Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

cenarios

Nova Galega de Danza aposta pola fusión do tempo

O director da compañía, Vicente Colomer, asegura que "Tradicción", o seu último espectáculo, "rompe as paredes imaxinarias"

F, FRANJO   | 23.05.2010 
A- A+

Vicente Colomer

Hoxe remata a súa andaina pola Expo de Xangai onde levaron unha escolma destas novas artes escénicas galegas. O director artístico de Nova Galega de Danza, Vicente Colomer, non ten reparos en recoñecer que "todos os que pertencemos ás artes escénicas somos un pouco tolos".

 

¿Cal foi o punto de partida?

Fixemos unha viaxe ás raíces e desde aí creamos un estilo contemporáneo. O espectáculo medraba e pouco a pouco rompimos as paredes imaxinarias.

¿Pódese dicir que é unha fusión?

A danza tradicional é a nosa ferramenta principal. Cada espectáculo deixa mil portas abertas. A partir de aí empezamos a crear. Hai que vela para definila pero podería dicirse que é unha fusión de ambas. A maior virtude é ter unha música como a que temos. Esa imbricación de música e danza, do antigo e o novo, nunca é forzada. Nós xogamos con texturas. Cando bailas un maneo é como se estiveras untando e cando bailas unha xota é como se estiveras cortando.

O novo espectáculo chámase "Tradicción" ¿Por que?

Chámase Tradicción, con duas c, porque mestura con adicción apostando sempre pola música galega. Facendo un espectáculo único. Trátase de profundizar no estudo do noso folclore para acadar un movemento nacido no pasado. Non é un traballo fácil. É unha estrutura estable, unha implicación de todos os membros da compañía entre os que destaca o labor de Jaime Pablo Díaz, e do director musical Pedro Lamas

Volvamos ó principio. ¿Como foi a receptividade do público?

Moi boa. Temos que dicir que tanto a xente que vén do mundo tradicional como a purista aplauden o noso traballo porque é un traballo honesto, é crible. Chega o espectador. O espectador deixa de xuzgar e entra de xeito directo no espectáculo.

Falas dun traballo pouco recoñecido...

Moi pouco recoñecido.. Desde aquí quero profundizar niso. Hai tantísima xente nova en Galicia que inviste o seu tempo libre en subirse a un escenario cun traxe e amosarnos as danzas tradicionais. É un traballo impagable.

¿Cres que Galicia se pode vivir da danza?

É complicado. Podes se tes a facilidade de ser intérprete e á vez es mestre. De todos xeitos, non me gusta falar en negativo. Parece que somos a irmá pobre e creo que temos que mirar máis para nós e para as axudas que poidan vir, pero os bailadores onde temos que estar é enriba dos escenarios, e ter a oportunidade de amosar o noso traballo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS