Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.05.2019 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

GALA

A noite do teatro galego

A Coruña será a sede da entrega dos Premios María Casares

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 24.03.2009 
A- A+

Irene Molina
María Xosé Bravo (esquerda), con Vicente Montoto e Marina Carballal na presentación da gala
FOTO: Irene Molina

Será unha gala "humilde, en coherencia cos nosos recursos e os tempos que corren". Así definiu María Carballal, directora da entrega dos Premios María Casares, a alma do espectáculo que mañá acollerá A Coruña na noite por excelencia do teatro gallego. "Estamos preparando unha gala lúdica, fermosa, con ritmo, divertida... ou iso pretendemos, que logo xa se sabe que nas galas hai cousas que poñen difícil manter o ritmo", explicou a actriz.

Na entrega de premios, que pretende ser unha "festa para os actores", participarán os alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, situada en Vigo, unha idea proposta por Mariana Carballal e Santi Prego, co obxectivo de que os novos talentos empecen a contactar co mundo do espectáculo.

A gala foi presentada pola súa directora onte no concello da Coruña, acompañada polo director da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Vicente Montoto e a concelleira de cultura coruñesa, María Xosé Bravo.

Montoto destacou que o teatro galego vive un bo momento e que o aumento de espectadores en 2008 "foi realmente espectacular". "Os que din que o teatro é algo marxinal e sen público engánanse" insistiu o director da AAAG.

María Xosé Bravo puxo cifras a ese aumento sinalando que en 2008 o teatro galego tivo máis de 100.000 espectadores, e que A Coruña foi a cidade que máis arte dramática autóctona programou, 72 representacións cunha media de 306 asistentes cada unha. A concelleira tamén comentou que a deste ano será unha gala "moi feminina", xa que está dirixida por unha muller; unha das obras con máis nomeamentos é Unha primavera para Aldara, que ten 7 mulleres nun elenco de 10 actores; e o premio de honra recaerá sobre Ana Romaní, polo seu labor a favor do teatro desde a Radio Galega.

Nas candidaturas destaca a obra anteriormente mencionada de Teresa Moure, levada a escena por Teatro do Atlántico e que está nomeada a oito das trece categorías: mellor espectáculo, dirección, actriz protagonista, secundaria, texto orixinal, escenografía, iluminación e vestiario. Séguelle en número de nomeamentos, con sete, a obra Non comment, de Producións Teatrais Excéntricas, que reúne un equipo baixo a dirección de Quico Cadaval.

A compañía Lagarta Lagarta coa súa representación Aeroplanos, o Centro Dramático Galego con A boa persoa de Sesuán e Compañía Sarabela con Dáme veleno, eu tamén soñar están nomeadas cada unha delas en catro apartados, mentres que as outras oito obras teñen tres ou menos nomeamentos.

DATOS

Un teatro con "grandes expectativas"

O director da AAAG, Vicente Montoto destacou que a entrega dos premios se produce nun momento "cheo de expectativas" ante a chegada dun novo goberno que deixa no aire algúns proxectos iniciados. O director da asociación advertiu o novo executivo de que o colectivo seguirá defendendo a existencia e cumprimento dun Plan das Artes Escénicas, con compromisos de prazos e partidas orzamentarias, que consideran "fundamental". Tamén seguirán traballando para conseguir acordos no sector audiovisual, baseándose no decálogo de reivindicacións acordado por asociacións profesionais e empresarios, que xa fora remitido ao goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS