Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 20.05.2018 Actualizado 12:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

mobilización

O antigo cárcere provincial da Coruña, "espazo de liberdade"

A Plataforma Proxecto Cárcere celebra do 8 ao 11 unhas xornadas de portas abertas coas que queren mostrar "o potencial do edificio"

REDACCIÓN   | 04.06.2011 
A- A+

AXENCIAS
Torre do Antigo Cárcere Provincial da Coruña
FOTO: AXENCIAS

A Plataforma Proxecto Cárcere concelebrará entre o día 8 e o 11 unhas Xornadas de Portas Abertas no Antigo Cárcere Provincial da Coruña. Os organizadores informan que se realizarán actividades sociais, culturais e da memoria organizadas por diversas persoas e colectivos da cidade co fin de mostrar "o gran potencial que ten este edificio", noutrora símbolo da represión, como "espazo de encontro e liberdade dende onde a cidadanía poida participar activamente na construción da nosa comunidade".

Durante os catro días, desenvolveranse distintas actividades dentro de espazos do cárcere como malabares, demostracións, actuacións musicais ou visuais. Tamén se poderá visitar no mesmo cárcere de forma aberta a exposición Liberdad.é, "o resultado dun chamamento aberto para producir obras que explorasen o concepto de Liberdade como símbolo de ruptura co espazo que o cárcere ten representado historicamente no noso imaxinario."

Nesta exposición participan ao redor de 20 artistas con esculturas, videoarte, fotografía, pintura e instalacións. A inauguración terá lugar o mércores 8 de xuño ás 19:15 horas despois da lectura do manifesto da Plataforma Proxecto Cárcere. Esta plataforma creouse a finais de 2010 e ten como obxectivo a recuperación do antigo cárcere provincial da Coruña, actualmente en desuso, nun centro socio-cultural e da memoria xestionado por e para a cidadanía.

A Plataforma -constituída aproximadamente por corenta persoas e colectivos - establece os seus obxectivos e toma de decisións, preferibelmente por consenso, a través de Asemblea permanentemente aberta a todas as persoas interesadas no proxecto, e organízase en grupos de traballo de distintas materias: obxectivos, xestión-financiamento, comunicación e infraestruturas. Ademais, durante estas xornadas de portas abertas celebraranse pola noite concertos como os de Manu Clavijo, Álvaro Muras mais proxeccións como a de O Segredo da Frouxeira coa presenza do seu director Xosé Abad.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS