Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

"TODO O QUE VEXO ESTÁ SENTENCIADO A SOBREVIVIRME" ·· no día das letras

O home que dixo o indicible

Nun apaixonado discurso, Manuel Rivas salienta que as palabras de Lois Pereiro "son tan verdadeiras que parecen un pecado"

MARÉ . SANTIAGO   | 18.05.2011 
A- A+

Ana Varela
Xosé Luís Axeitos (dereita) con Xosé Luís Méndez Ferrín, Alberto Núñez Feijóo e Manolo González durante a sesión extraordinaria da RAG en Monforte
FOTO: Ana Varela

Os versos de Lois Pereiro resoaron onte en Monforte, na boca de Xosé Luís Méndez Ferrín, coa súa brutalidade rebelde no punto culminante do Día das Letras. Ferrín pechaba así a sesión extraordinaria da Real Academia Galega (RAG) na cidade onde Pereiro naceu en 1958, onde coñeceu o amor e onde escribiu os seus primeiros versos. A sesión, que estivo precedida por unha recepción na Casa do Concello monfortino e un paseo polas rúas ata a Casa da Cultura, comezou pouco despois do mediodía con Manuel Rivas, amigo do poeta e impulsor da súa candidatura ante a RAG. Nun discurso apaixonado, Rivas salientou en Pereiro a súa valentía pero, sobre todo, a súa audacia por pasar ao outro lado do espello, "ao azougue, ao descoñecido, ao oculto".

Ante un salón ateigado de público e co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañando á xunta rectora da RAG na cabeceira, Rivas referiuse ao"radicalismo ético e estético" de Pereiro, á súa aposta por dicir o que non se pode dicir, cunhas "palabras que son tan verdadeiras que parecen pecado" . "Un país e un pobo", engadiu, "defínense tamén polo que homenaxea", e por iso valorou a decisión da RAG en favor dun poeta no que "cada liña é unha caligrafía punzante da lírica".

Co fío condutor de Modesta proposición -un ensaio escrito por Pereiro en 1995 cun forte compromiso político- , Rivas indicou que xa aí se recvelaba o seu poder visionario fronte á "superstición" do progreso infinito que fornece a sociedade do consumo. Tamén tivo tempo Rivas para destacar o labor do editor de Positiva Paco Macías que sacou á luz os dous poemarios publicados en vida por Pereiro,Tras remarcar que o corpo de Lois "é un corpo de rei, fermoso con enigmas", Rivas agradeceulle a Lois deixar o "seu pan" aos presentes, que identificou co seu legado.

As perspectivas de Pereiro ampliáronse coas intervencións sucesivas de Margarita Ledo Andión -que indagou nas referencias culturais da obra pereiriana-, Darío Xohán Cabana -que gabou a decisión da Academia neste 2011-, Antón Santamarina -que analizou o léxico e os recursos lingüísticos do poeta- e Luz Pozo Garza.

As palabra de Ferrín agradecendo a colaboración do Concello da "cidade libre de Monforte" e o Himno galego -executado pola Banda de Gaitas monfortina- serviron como colofón ao acto académico.

Severino Rodríguez pide para Manuel María o 2015

Durante o transcurso do acto institucional na Casa do Concello de Monforte -celebrado antes da sesión extraordinaria da Real Academia Galega (RAG)- o alcalde da cidade, Severino Rodríguez ,chamou a atención sobre a "extraordinaria sensibilidade do poeta", e a súa "forma especial de tratar coas persoas", da que sobresae, ao seu xuízo, a "forma de sublimar o amor".

"E nesa forma de enaltecer o amor que acho en Lois un referente maior, se cabe, nun tempo incerto e materialista no que o diñeiro suplanta o amor", defendeu o rexedor.

Nesta liña, tras recordar a figura "irrepetible" e "inesquecible" do pequeno dos Pereiro e a súa posición ética de "compromiso coa xustiza", demandou os académicos alí presentes que nomeen a Manuel María, escritor que pasou boa parte da súa vida en Monforte, como o autor das Letras Galegas de 2015. Na mesma sala, atópabase a viúva do escritor chairego, Saleta Goi, vencellada tamén estreitamente á cidade.

Ao finalizar as súas palabras, Severino -que é alcalde polas listas do Bloque Nacionalista Galego (BNG)- achegouse xunto á nai de Lois Pereiro -Inés- para entregarlle unha rosa branca como homenaxe.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS