Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

exposición

No Grande Azul

José Romay retrata o traballo e as vivencias dos mariñeiros de altura e litoral nunha mostra que recala hoxe no Instituto de Estudos Miñoranos, en Gondomar

VANESA OLIVEIRA . COMPOSTELA   | 02.07.2010 
A- A+

Dous dos retratos dos mariñeiros que fotografou Romay

"O reto de Jose Romay era importante: tratar de roubarlle a calidade sonora á memoria para plasmala nun encadre fotográfico. Sendo arriscado este obxectivo, tentar de facelo nun barco de pesca, medio hostil se non estás afeito, e con mariñeiros, xente que adoita ter unha actitude observadora-expectante cando embarca un descoñecido, a empresa tornouse moito máis retadora". Así enfoca Pablo Carrera, director do Museo do Mar, o traballo expositivo deste fotógrafo pontevedrés, No Grande Azul que hoxe recala na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, en Gondomar, durante os meses de xullo e agosto.

Esta mostra supón o punto de partida das Bolsas de Creación Fotográfica O Mar deste museo, en colaboración co Centro de Estudos Fotográficos, coas que se pretende promocionar novos talentos en creación fotográfica. A primeira destas bolsas foi para José Romay que retratou as vivencias dos mariñeiros galegos de altura e litoral, embarcándose nun buque do Gran Sol, noutro de ardora e nun galeón bateeiro.

O fotógrafo, nado en Sanxenxo, define as súas imaxes como un traballo documental "clásico", unha linguaxe que coida que hoxe en día está "menosprezada" polas publicacións, o mesmo que acontece "coa vida da xente do mar", apunta o autor no catálogo da exposición.

"Todos temos unha idea abstracta do sufrimento e do perigo no que viven, pero case ninguén para a pensar, ao comermos peixe, na carga de emocións, sentimentos e traballo que hai detrás do noso prato. Primeiro porque case ninguén nolas achega e, segundo, porque estamos inmersos na nosa propia saturación de sentimentos diarios", explica.

Romay retrata non só as longas e duras xornadas de traballo nos barcos, senón tamén as leis do mercado que afogan os beneficios os mariñeiros, obrigándoos a pasar días e días en alta mar sen ver ás súas familias. Pero tamén relaciona as instantáneas cos seus propios sentimentos. "Certas imaxes trasládanme á infancia, vinte anos atrás, cando non me gustaba o pescado se non se camuflaba con salsa Solís. Cando todos os días vía o meu avó comendo a súa caldeirada fumegante, ás veces víñanme imaxes á cabeza de mariñeiros mollados no medio de mares enfurecidos perdidos polo mundo... E eu lembro ter sentido rexeitamento e fascinación por esas imaxes".

 

As historias trascenden a inmediatez das imaxes

Dende a Costa da Morte á Ría da Arousa, as historias dos mariñeiros danlle unha dimensión trascendente ás fotos. "O patrón de pesca móstrame no plóter unha inmensa barreira de barcos, containers e demais obxectos afundidos por toda a costa galega que el ten que esquivar todos os días, parece unha inmensa barreira de coral. "Dáte de conta de que a onde estamos agora se lle chama A Costa da Morte por algo...". E en honor a ese nome morreron dous mariñeiros ao día seguinte. O barco tiña por nome o de Furacán, apunta no catálogo da obra, que se publicou polo Centro de Estudos Fotográficos, dirixido por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal.

A exposición permanecerá aberta na sede do Instituto de Estudos Miñoranos durante os meses de xullo e agosto de 2010, en horario de 17:00 horas a 21:00 horas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS