Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

"Navegar é preciso, vivir non"

As cinsas de Marcos Valcárcel, falecido onte en Ourense tras unha longa enfermidade, quedarán gardadas nun cofre ata a primavera. Daquela, como era o seu desexo, serán aventadas en Fisterra

REDACCIÓN SANTIAGO  | 06.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
Marcos Valcarcel, braceiro da cultura, sentía admiración por Otero Pedrayo e a Xeración Nós
FOTO: AXENCIAS

Algúns chamárono o "braceiro da cultura". Outros, o "cronista non oficial de Ourense" e nesa mesma dirección, houbo quen reclamou para el o título de Cronista da República das Letras Galegas. Marcos Valcárcel oía o ronsel apoloxético e calaba: sentía a satisfación do deber cumprido e ao único ao que aspiraba era a seguir o camiño da felicidade. Onte, cando o inverno asoma os seus cairos, morreu en Ourense tras unha longa enfermidade que o inmobilizou pouco a poco ata non deixarlle un só músculo activo para a vida. Mañá incinerarano e as súas cinsas, como deixou escrito, quedarán gardadas ata a primavera: el quería que aventaran cando a vida resucita do letargo en Fisterra. Así será.

Desde hai máis de trinta anos, Marcos Valcárcel (Ourense, 1958) era un dos activistas culturais máis aprezados do país, especialmente na súa cidade natal, que converteu en eixe das súas esculcas de historiador e das súas inquedanzas como crítico literario. Sentía paixón por Otero Pedrayo -ao que lle dedicou numerosos títulos- e pola Xeración Nós, xestada ao pé das burgas na emerxencía do galeguismo como realidade inmediata alá polos anos vinte do século pasado.

No medio, porén, onde mellor se reflectía a súa desbordante inquedanza, a súa analítica visión da actualidade, foi na prensa. En GALICIA HOXE desenvolveu os seus últimos traballos periodísticos: facía diariamente a opinión da contraportada -baixo o título Andoliña- e colaboraba semanalmente no suplemento Lecer, cunha páxina na que catalogou con escrupulosidade científica as publicacións editoriais, os autores vinculados a Ourense ou os acontecementos literarios máis significativos que viviu a cidade.

Como extensión deste labor de articulista, xurdiu o blog As uvas na solaina, convertido pola súas repercusión nun claro antecedente das redes sociais: ese blog serviu de centro de debate, de intercambio de experiencias e de praza comunal nun momento no que o soporte virtual apenas tiña creadores. A súa contribución recoñeceuna a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co seu premio anual.

Non foi o único que recibiu. Máis aínda: nos últimos anos, ao fío dunha enfermidade que se anunciaba irreversible e inclemente, Marcos Valcárcel recibiu, entre outros xestos de admiración e cariño, as homenaxes do Pen Club, o galardón Otero Pedrayo das catro deputacións, o diploma da Fundación Curros Enríquez e, finalmente, a Medalla Castelao da Xunta.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS