Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 27.01.2020 Actualizado 20:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

ámbitos

O peso da orixinalidade

"A rosa do viño" de Xavier Castro convértese no mellor libro publicado este ano en España sobre a cultura da vide

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 29.12.2010 
A- A+

ANTONIO HERNÁNDEZ
Xavier Castro está considerado como o mellor especialista en enogastronomía que actualmente escribe en Galicia
FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

A rosa do viño, unha obra de Xavier Castro que se adentra nas raíces da cultura vinculada á vide, converteuse no mellor libro editada en España sobre o viño e recibirá o Gourmand World Cookbook Awards 2010, un dos máis prestixiosos galardóns internacionais de literatura gastronómica. Agora, A rosa do viño aspirará ao Best in the World, que se anunciará o mércores dous de Marzo do 2011 no teatro Le 104 da Cookbook Fair parisina. No Best in the World compiten todas as obras premiadas nos seus respectivos estados.

Xavier Castro, colaborador habitual das páxinas de opinión de GALICIA HOXE, é historiador e ensaísta, autor de varios títulos de historiográfica sobre o galeguismo, a emigración, a vida cotiá, e a historia da alimentación e da bebida. A rosa do viño, publicado por Galaxia, obtivera xa antes o Premio Deza Investigación concedido polos Concellos da Comarca do Deza.

Para Carro, o galardón, "co mérito de recoñecer unha obra en galego", completa "un pouco esa proxección que actualmente ten o noso viño". Trátase dunha proxeción, engade, que se engasta a varios planos: a renovación, a expansión e a procura das súas raíces. Dáse unha conciencia no sector de que o importante dos viños é a súa orixinalidade, a personalidade propia, e que o territorio lle outorga o carácter xenuíno".

Fronte aos modos do pasado, agora valórase a calidade "nas variedades de videiras do país e téndese a seleccionar cepas autóctonas, ou de tradición na zona, aínda que non sexan moi produtivas. En Galicia, procúrase un viño de autor, artesán, un viño que lle dea sorpresas ao padal. Búscase a excelencia".

Sobre as variedades e as súas denominacións, o historiador salienta a emerxencia dos viños da Ribeira Sacra, "que gañan concursos de cata e poñen en valor esa comarca tan portentosa da viticultura heroica". Tamén salienta a Terra de Monterrei, "outra das sorpresas que está a facer bos tintos" e Valdeorras, "cuns tintos con capacidade de proxectarse fóra". Porén, os brancos, seguen a ser os viños máis característicos de Galicia. Fala, por suposto, do Albariño pero non esquece "os marabilllosos ribeiros de treixadura, ou os godellos, de grande riqueza e orixinalidade".

Pero, sobre todo, ao que se refire A rosa do viño é aos lazos que ganduxan, historicamente, as vides e a cultura, nomeadamente a Literatura. Ese é, ademais, o tema dos cursos que Xavier Carro dá nesta temporada en Compostela. "Eu falo de Cunqueiro, de Otero Pedrayo, de Rosalía de Castro ou de Valle-Inclán, de como o viño esta presente nas súas obras". E tamén fala das funcións sociais que desempeña o viño, da súa importancia na cultura popular, do viño nas adegas artesás, en barrica de madeira, que se consumía en tabernas. E, por suposto, "falo da moderna cultura do viño: a viñoteca, de adega de enólogo con capacidade de exportación que xa non se bebe en cuncas senón en copa de cristal. Son dúas culturas e as dúas deben sumar e poñerse en valor. A Literatura galega rezuma viño en todas as partes. Viño como acompañamento ideal das comidas, como calefacción interior, e repoñedor do ánimo, sinónimo da festa e do amor, sempre tecido arredor dunha cunca".

A literatura máis recente, a máis recente, tamén incorpora o viño, sexa a través da moderna cultura vitícola ou das tabernas e das adegas, porque "hai moitas escenas na moderna narrativa que transcorren nas vellas adegas".

OS CONTIDOS

Un "ethos étnico" propio de Galicia

A rosa do viño inspírase no procedemento popular de comprobar a calidade do viño mediante a súa densidade: estimábase o tinto espeso que, o descender polas paredes da cunca, formaba os pétalos dunha flor: a rosa do viño.

A obra constitúe un achegamento histórico mediante fontes primarias, en boa parte inéditas, e outras bibliográficas. Así, incorpora dun xeito novidoso a tradición enogastronómica galega dos escritores clásicos (nomeadamente Pardo Bazán, Julio Camba, Picadillo, Cunqueiro e Castroviejo) e non se relega tampouco a tradición literaria: Valle-Inclán, Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao e a literatura costumista.

Detense na consideración do tradicional gusto popular e no protocolo da bebida fronte á cata experta. Constátase a realidade dun ethos étnico, patente no modo enxebre de beber os galegos. Alúdese asemade aos recipientes (pichel, xerro, cunca, vaso e copa) e as expresións características que se adoitaban empregar nesta práctica social.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS