Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 18.09.2014  | Actualizado 01.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

obra

A necesidade de atopar

Cunha prosa poética arriscada, o vigués Moncho Iglesias propón en "Tres cores: azul" unha viaxe do México de Carlos Fuentes á India de Salman Rushdie

Moncho Iglesias publicou dous poemarios FOTO:
Moncho Iglesias publicou dous poemarios FOTO:

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 28.07.2010 
A- A+

Lirismo e risco adubían a primeira novela do vigués Moncho Iglesias. Logo de debutar nas letras con dous poemarios, este profesor de castelán na Universidade de Belén, en Palestina, ofrece en Tres cores: azul unha viaxe iniciática a través dos sentidos, as cores, as sensacións de procurar "eternamente o coñecemento" dun mesmo. Co celme de abrir "novos camiños no sistema literario galego" -salientan dende o selo que a edita, Estaleiro-, Moncho Iglesias racha os límites dos xéneros nunha proposta de "prosa poética" que se teletransporta do México maia de Carlos Fuentes á India occidentalizada de Salman Rushdie. Falamos co autor dende unha praia de Vigo, onde musita a liberdade entre o mar e o ceo.

 

"Tres cores: azul" é unha novela complexa e arriscada.

Si, a verdade é que é arriscada porque non é unha novela que poidas traer á praia e poidas ler descansando e relaxadamente. É prosa poética, non segues un fío argumental no que se suceden os feitos nin hai todo o engranaxe que pode haber nunha novela. É máis complicada no sentido de que require outro ritmo distinto que unha novela cun principio, medio e final.

 

A prosa poética é unha continua descrición dos sentidos, de aí a complexidade de seguir o texto.

Son consciente de que influíron moito as obras que estaba lendo mentres escribía. Na primeira parte estaba vivindo en México, viaxaba por Centroamérica e empapeime da literatura deses lugares. Despois de viaxar, coñecín autores dos que me namorei. Estando en México namoreime de Carlos Fuentes ou de Ramón López Belarde, poetas que viaxaron comigo. Esa prosa ten bastante que ver con el. E na India, a obra ten que ver con Salman Rushdie. O narrador acaba coñecendo as palabras de Carlos Fuentes que en certa maneira tamén se converte nun personaxe da obra.

 

O libro está escrito en segunda persoa: é o propio narrador o que fala sobre si mesmo, escribe un diario no que fala dunha viaxe á procura de si mesmo.

Si, o narrador está procurando chegar a un lugar, é unha forma de deixarse levar, primeiro que unha persoa se atope a si mesma e saiba o que queira e despois, unha persoa que busca a outra e se acaba atopando a si mesmo. É unha búsqueda por distintas partes do mundo pero, como dicía Paulo Coelho en O Alquimista, todo está en nós mesmos e se queremos atopar algo, podemos facelo en calquera lugar. A viaxe está vista non como unha necesidade de buscar senón como unha necesidade de atopar. Non é necesario ir buscar tesouros agochados en illas desertas senón que os temos entre nós.

 

Un aspecto orixinal da obra é a disposición do texto. Mesmo usas caligramas como o que remite a unha pirámide maia.

Esa parte é unha mirada dende unha das pirámides maia. O texto é fotográfico, colorista. Coas palabras é moi difícil, ás veces, expresar todo o que podemos chegar a ver. É un intento de visualizar, de facer unha fotografía textual do que se podía ver dende esa pirámide, intentando xogar co texto e coas imaxes.

Tamén dispós o texto á dereita ou fas saltos de liña que significan que o narrador está a escribirlle a seu pai por internet.

É un intento de reflectir a realidade: marco esa diferenza entre que o rapaz está escribindo e tal como lle sae, así aparece o texto, ás veces marca todo á dereita, outras veces todo corrido. Ten máis fluidez. O texto intenta reflectir o que está a ocorrer alí, mentres lle conta ao pai con fluidez.

 

A narración é un continuo que remite ao pensamento do narrador.

Si, é un continuo, está todo enlazado, ás veces non hai punto seguido, a mesma oración entrelázase porque son dous pensamentos que se solapan. Hai unha parte que está feito como un poema que está sacado de "Cambio de piel" de Carlos Fuentes: esas palabras arrancadas dese libro están postas alí e segue unha narración que está relacionada. O fluxo de conciencia dá pe a que se metan pensamentos duns e doutros.

 

O narrador procura á súa nai. Entre as razóns para que o abandonara, pensa na sensación de "aburrimento de Occidente", é unha crítica?

Si é unha crítica a ese Occidente que vai na procura de algo que vai buscando e ese algo teno ao lado da súa casa. Critica unha forma de concibir a vida. É unha crítica á xente que ten un estilo de vida acomodado no sentido material pero fáltanlle os sentimentos. Necesitan dun apoio físico, silencios que aquí non son capaces de atopar pola rapidez coa que se vive nos países máis desenvolvidos economicamente.

 

O protagonista procura as cores deses lugares.

Si, as cores están presentes porque é como unha marca do país. Viaxas a un país e ves unha cor. En Centroamérica identifícase a cor da natureza. En Guatemala, a muller ten vestimentas todas dunha cor. Na India hai zonas onde notas o amarelo que se identifica co saris, ou co incenso.

 

Pero a cor tamén forma parte que ten o narrador de concibir o seu propio proceso de crecemento. O último capítulo, despois de Amarelo e Verde, é Vermello, que supón chegar a coñecerse a si mesmo.

É o sangue, a cor máis dura, coñecer a realidade, unha cor que tamén representa a dor porque representa o máis interno.

 

Con todo, no título ti quédaste co Azul, que é a cor da liberdade?

Si, é a cor da liberdade. Para min é a cor do ceo e do mar. O mar é algo relaxante, dáche liberdade. Vivindo en Palestina moitísimas veces se teño un día difícil, marchar ao mar dáme tranquilidade, unha apertura de miras, de futuro, de horizontes. Como empata sempre co ceo, están no mesmo lugar, aí si que non hai murallas aínda que si nos puxeron muros mentais e muros nos ollos. Entre o ceo e o mar aínda podemos seguir soñando noutras vidas, noutras cores e noutras imaxinacións.

 

Existe unha película dirixida polo polaco Kieslowski que se chama igual que o libro, influíuche dalgún xeito?

Aínda que a película non ten nada que ver, quizais tamén pode ser utilizar esa película e as súas imaxes e a súa triloxía, ese xogo de cores e historias, é dar un saúdo ó cine surrealista, que provoca conversación e que vaia máis alá. Paréceme máis entretida unha obra na que poida haber moito máis que ler a novela ou dicir que está ben ou mal, da que quede algo máis que iso na mente do lector.

PROXECTOS

"Estamos a traducir o poeta palestino Mahmoud Darwish"

Estás a traballar agora nalgún proxecto de tradución. Remataches a tradución ao hebreo de "A un meu fillo" de Méndez Ferrín?

Si, a tradución de Méndez Ferrín foi un proxecto da Universidade de Vigo e traduciuse ao dialecto árabe de Palestina e ao hebreo. E agora estamos traducindo a Mahmoud Darwish, o poeta palestino máis coñecido. Pero é algo que vai con moita, moita calma entre que é difícil traducir, que se nos vai a cabeza cada vez que tratamos de traducir un verso e a parte non é o noso traballo. É unha afección. Ademais, hai tanta xente que escribe que necesitas de moito tempo para ler.

 

Segues a actualidade literaria de Galicia?

Si, agora é unha gozada a rede para iso. É unha forma de manterse en contacto e de saber o que está saíndo. Agora que saíron tantas editoriais novas. As miñas últimas lecturas son de obras de Barbantesa: a poesía sarcástica de Calros Solla é unha gozada ou os versos vivos de Elías Portela. Ou Estaleiro que está publicando cousas tan boas como o poemario de Raida Rodríguez. É unha marabilla saber que a xente fai cousas tan boas.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS