Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

MARÉ HOXE

"Non o queremos non"

“Queremos galego/, queremos si señor,/ ¿queremos o decreto?/, non o queremos non.” Así, revisada para a ocasión, soou onte en Pontevedra no concertazo pola lingua ‘A Carolina’, con Fuxan os Ventos. Vendéronse preto de 7.000 entradas, e o público, como os músicos, entregáronse totalmente á festa e á reivindicación

M. DOPICO   | 19.04.2010 
A- A+

xaquín soliño
O público estivo totalmente entregado á festa e á reivindicación do galego contra o decreto do ensino do Goberno
FOTO: xaquín soliño

Xosé Lois, O Carrabouxo, volveu entoar, como na masiva manifestación do 21 de xaneiro pasado contra o decreto do galego do Goberno, o Mamá, eu quero galego, quero escribilo, quero falalo, na rúa e no colexio. Como daquela, o público coreou a canción, e moito.

O macrofestival da Plataforma Queremos Galego reuniu onte en Pontevedra a Festicultores, Zurrumalla, Fía na Roca, Fuxan os Ventos, Espido, García MC, Ruxe Ruxe, Uxía, Berrogüetto, Luar na Lubre, A Quenlla, Os Carunchos, Os Tres Trebóns e Lamatumbá. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da Plataforma Queremos Galego, animou aos participantes a acudir á manifestación do vindeiro 17 de maio. Lembrou a cada un dos asistentes "o papel que cada un podemos facer" ante o decreto da "propaganda do plurilingüismo", pois, salientou, "non hai tal plurilingüismo se se prohibe o galego en determinadas materias, e se os nenos poden estar ata os seis anos sen ter contacto co galego". Callón sinalou ademais que o Goberno "vai gastar un millón de euros" nunha campaña de publicidade sobre o decreto "mentres nos colexios non hai cartos para o comedor e os nenos teñen que comer bocadillos".

Callón agradeceu moito a súa colaboración aos grupos que actuaron no concerto. Parte deles prepararon versións dos seus temas con algúns cambios para a ocasión, de xeito que as letras se converteron tamén, se non o eran xa, nun xeito de reivindicar a lingua.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS