Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Música galega en Laponia

Narf actuará o domingo no festival europeo de linguas minorizadas

O tema ‘Santiago’ representará a Galiza no certame no que por primeira vez se poderá votar por internet e SMS

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 13.10.2006 
A- A+

O músico Fran Pérez e o seu grupo Narf representarán a nosa lingua co tema Santiago este domingo na cuarta edición do Liet-Lavlut, festival europeo da canción en linguas minorizadas que por primeira vez na súa curta historia contará con votacións por internet e SMS.

Este ano celébrase na cidade lapoa de Östersund, en territorio sueco e como en cada edición tamén haberá galego no xurado: será o xornalista Kiko Novoa, autor do blog "Facéndome o sueco", segundo informa o portal Vieiros. Narf terá que competir con outras dez finalistas en gaélico, éuscaro, friulano, occitano, sami, meankieli, meänkieli, manx, romaní, e votico.

É a primeira vez que o Liet Internacional se fai fóra de Frisia, onde se comezou a realizar no ano 2002. A organización correrá a cargo das minorías finlandesa e lapoa de Suecia, e estará apoiado economicamente polo concello de Östersund, a provincia de Jämtland e o parlamento lapón de Suecia. Na nova localización do festival tamén influíu que os lapóns resultaron vencedores nas dúas últimas edicións. Pero o festival está aberto a facerse noutros lugares de Europa, e mesmo a implicar a máis dunha cidade na mesma edición, pois contémplase a idea de organizar fases sectoriais ao longo do continente. A nosa Consellaría de Cultura interesouse pola posibilidade de que Galiza poida ser sede do Liet nalgunha das vindeiras edicións, se ben está descartado que sexa o ano que vén.

A canción coa que participará Narf titúlase Santiago e pódese escoitar en www.vieiros.com. Tamén se poderá seguir en directo o certame o domingo pola tarde a través da web da radio pública sueca. Aínda que hai un xurado o festival admite por primeira vez votación por internet e por SMS, aínda que este sistema só o poderán empregar os que vivan en territorio sueco. O resto de Europa poderá facelo a través desta web, pero só cando se abran as votacións, das oito e media ás nove da noite.

DATOS

Despois de Anubía e Uxía

É o terceiro ano en que a lingua galega participa neste Festival de Linguas minorizadas Liet-Lavlut, aínda que esta sexa a súa cuarta edición, despois de que o fixeran o grupo Anubía no pasado ano 2003 e a cantante Uxía no 2004.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS