Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

moda

"O pracer move o mundo"

Gonzalo Vázquez presenta hoxe "ao grande público" o seu proxecto artístico e de vestiario co que quere converter Santiago nunha "marca"

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 11.02.2011 
A- A+

GV COMUNICACIÓN
Gonzalo Vázquez formouse en filoloxía galega, literatura, performance, artes visuais... as súas principais influencias da súa concepción da moda
FOTO: GV COMUNICACIÓN

Gonzalo Vázquez (Vilaboa, 1983) presentará hoxe "ao gran público" o seu proxecto artístico e de vestiario co que quere converter Santiago "nunha marca e forma de expresión". Ugia Pedreira - "a miña musa", segundo asegura o deseñador- actuará nun acto que se celebrará na Casa das Crechas a partir das 19:00 horas no que porá de relevo a súa visión da moda como fusión de arte e literatura. GV acaba de deseñar o vestiario da xira musical de Uxía Senlle en Brasil, A Travessia da Saudade, e tamén fixo liñas exclusivas para Marful ou Nordestin@s. A transgresión é unha das marcas de identidade de GV que tamén está a participar no deseño de vestiario para O divino Ferrete, a primera película pornográfica en galego.

 

Como naceu o proxecto?

Naceu no contexto das artes escénicas, da literatura, da poesía e da súa fusión coa moda. Agora imos formalizar a relación co grande público.

Que relación cre que garda a literatura coa moda?

Para min a literatura é o paradigma de invención de novos mundos. Como forma comunicativa, é o mesmo que a moda: ao fin e ó cabo, trátase de comunicar e a imaxe hoxe en día é fundamental.

Deuse a coñecer facendo os vestiarios de artistas como Ugia Pedreira, Nordestin@s ou Guadi Galego. Cal é a súa conexión con eles? Principalmente, Pedreira é para min a miña musa. Con ela levo traballando moitos anos e coincido na idea de música como espectáculo mais comparto unha visión estética do mundo.

Tamén vestiu a Uxía Senlle na súa última xira por Brasil.

Si, acaba de chegar. Tamén a vestín para "Cantos na Maré". Para min foi algo moi especial facelo.

Cal é o seu proceso de traballo?

Para min é importante chegar a unha certa unión coa persoa á que lle estou facendo o vestiario, para que participe no proceso creativo da prenda. Cando vén alguén novo, sempre lle pido que me fale sobre si mesmo e logo empezamos a crear algo. Vas a un comercio e atopas cinco prendas iguais que parece que están desprovistas de aura. Eu quero salvar esa distancia, quero pasar da reproducción mecánica das cousas, onde a moda ten o seu aquel. Ao crear unha peza desta maneira, cando sae do "atelier", xa ten unha aura porque puxeches un esforzo creativo nela. Vestir ben non quere dicir vestir moito.

Non é contraditorio con presentar o proxecto ao gran público?

Neste momento non contemplo ningún modo de reprodución mecánico das miñas obras. Dixen a un público maior e non a todo o mundo conscientemente. A xente dime que as miñas pezas teñen que ser carísimas. E tampouco é así. Só quero invitar a xente a que vexan como é.

Como define a súa marca, GV?

Definiríao como arte, moda e vangarda. Entendo o proxecto como volver ás orixes dende a vangarda, a volta á "maison", á casa de creación dos grandes deseñadores. Unha casa na que a multidisciplinaridade é unha esponxa que se traduce no vestiario. A arte e o pracer son o fundamental da vida.

Santiago será a sede do proxecto?

Si. Vou a miúdo a Italia porque dou clases en Urbino. Pero Santiago é a miña cidade de residencia, onde quero instalarme. O meu proxecto é facer cousas para fóra dende aquí. Incluso a cidade como marca, do mesmo xeito que puido facer Custo con Barcelona. Santiago é unha cidade creativa e ten as mellores circunstancias que aínda están por explotar de conexión co mundo. Santiago como marca e como outra forma de expresión.

Está a facer o vestiario de "O divino ferrete". Por que decidiu colaborar co primeiro filme pornográfico rodado integramente en galego?

É un proxecto no que participo por plena convicción e compromiso coa lingua. Toda a miña vida a dediquei á literatura e á lingua, a parte da moda. Non quero ser abanderado de nada.

Como vai ser a presentación?

Quixen que fose unha festa entrañable e para os sentidos. Facémolo nas Crechas porque culturalmente é unha institución, e ademais, éo no folk, co que non me identifico. Non creo no folk como unha forma de arqueoloxía. Pero com o atelier está xusto enriba, decidín que fose alí por contraste. Hai unha canción de Lluis Llach que di: "O meu país é tan pequeno que dende o alto dun campanario vese o campanario da igrexa veciña". Vai haber un concerto de Ugia Pedreira. Iria Sobrado presentará a proxección dunha curta de Lara Bacelo sobre o meu proceso creativo. Tamén haberá flores, tecidos... e presentarase un catálogo con fotos de Xabier Bello e Óscar Martínez. As sesións irán acompañadas dos textos poéticos "Ultramar" de Yolanda Castaño e "A revolta ocorre despois", de Gonzalo Hermo, un dos grandes poetas da miña xeración. Co seu texto titulo a colección.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS