Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

crise

O teatro galego acusa

Os actores critican a xestión de Branca Cendán á fronte do CDG ·· Esixen a Varela e Fasero que non haxa máis recortes e que se avalíe o cumprimento do Plan Galego de Artes Escénicas

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 28.10.2010 
A- A+

Ana Currás
Pedro Fresneda, pola esquerda, Afonso Becerra, Fernando Dacosta, Branca Cendán, María Paredes e Casilda Alfaro, moderadora da sesión
FOTO: Ana Currás

"A profesión vai apoiar o CDG sempre e cando a dirección recupere as tres producións anuais". "Se o CDG non consegue manter o seu orzamento, a dirección debería marchar". " O articulado para o último cásting no CDG é unha humillación para os actores". "O CDG está pechado para moita xente". "A Asociación de Actores debería estar no Consello Asesor do CDG para defender os nosos postos de traballo"... As críticas chovéronlle onte á directora do Centro Dramático Galego, Branca Cendán, que participou nas Xornadas Terapéuticas organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que reflexionou no Consello da Cultura sobre a crise do teatro e o audiovisual do país.

Pero as críticas non só se dirixiron á xestora da máis importante institución teatral do país senón tamén á Consellería de Cultura e Agadic, representada por María Paredes, programadora da Axencia, que acudiu en lugar do director, Juan Carlos Fernández Fasero, que estaba convidado ás xornadas pero non asistiu por ter que marchar ao Womex.

Por iso, Fasero non puido escoitar as críticas do sector aos anunciados recortes orzamentarios que azoutarán o teatro -sobre todo, na produción de espectáculos e na distribución- e tamén aos atrasos nos pagos dalgúns concellos que forman parte da Rede Galega de Teatro e Auditorios (subvencionada polas administracións locais e Agadic). Os actores do país reclamáronlle onte ao conselleiro de Cultura que avaliase o cumprimento do Plan Galego de Artes Escénicas, ao que o propio Roberto Varela se comprometera a dar continuidade o ano pasado.

Pero as "furias" do sector concentráronse onte en Branca Cendán, que colleu as rendas do Centro Dramático Galego hai pouco máis de seis meses. Na súa intervención, a directora defendeu como bases da súa xestión a "liña continuísta coa anterior directiva destinada a renovar o teatro galego" e "a incorporación de novos directores e actores a través de cástings". Nesta última medida encadrou o espectáculo Salomé, dirixido por Carlos Santiago, que se estreará o vindeiro 26 de novembro. Durante o verán abriuse un cásting do que saíu o elenco final da obra, co que non todo o sector parece estar de acordo. Especialmente crítica se mostrou a actriz Rosa Álvarez, que considerou o articulado deste cásting "unha humillación para os actores". Unha acusación que Cendán negou asegurando que para participar no proceso de selección só se requería "un currículo, unha foto e cubrir un impreso de rexistro".

A directora do CDG destacou o traballo do Consello Asesor da institución -formado por Gerardo Pereira, Marcelino de Santiago Kukas, Roberto Taboada, Carlos Neira, Ana Vallés, Alfonso Pato e Xan Cejudo- que a asesoran sobre a programación ou as novas producións. Neste punto mostrou o seu desacordo o presidente da AAAG, Antonio Durán Morris, segundo o cal os actores "deberían estar nese consello asesor para defender os nosos postos de traballo". Unha proposta á que Cendán se mostrou aberta. "Estamos a traballar niso", asegurou.

Cendán: "Outro recorte

no CDG sería brutal"

Pero o tema que máis ampollas levantou foi o da redución do orzamento para o CDG. Cendán asumiu o seu cargo á vez que Cultura recortaba os fondos destinados para o centro un 20 por cento, algo que reduciu a mínimos a programación teatral deste ano no Salón Teatro. Para o 2011, a directora do CDG, agarda que a institución "siga mantendo o seu orzamento". "Aínda non fun informada do recorte presupostario pero seguro que afectará o Centro Dramático e o Centro Coreográfico", aseguraba. Con todo, na súa opinión, "outro recorte sería brutal para o CDG porque somos un centro de produción e precisamos un presuposto mínimo para facer unha programación e que ningún dos nosos piares deixe de funcionar". En cifras, Cendán calculou entre 300.000 e 500.000 euros o mínimo indispensable só para producir un espectáculo.

Neste sentido, Vicente Montoto asegurou que "a profesión vai apoiar o CDG sempre e cando a dirección defenda recuperar tres producións anuais", algo que compartiu Cendán que asegurou que conta co apoio de Cultura para levar adiante en 2011, cando menos, a ópera do Patacón, tal e como anunciara.

Máis crítico se mostrou o actor e director Zé Paredes, que considerou a xestora do CDG a responsable do recorte de fondos da institución e opinou que se para o 2011 o centro non mantén os orzamentos, Cendán debería "pensar en marchar".

As críticas tamén foron dirixidas á Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), creada en 2005 e dirixido por Manuel Vieites. Nas xornadas participou un profesor do centro, Afonso Becerra, que considerou que existe "unha fractura grande" entre os novos intérpretes que saen da escola e os programadores. "Está a comezar a xurdir un teatro invisible ignorado polos programadores", afirmou. Fronte a isto, Vicente Montoto asegurou que os alumnos que saen da ESAD "non coñecen o convenio colectivo dos actores ou a necesidade de asociacionismo, existe unha pechazón". Do mesmo xeito, para Morris, tanto o CDG como a ESAD "deberían estar máis presentes na vida teatral de Galicia e deberían ter máis contactos coa profesión".

UN SECTOR NECESARIO?

Fernando Dacosta: "A pola revolución"

As reflexións do actor Fernando Dacosta conseguiron o aplauso dos seus compañeiros. Co título de Imos cara a un teatro necesario para a profesión?, o intérprete defendeu que o teatro "sempre está en crise", entendendo esta situación como "unha coxuntura de cambios nunha realidade suxeita a evolución", o cal implica "certo grao de incerteza". Defendeu o papel dos actores de teatro na transmisión do galego. "Poucos como os teatreiros defenderon a lingua contra os inimigos e os falsos amigos do idioma", afirmou. Na súa opinión, "é necesario un estudo sobre a rendibilidade do teatro: hai visitas papais que pagarían anos de teatro para unha sociedade".

"Esperemos que a ninguén se lle ocorra falar de que o teatro está subvencionado porque tamén o están os medios de comunicación, a industria do automóbil ou os bancos", indicou. Ademais, neste caso, sinalou que "non falamos de crise senón de distribución de riqueza, isto é, que se despraza o diñeiro dun lugar a outro". Por iso chamou a ir máis alo da crise e iniciar unha "revolución" para saír desta situación.

O MODELO DE TEATRO ENSALLE

Pedro Fresneda: "O contorno é hostil"

O responsable do Teatro Ensalle de Vigo, Pedro Fresneda, explicou o seu achegamento ás novas linguaxes e a outros públicos. Ensalle, que ten a súa propia compañía residente, non é só unha sala para representar espectáculos senón tamén un espazo para facer cursos de interpretación ou para crear escenografías e almacenalas. En opinión de Fresneda, a sala ten que "ter coherencia e calidade na súa programación". Con todo, malia estaren atentos ás novas linguaxes e ás compañías que renovan o teatro con propostas diferentes, Fresneda amosou o seu pesimismo pola falta de apoio das institucións públicas. "O contorno é hostil. Hai un interese de desprotección do teatro por parte das administracións públlicas e por iso temos que pelear para evitar que nos destrúan público", asegurou. Dende que se creou Teatro Ensalle hai case oito anos, "creamos público até un teito e de aí non pasamos a non ser nos casos que tivemos o apoio dun concello ou dunha institución pública", afirmou. As obras que se representan en Ensalle "son moi baratos" pero sen renunciar á calidade nin á cantidade -"cada ano pasan pola sala máis de 200 actores"-. "Se as salas paramos, moitas compañías farán o mesmo", conclúe.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS