Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Novo recoñecemento

Finalmente, o Parlamento de Castela acepta unha emenda para a que a Lei da Comarca do Bierzo reflicta os dereitos dos galegofalantes

MARÉ . SANTIAGO   | 20.11.2010 
A- A+

antonio hernández
Nos últimos anos realizáronse varias campañas de apoio ao galego no Bierzo, tanto na rexión como en distintas cidades de Galicia
FOTO: antonio hernández

A Lei da Comarca do Bierzo, que servirá para preservar a identidade desta área fronteiriza entre Galicia e León, terá un recoñecemento específico para o galego, idioma que falan boa parte dos seus habitantes. Esta foi unha das reivindicacións que, ao longo dos últimos meses, realziaran varios colectivos berciados, nomeadamente Fala Ceibe. Finalmente, o pasado martes, a Comisión de Interior e Justica das Cortes de Castela e León admitiu unha emenda a favor do galego.

Os tres grupos parlamentarios con representación en Castela, PP, PSOE e grupo mixto, aprobaron por unanimidade un novo que se sinala que "Na Comarca do Bierzo gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice. A Comunidade de Castela e León facilitará a participación da Comarca do Bierzo nas actuacións que realice para a promoción da lingua galega no seu ámbito territorial".

A emenda, segundo subliñou onte Xabier Lago Mestre, responsable de Fala Ceibe, formará parte do articulado da nova lei e supón "un novo recoñecemento legal para o galego". No propio Estatuto de Autonomía de Castela e León, xa había unha mención expresa a este idioma, lembraba Lago: "Gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice" (artigo 5.3). Para o responsable de Fala Ceibe, a nova lei copia o texto estatutario, o cal "demostra a pouca innovación xurídica que achegaron os políticos da Comisión de Interior e Xustiza. A pesar diso, os bercianos temos que alegrarnos por este recoñecemento expreso da especificidade cultural e lingüística galega".

Fala Ceibe admite que o contido xurídico deste novo artigo lingüístico queda lonxe da nosa proposta de emenda que facía mención á creación do Servizo Lingüístico Comarcal, a recuperación da toponimia ou ás relacións de colaboración con Galicia. "Pero a realidade é que os políticos da Cortes de Castela e León carecen aínda da conciencia lingüística suficiente para ir máis aló na normalización do galego no Bierzo", subliña Lago.

Fala Ceibe promoveu a demanda lingüística a través dos medios de comunicación do Bierzo, Galicia, Castela e León. Tamén enviamos cartas coas nosas peticións ós políticos das Cortes rexionais. Tamén realizaron, como lembra Lago, "un chamamento público, a través da rede social facebook, co envío masivo de cartas á Comisión de Interior e Xustiza a favor do galego. Temos constancia escrita de que, tanto o BNG como a Real Academia Galega (RAG), responderon afirmativamente á nosa campaña reivindicativa". Tamén os socialistas apoiaron publicamente a campaña

 

REFERENCIAS

Máis de 40.000 falantes

Para o colectivo Fala Ceibe, a pesar das carencias que posúe o texto, o actual recoñecemento do galego na Lei da Comarca do Bierzo "posibilitará un avance de cara ó uso administrativo parcial deste idioma por parte das administracións locais".

Xabier Lago Mestre anuncia, ademais, que tras as eleccións municipais do vindeiro mes de maio de 2011, o colectivo lle reclamrá á Junta de Castela e León, e ao novo Consello Comarcal, "actuacións concretas a favor da promoción do galego a nivel institucional".

A xuízo do activista, o idioma galego debe comezar por ter unha visibilidade dentro do Consello Comarcal Berciano. Referímonos a que a rotulación ten que ser bilingüe, caso da toponimia, os paneis informativos, carteis, publicidade institucional, vehículos ou de páxinas web".

Fala Ceibe é un colectivo con sede en Ponferrada creado para defender os dereitos dos galegofalantes no Bierzo, comarca onde se calcula que o galego é o idioma dunhas 40.000 persoas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS