Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 17.42

O equipo do Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (Pames), que lidera a Universidade da Coruña e do que forman parte a Universidade Nova de Lisboa, o Consello Superior de Investigacións Científicas e o Ministerio de Cultura de Siria, descubriu unhas táboas con carácteres cuneiformes asirios que confirman a presenza deste pobo a beiras do Éufrates cara ó ano 1.250 antes de Cristo. Esta zona, coñecida como o berce da civilización, tamén pode gardar a orixe de escritura. Por iso na próxima primavera, o grupo de expertos volverá ó lugar para buscar probas noutro asentamento próximo, xa datado no ano 3.300 antes de nosa era.
A historia produciuse no amencer do pasado 19 de maio. O grupo de arqueólogos da Universidade da Coruña, que dirixe o profesor da Facultade de Humanidades de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, comezaba o seu traballo un día máis na fortaleza asiria descuberta anos atrás no enclave chamado Tall Qabr Abu al-Atiq. Con eles, atopábanse outros membros luso-sirios do equipo. Non pasa moito tempo, e ás seis da mañá, prodúcese o primeiro gran descubrimento da expedición: dúas tabelas de arxila non cocida con escritura cuneiforme son descubertas. Inmensa alegría. Canto antes se poñen en contacto con Ignacio Márquez, epigrafista do proxecto e do Consello Superior de Investigacións Científicas, quen polos indicios apunta á importancia do achado.
Desde 2005, os arqueólogos da UDC realizan campañas de escavación nunha área que foi abandonada hai bastantes anos polos investigadores doutros países. Coñecedores dos datos obtidos no século pasado, nos que os asirios os asociaban ó río Tigris, paralelo ó Éufrates.
Pero sabedores de que no século XIII a.C. os hititas baixaban de Anatolia (Turquía) e os babilonios remontaban o Éufrates, decidiron buscar -tras un pormenorizado estudo previo analizando topografía e fotografías de satélite- no tramo medio do río, na garganta de Hanuga, vestixios asirios porque se trataba dunha fronteira natural. Así se encontrou a referida fortaleza de Tall Qabr Abu al-Atiq.
O profesor Montero explica que neste xacemento empezaron a traballar na campaña de 2008. "Trátase dun edificio que foi destruído por un incendio e a gran sorte é que todo quedou fosilizado". Había unha tenue constancia de que os asirios se tiveran expandido na rexion no século XII a.C. por inscricións de Salmanasar e Tukulti-Ninurta (1273-1207 a.C), pero non se constatou ata esta exploración do proxecto Pames da UDC.
"O próximo obxectivo é atopar o arquivo das táboas"
Considera que o contido das táboas fará que se reescriba a historia desta fortaleza asiria, xa que consta que non só hititas e babilonios estaban na súa proximidade, senón que tamén existían os nómades do deserto, posibles precursores dos arameos. "Onde hai unhas tabelas adoita existir un arquivo e este compóñeno unhas 400 unidades; na nosa próxima campaña marcámonos o obxectivo de atopalo", sinala o profesor Montero, quen anuncia que na primavera de 2011 tamén buscarán os primeiros textos cuneiformes nunha localización próxima á fortaleza, que supera os 5.300 anos de antigüidade.
Na presentación do achado, celebrada onte no reitorado da UDC, ademais do director do proxecto Pames, estiveron o reitor José María Barja, o vicerreitor de Ferrol Luis Barral, o subdirector e profesor da Universidade Nova de Lisboa, Francisco Caramelo e o epigrafista do Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Ignacio Márquez.
Márquez, experto en Mesopotamia, explica que a pesar de que as tabelas non miden máis aló dunha caixa de mistos (5,5x4,5 cm.) "son as máis grandes protagonistas do proxecto". Tras observalas, copialas e fotografalas declarou que se atopan en período de restauración no Museo de Damasco, e confirmou sen dúbida a súa orixe asiria.
"Son de arxila non cocida, o soporte de escritura é cuneiforme, a súa lingua, grafía e trazos son asirios, así como as impresións de selos cilíndricos e o sistema monetario que se expresa", comenta o epigrafísta, e engade: "Trátase de documentos administrativos que conteñen información de interese sobre a sociedade, a economía, fala de dereitos de aduanas e de poboación nómade".
O proxecto Pames quere realizar dentro de tres anos unha exposición na Coruña, Lisboa e Madrid do achado. Mentres, haberá que conformarse coa páxina web que achegamos.
Un fito de colaboración con Portugal
É a primeira vez que unha expedición española ou lusa (neste caso conxunta), desde que hai 50 anos viaxaron arqueólogos a traballar na zona de Mesopotamia, realiza un achado con escritura cuneiforme, habitual nos milenios anteriores a Xesucristo.
A importancia do atopado nesta escavación sitúa os expertos hispanolusos no mapa mundial. Ata agora, como di o profesor Francisco Caramelo, "eramos periféricos", pero agora "temos o recoñecemento internacional e podemos marcar axenda á beira dos británicos, franceses e alemáns". "A colaboración galego portuguesa é por afinidade e amizade", precisa.
