Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.10.2014  | Actualizado 13.21

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

cinema

Contra o noso tempo

Ramiro Ledo presenta "O proceso de Artaud", un filme que evoca o desaxuste entre a lei e a xustiza a partir de imaxes de "A Paixón de Xoana de Arco" de C.T. Dreyer

Ledo realizou este proxecto nuns días para unha materia dun Máster, a partir do dvd do filme de Dreyer, que filmou da tele, despezou en planos e reconstruíu, engadíndolle un para abrir e outro para pechar a historia  - FOTO: http://cineclubedecompostela.blogaliza.org/
Ledo realizou este proxecto nuns días para unha materia dun Máster, a partir do dvd do filme de Dreyer, que filmou da tele, despezou en planos e reconstruíu, engadíndolle un para abrir e outro para pechar a historia - FOTO: http://cineclubedecompostela.blogaliza.org/

M. DOPICO . SANTIAGO   | 23.06.2010 
A- A+

"Vermos hoxe La passion de Jeanne d"Arc ponnos diante dun tribunal medieval, e fainos pensar no pouco que mudou a posta en escena dos xuízos desde hai case seiscentos anos". O realizador Ramiro Ledo (Lugo, 1981) reflexiona deste xeito no libro Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural, sobre o filme de C.T. Dreyer que alicerza o seu último traballo, O proceso de Artaud, unha curtametraxe que presentará mañá xoves, ás 21:30 horas, no Cineclube de Compostela, no Pichel, na rúa de Santa Clara.

Ledo emprega nesta película imaxes de La passion de Jeanne d"Arc de C.T. Dreyer, ás que confire un novo significado a través da memoria do escritor e actor Antonin Artaud (Marsella, 1896-París, 1948).

"Supoño que parte da forza do filme, se posúe algunha, dependerá do que a cadaquén lle evoque a forma "tribunal" e o pouco que esta mudou no seu esquelete dende a Idade Media, até ultrapasar mesmo as paredes da institución xudicial. Foi isto o que me chamou a atención antes de me pór a facer o filme. Na historia do cinema o desaxuste entre a lei e a xustiza é un tema abondo recorrente, desde O mozo Mr. Lincoln de John Ford até o último Godard de Film Socialisme", explica Ledo. O realizador xa traballara con imaxes doutro cineasta no seu proxecto Cineclube Carlos Varela (2006), no que recuperaba as filmacións en Super 8 que este realizara no tardofranquismo.

"Desta volta, e a diferenza de CCCV, que partiu da curiosidade persoal por un material que non vira pero que me interesaba antes de que se me ofrecera a oportunidade de traballalo, O proceso de Artaud é moito máis azaroso. O filme de Dreyer non o volvín ver desde que o proxectaramos no cineclube en 2003, nunha copia nova en 35mm., e porén a súa memoria debía estar viva porque me veu por acaso á cabeza ao me cruzar, sen procuralo, coas actas da xuntanza do grupo surrealista do 23 de novembro de 1926, na que se produce a exclusión de Antonin Artaud", comentou.

"Nesa altura viña de ler o Hölderlin e A indagación, de Peter Weiss, e estaba moi interesado pola metodoloxía de traballo do escritor alemán. Pola súa maneira de propor novas situacións nas que personaxes e historias coetáneas se ven enfrontadas para dende aí xerar novas tensións, no primeiro caso, ou por trasladar literalmente un proceso xudicial contra os responsábeis do campo de Auschwitz, a partir das crónicas da prensa de 1965, a unha obra de teatro en forma de oratorio en 11 cantos", engadiu.

DATOS

A relación co presente

A película de Dreyer é, para Ledo, un filme feito contra o seu tempo. "Á pregunta Que ten a ver isto comigo? calquera filme, se ten algo que dicirnos, faráo na relación que estabeleza entre o presente do filme e o presente do intre en que se proxecta. Por iso é posíbel relacionarmos A paixón de Xoana de Arco ou, como ben souberon ver Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, o filme de Griffith de 1909 sobre o monopolio do comercio do trigo A Corner In Wheat co noso tempo, porque van contra el", di.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS