Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

en verso

Nieves Soutelo ou o froito do labor interior

A escritora gañou a última edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía

. CRISTINA BOTRÁN   | 22.12.2007 
A- A+

Ten vinte e cinco anos, é natural da Estrada, licenciada en Historia, traballa nunha ONG en Compostela, participou no proxecto literario Augas Verso e tamén se dedica á música. Pero a súa faceta máis destacada é a escritura, e en concreto a poesía. Nieves Soutelo foi premiada coa vixésima edición do galardón de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, polo seu traballo Código poético.

Nieves Soutelo non soubo ata un día despois de producirse a resolución do xurado do galardón que ela era a gañadora porque un descoido a fixo esquecerse do móbil. "Foi toda unha sorpresa para min, xa que non o esperaba", asegura. "Espertáronme ás nove da mañá cun recorte de prensa e pensei que se trataba dunha broma ou algo así. Pero cando me decatei de que era certo, andei todo o día cunha electricidade no corpo".

Presentouse ó certame literario dodrense de forma fortuíta porque acaba de finalizar un extenso poemario que encaixaba coas bases do concurso. "Foi moito máis complicado acertar coas bases porque non as atopaba en internet", sinala.

Soutelo matiza que Código poético é froito de varios anos de traballo e dun gran labor interior. "Levo moito tempo a voltas con el. O máis difícil foi sentar e estruturar os poemas, reunir versos que non estaban unidos ao principio e facelo partindo dunha estrutura para dar conxunto", indica a escritora, engadindo que "o traballo de selección e facer combinacións para un acabado redondo non foi doado e menos cando unha é moi crítica consigo mesma".

O poemario de Nieves Soutelo está estruturado en catro partes. A primeira delas inclúe os poemas que ela denomina "en eu mesmo e ti mesmo"; a segunda é un diálogo que queda sen resposta e a terceira é un conglomerado de sensacións e miscelania. A última é un diálogo máis íntimo e harmonioso. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS