Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 15.08.2017 Actualizado 18:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

narrativa

No baile de máscaras

Berta Dávila reflexiona sobre a escolla de "camiñar polo tránsito do fracaso" a través da arte, a literatura como "enfermidade" que fai andar polo mundo "doutro xeito"

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 16.03.2011 
A- A+

paula g. del valle
Dávila di que é como o seu segundo primeiro libro e sentiuse moi ben con Barbantesa
FOTO: paula g. del valle

Personaxes que escollen transitar polo camiño do fracaso. Como os autores e autoras que se deixan contaxiar polo "virus" da literatura, que é, moitas veces, unha condena ó constante "baile de máscaras", ó "falso éxito", nun contexto no que, canto "máis listos e queribles", máis fracasados. Son os protagonistas de A arte do fracaso, o cuarto libro de Berta Dávila, que acaba de editar Barbantesa e que onte se presentou na libraría Couceiro de Santiago. "Eu creo que no que verdadeiramente fracasan os personaxes é en que non saben vivir", explicoulle a escritora ao dramaturgo Rubén Ruibal, que asina o limiar.

Parecen relatos escritos sen ser concibidos como partes dun libro. É así?

Si, son textos que fun escribindo mentres traballaba noutros. Despois decateime de que había conexións nos temas, nos personaxes... e decidín darlle forma de libro.

Primeiro colocaches os relatos. Despois textos máis curtos, e cara ó final prosa poética... Foi ese o criterio para organizar as dúas partes do libro?

Primeiro están, si, os relatos, e despois textos cada vez máis poéticos. Os últimos poderían estar nun poemario. Xa en Corpo Baleiro había textos deste tipo.

Entre o primeiro e o segundo relato da primeira e da segunda parte hai unha continuidade... A narradora escribe, finalmente, o relato do home honesto que quería escribir. Así que non fracasa...

Si, hai un xogo de dualidades. De feito escribín primeiro o relato que aparece na segunda parte, o do home mesquiño, e despois o da primeira.

Repítense personaxes, e outros non teñen o mesmo nome pero poderían ser o mesmo. O de Álvaro Escolar aparece varias veces nos relatos... Por que?

A voz do primeiro relato é Isabel, que aparece despois. Álvaro é un personaxe dunha novela que estaba escribindo, e ó que lle mudei o nome despois. Ás veces os personaxes toman tanto corpo que pasa iso: o personaxe dunha novela pasa ao relato que estás a escribir... Gústanme os personaxes como Álvaro Escolar, descridos, que sempre están rosmando... aínda que este é un personaxe rexeitable en moitas cousas.

Polo título, espérase unha reivindicación do fracaso. É tanto así?

O fracaso pode ser unha arte, no sentido de que pode ser unha escolla, unha opción. Hai xente que se atreve a exercer o fracaso, a transitar polo camiño do fracaso. Como se te dedicas á arte, o máis probable é que estas abocado ao fracaso.

En relación con iso hai un xogo coa idea dos escritores como seres enfermos...

É un xogo irónico. Tamén en Corpo Baleiro estaba esa idea. A literatura como unha enfermidade que te contaxia, e que che fai transitar polo mundo doutro xeito, distinto ás persoas que non son contaxiadas por esa epidemia.

DATOS

"Escribir é tamén un traballo"

Un dos personaxes, escritor, protesta porque os demais consideran que non traballa...

A ninguén lle gusta corrixir as probas dun libro... A idea de que o fas por hobby ten a súa parte de verdade porque moi poucos escritores poden vivir de escribir. Pero non por iso deixa de ser traballo.

Parte dos personaxes morren. Algún parece merecelo, como o maltratador. Hai violencia...

Hai veces que non queda outra opción que matar o personaxe. É como un último fracaso, como o do teórico que morre coa súa mellor obra na man, que se perde...

Tamén hai detalles curiosos... E aparece bastante a infancia.

Hai un ton de ironía e humor, si. E as nosas preocupacións teñen moitas veces raíz na infancia.

Tes unha novela e dous poemarios. Este é o teu primeiro libro de relatos.

Si. Comecei coa poesía, que é onde me sinto máis cómoda.

Hai tamén unha visión descrida sobre o que rodea a literatura: críticos, editoras... A narradora non quere que a xulguen pola súa xeración...

Hai unha visión do que non é tan bonito: ti só, na casa, escribindo. Producindo, como calquera outro produtor. E despois o baile de máscaras que rodea iso... Creo que terían que xulgarte pola obra, para ben e para mal. Pero tampouco tiven eu malas experiencias nese sentido.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS