galego. Un dos pioneiros é a Biblioteca Virtual Galega que nos últimos meses ten colgados textos de Claudio Rodríguez Fer (Terra extrema de radiación amorosa) ou Francisco Castro ( Manual para condutores con faros antinéboa e Receitas para Thermomix). Pero non é a única que ofrece esta posibilidade. Dá un paso máis a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos (www.bivir.com) que verte obras da literatura universal ao noso idioma. Entre as últimas incorporacións que se poden descargar figuran Peter Pan nos xardíns de Kensington do escocés James Matthew Barrié e Lord Jim, unha obra de Joseph Conrad.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS