Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

IDIOMA

Os novos valores

A Xunta considera que o millón de euros destinado a darlle publicidade ao Decreto do Plurilingüismo servirá para fomentar o galego

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 03.06.2010 
A- A+

Nos últimos meses, miles de persoas saíron ás rúas para protestar contra o decreto promovido por Alberto Núñez Feijóo

Un millón de euros. Iso é o que gastará a Xunta de Galicia a partir de setembro na campaña publicitaria para divulgar o polémico Decreto do Plurilingüismo. O goberno pretende, ademais, que ese millón de euros se contabilice dentro do obxectivo para "fomentar a lingua galega". Así o explicou onte o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, na Comisión 1 en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Bieito Lobeira na que cuestionaba sobre a veracidade do custo desta campaña e as súas liñas mestras.

Sobre esta cuestión, Alfonso Cabaleiro confirmou a información publicada no Diario Oficial das Comunidades Europeas o pasado mes de marzo, onde se recollía o anuncio de "información previa" dun contrato para poñer en marcha unha campaña institucional divulgativa sobre os "novos valores" do ensino galego en materia de idioma.

Esta campaña, segundo este documento e o propio Cabaleiro, terá un custo aproximado de 819.000 euros máis IVE.

En canto ás liñas mestras, o secretario xeral de Medios non entrou en pormenorizacións dado que "o concurso" para elixir a empresa que finalmente a articulará "está aínda aberto", se ben explicou que incidirá en que "a xente coñeza" o novo decreto e na "promoción da lingua galega".

Bieito Lobeira, que criticou o gasto dun millón de euros nunha campaña publicitaria "en tempos de crise", considerou esta actuación un acto "de propaganda" realizada "sen ningún tipo de escrúpulos" para "divulgar as supostas excelencias do decreto".

"Iso demostra a convicción profunda que ten o Partido Popular (PP) sobre o rexeitamento que suscita o decreto entre grande parte da sociedade galega", apuntou o nacionalista, ao tempo que cifrou en "preto de dous millóns de euros" o gastado por este Goberno en materia de idioma entre esta campaña, a publicidade da consulta aos pais e a rotulación das Galiña Azul.

En contraposición, Cabaleiro asegurou que Educación reduciu nesta lexislatura un 60 por cento os gastos en publicidade e un 80 por cento as campañas publicitarias con respecto ao anterior Goberno da Xunta. "Facemos menos campañas e gastamos menos diñeiro en campañas máis importantes", sinalou Cabaleiro, ao tempo que instou a oposición para que "dentro de tres anos recoñezan que a política lingüística deste Goberno foi positiva".

Así mesmo, o secretario xeral de Medios apuntou como unha "obriga" da Xunta o que "os pais coñezan as medidas" que leva a cabo o Executivo, e augurou que "servirá tamén para fomentar a lingua galega", dentro "da política de defensa do galego" da Xunta. "Franco tamén era un grande promotor da lingua galega porque prohibía as matemáticas en galego", criticou Lobeira.

O decreto para o que se destinará o millón de euros foi rexeitado na súa forma por todas as institucións do país, desde a Real Academia Galega (RAG) ao Consello da Cultura Galega (CCG), incluso polo Consello Consultivo. Para evitar situacións de manifesta ilegalidade no texto, e seguindo algunhas das indicacións do consultivo, o Goberno de feijóo tivo que modificar algúns dos puntos do articulado inicial e desbotar no ensino secundario a consulta aos pais sobre o idioma no que querían que recibisen a educación os seus fillos.

REACCIÓN

CCOO tamén recorrerá

A Federación de Ensino de CCOO en Galicia recorrerá o decreto do plurilingüismo tras o visto e prace da dirección nacional e para constatar que a norma "non garantirá" que o alumnado adquira unha competencia equilibrada en galego e castelán.

Trátase da cuarta organización sindical que optou pola vía xudicial para frear o texto, ademais da CIG, STEG e FETE-UGT, segundo confirmou o voceiro de Ensino Público, José Fuentes. "Imos recorrelo", dixo, tras dar luz verde á asesoría xurídica e ao constatar no texto "tres criterios fundamentais" que poden ser obxecto de recurso.

Deste modo, Fuentes advertiu, en primeiro lugar, que a pregunta ás familias en educación infantil sobre a lingua materna "non opta" por ese idioma en concreto, senón "polo idioma que o pai decide". "O que di o pai vai a misa", aseverou, ao ver que "pode saír -da pregunta- algo distinto á realidade, en determinados contextos".

Un segundo aspecto será "o criterio de que os mozos poidan utilizar na aula, indiferentemente, a lingua en que lle veña en gana sen importar na que se imparte a materia", xa que "non se está a facilitar ou garantindo que teña as mesmas competencias en ambas as dúas linguas".

Por último, rexeitou as "porcentaxes ríxidas" en idiomas que marca o decreto para sinalar que, por exemplo, nun ámbito maioritario en castelán, "non é válido o que marca a consellería".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS