Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 16.10.2019 Actualizado 13:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

letras

O naufraxio dos afectos

Miro Villar: "Que Antonio Gala teña máis seguidores ca Julio Llamazares é unha boa mostra da mercantilización do mundo literario"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 22.06.2011 
A- A+

PATRICIA SANTOS
Miro Villar é profesor de Lingua e Literatura galegas e forma parte do Batallón Literario da Costa da Morte
FOTO: PATRICIA SANTOS

"O crebeiro sería un camiñante, coma un mazarico entre mareas, que percorría o litoral á procura de obxectos con algún valor, entre o caos das crebas". É a descrición que fai sobre estes restos que o mar escupe nas ribeiras Francisco Fernández Naval, cita que abre As crebas, o poemario co que Miro Villar (Cee, 1965) gañou o XII Premio de Poesía Concello de Carral en 2010. O autor, profesor de Lingua e Literatura galegas, presenta hoxe ás 20.00 horas a obra na Libraría Couceiro de Santiago, onde estará acompañado polo poeta Francisco Fernández Naval, o profesor e académico da RAG, Francisco Fernández Rei e o director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello, que tira do prelo o libro.

Abre a portada da obra unha imaxe que forma parte da serie Crebas de Manuel Sendón. É a plasmación visual e simbólica dun "diario" no que Miro Villar dialoga sobre "as crebas dos afectos" con autores como Luis Cernuda, Méndez Ferrín, W. H. Auden, Francisca Aguirre, Gerardo Diego, Saramago, Manuel Antonio ou Gamoneda. As Crebas repara en perdas emocionais, vitais pero tamén materiais como a desaparición da cultura vencellada ao mar. "Hai moito de saudade neste libro. Son perdas no mundo dos afectos pero tamén de actividades como a carpintería de ribeira que van esmorecendo e cambiando noutra dirección. Así, por exemplo, o mundo da pesca musealízase e aparece ás veces só como un decorado", sinala Villar, autor de poemarios Ausencias pretéritas ou Abececedario da desolación.

Do mesmo xeito, o poeta sente achegarse a derrota do libro. "As bibliotecas serán Alexandría", di. Ou a invasión da "escrita cibernética". "Pertenzo a unha xeración da cultura libresca. Estou confuso sobre o papel da literatura e do texto como manufactura. Non vexo a onde nos vai levar. Coas novas tecnoloxías podo achegarme a outros autores que nunca podería ler se non fose por internet, pero, por outra parte, a cultura do libro está ferida. Non sei como vai ser o futuro. Tanto a literatura como o resto das manufacturas están cambiando e non sabemos en que van acabar", sinala o poeta, narrador e crítico literario, membro do Batallón Literario da Costa da Morte.

Estas perdas deixan no autor o pouso salgado da dor, que é "perenne como as mareas", outro dos temas recorrentes da súa poesía. "Sempre asocio o sal e a salitre con este tipo de derrotas do sentimento", apunta. Do mesmo xeito que a voz poética odia o acto social que ataca a "pureza da arte" cando a literatura se converte en "feira e mercado". Para Miro Villar, é necesario "recuperar as esencias da obra literaria, o encontro espido do lector co autor".

Ao seu ver, a "mercantilización do mundo literario está a chegar, ao meu pesar, ao mundo da poesía". Exemplifícao con dous escritores que veñen de participar no Litvi, o encontro de literatura de viaxes que se está a celebrar en Compostela. "Que un autor como Antonio Gala teña unha lexión de seguidores máis grande que Julio Llamazares é algo que sorprende. A mercantilización do mundo literario acaba por desvirtuar o feito literario", asegura.

 

A liberación real da muller ou subverter o mito de Penélope

Outra das "teimas" sobre as que Miro Villar volve nas súas obras é a liberación feminina. O poeta recorre para iso a figuras como a da bailarina estadounidense Isadora Duncan que viviu sempre á marxe da moral tradicional, subvertendo mitos gregos como o da Penélope que agarda a chegada do seu Ulises. En poemas como Muller ceiba, A maldición de Lilith ou Non te chames Penélope, o autor chama á muller a rebelarse contra a obediencia. "A liberación ten que ser real porque segue a haber regresión da muller en moitos ámbitos. Enfiando con isto, cuestiono as mitoloxías nas que a muller ten un papel de agarda", comenta o autor.

Tampouco falta a referencia a versos de Manuel Antonio, ao que Miro Villar reivindica desmitificado. "Hai pouco preguntábanme que libro salvaría e eu dicía o "De catro a catro". Manuel Antonio significa moito para min. Sempre se adoita dicir que é o poeta do mar, pero eu discrepo: Manuel Antonio vía o mar dende fóra", indica.

Mais logo de baixar aos infernos dos recordos e das perdas, o poeta reúne esas "crebas" para volver cunha mensaxe positiva: "cómpre volver á vida". "Todo flúe no libro. Pero logo dunha primeira lectura pensei que podería quedar un pouso melancólico. Por iso quixen facer unha chamada á esperanza, para tratar de combater a derrota da nostalxia. Coma se as crebas cobrasen nova vida. Do mesmo xeito que aqueles que as recollen á beira do mar as utilizan como combustible. Toda creba, ao final, é un refugallo que se reutiliza", explica Villar.

NON É VERSO LIBRE

"O soneto está desprestixiado"

Aínda que a primeira vista, o poemario de Miro Villar está escrito en verso libre, en realidade, son un conxunto de sonetos. "O libro ten un truco: son 31 sonetos brancos en alexandrinos pero dispostos como prosa poética por unha razón estética: quería experimentar co que visualmente é o poema en prosa e demostrar que o soneto ten moita vixencia", explica o autor.

Villar está convencido de que o soneto "está desprestixiado" hoxe en día. De feito, na súa opinión, "se este libro aparecese nas mans do xurado do premio na súa forma orixinaria, seguro que habería algunha razón para non ser premiado", asegura.

Para o escritor de Cee, a clave está en "dotar o soneto de contidos máis acordes coa contemporaneidade, modernizalo porque ten un ritmo propio que neste libro, pola súa disposición, está disimulado pero moita xente xa o observou despois de lelo", apunta o autor de Gameleiros.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS