Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 21.05.2013  | Actualizado 17.42

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Olga Novo: “A verdadeira poesía é sempre revolucionaria pola súa beleza irredutible”

En calquera forma que tome o estado ou o goberno, o individuo está sometido ao poder da lei do número

Olga Novo prepara un novo poemario que se chamará ‘Crater’  - FOTO: AXENCIAS
Olga Novo prepara un novo poemario que se chamará ‘Crater’ - FOTO: AXENCIAS

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 25.04.2011 
A- A+

Olga Novo (Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975) é escritora. Colaborou, segundo salienta a súa ficha na Biblioteca Virtual Galega, en numerosas publicacións literarias especializadas como Boletín Galego de Literatura ou Ínsula, entre outras. Como poeta, dáse a coñecer a través de revistas como Clave Orión, Ólisbos, Festa da palabra silenciada ou Dorna. En 1996 publica o seu primeiro poemario, A teta sobre o sol (Ed. Do Dragón; 2ª ed. Letras de Cal, 1999). Co seu segundo libro, Nós nus (Xerais, 1996), é galardoada co premio Losada Diéguez de Creación. En 2001 publícase o libro de artista Magnalia (Ed. Espiral Maior), no que colabora co tamén poeta Xoán Abeleira e a pintora Alexandra Domínguez. Tamén asinou A cousa vermella (Espiral Maior, 2004).
     A súa obra foi recollida en varias antoloxías. Como estudosa da literatura publicou os libros Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (Positivas, 1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999) e Uxío Novoneyra. Lingua loaira.

A poesía de Olga Novo é o envés de la vie en rose, radical, distinta, próxima pero nunca inalcanzábel?
Creo que non me corresponde a min facer crítica literaria da miña propia obra. Podo, non obstante, falar da miña experiencia poética, e nese senso si podo afirmar que é radical –da raíz–, orgánica, física, material, solitaria, independente e libre. Para min o acto da escrita só pode ser natural e instintivo, necesario e liberador, visionario e intenso, isto é, un acto da vida, e nunca unha pose. Para min escribir é unha emanación da miña biografía, dos meus afectos profundos, unha supuración dos sentidos e do amor no sentido máis amplo do termo. Escribo cando a vida se volve intensa e me presiona os glóbulos e se me alzan as vértebras e todo o corpo me pide expresión. Só escribo cando a vida me leva a facelo, non proxecto libros, non confecciono artificialmente obras, escribo sinxelamente porque é a miña expresión natural.

A vida é unha máquina perfecta como tal, programada para unha secuencia innumerábel de sabores e sentimentos… Un lume que pode chegar a ser definitiva cinsa, e polo tando levar en si unha data de caducidade ou morte que puido ser adiada sine die?
Cinsa... cae e cae, e sucumbirá o poder ao peso da levedade.  A morte é adiada sine die cando amamos, idea que as erotoloxías orientais puxeron xa de manifesto hai máis de tres mil anos, e que nos nosos días retomou o mellor vitalismo surrealista. Cando o poeta André Breton imaxina como epitafio propio “Je cherche l’or du temps” –“Busco o ouro do tempo”– referíase a ese instante de plenitude que nega o tempo e tamén o espazo. O paraíso antirrelixioso contén a eternidade dun abrazo. Fálasme de lume e cinsa, é inevitable pensar no grande soneto de Quevedo... serán ceniza... Penso tamén no lume abrasador dos poemas da cortesá veneciana Verónica Franca, que anula o tempo nos brazos do(s) amante(s), e ante a inquisición proclama a súa herética liberdade sexual. A vida é unha estrutura fractal perfecta e a morte forma parte dela. Cando se asume profundamente a vida tamén se asume a morte e a existencia cobra un sentido total. Buscar ese Ouro é o sentido da miña propia vida.

Así, o amor podería ser un apetito insaciábel de beleza platónica?
Como é sabido, a sabia de Mantinea, Diótima, ensinoulle a Sócrates todo canto sabía do amor. Ela, unha estranxeira, a visionaria, transmitiulle a escala ascendente que leva á idea da beleza imperecedeira, á idea do amor. E con Platón, seguido moi de preto pola patrística, esa idea do amor puro e incorpóreo arraigou no pensamento occidental ata chegarmos ao mito divulgado do chamado amor platónico, ben utilizado pola anticarnalidade cristiá. Así a carne e os praceres deveñen pecado de luxuria, e a súa expresión tabú ou transgresión. Pero tamén percorre Occidente a explosión antiplatónica que celebra a vida e os praceres do corpo. Que o amor é un apetito, entre outras cousas, e debería selo de maneira a podelo gozar, como quería Pessoa, de tódalas maneiras porque non hai un modelo de amor como non o hai de beleza, como non o debería haber de vida. Que amor non é un,  creo, co libertario Ricardo Mella que “propiamente o amor, tal e como o formula o pensamento moderno, non é dos nosos tempos, non naceu aínda”. Diótima falaría hoxe linguaxes extremas para liberar o noso Eros das sombras e dos difíciles velos cos que se tenta apropiar a súa natureza fuxidía e indomable. Non hai máis que ver os asedios epistemolóxicos que desde moi diferentes disciplinas tentaron ao longo dos tempos ir á procura do seu nó ardente e incognoscible. Todas elas aproximacións que iluminaron os nosos coñecementos sobre os construtos en que devén o amor nunha sociedade dada, pero que non acadaron penetrar na gnose oculta do amor. Pero nesa imposibilidade, talvez radique aí precisamente a resposta oracular, na imposibilidade de apreixar a súa realidade porque é sempre múltiple e cambiante, polimorfa e libre. Tal e como a queremos, en desmedida entrega liberada. Porque con S. Agostiño cremos que “a medida do amor é amar sen medida”. Que na eterna dialéctica entre Marte e o Amor, Venza Venus.

Máis de cincocentos anos poden tranquilamente estar á volta da esquina e reflectirse no espello do noso intelecto?
Máis de mil anos e máis de dous mil... A marabilla poética dos cantos sumerios, por poñer un exemplo, resoa nas nosas palabras de amor cando a amada e o amado se aproximan para celebrar a sensualidade. Máis de mil anos... a marabilla dos poemas de Safo de Lesbos inda nos emociona cando durme entre os brazos dunha doce amiga. Máis de mil cando Orfeo descende aos infernos na busca da súa Euridice e logo Pina Bausch a danza nunha éxtase de dores e de lume. Máis de mil anos cando a Brigitte celta ilumina os saberes das artes. Máis de mil anos e aínda brillan nos nosos ollos os grafittis fermosos das rúas de Pompeia e inda somos nós quen lemos os Priapeos e a Catulo e logo nos achegamos e sentimos cos Carmina Burana, e todo nos conforma e todo se congrega na rede múltiple dos saberes múltiples. Inda a música dodecafónica leva en si unha frauta doce dun sátiro e unha aria de Monteverdi conecta coa memoria da traxedia grega... O espello do noso intelecto é un prisma de cristal con centos de ángulos. Eu vexo a memoria feita de láminas estratificadas coma unha xeoloxía grandiosa que non se ve... Temos unha memoria da pel como temos unha memoria cultural que nos conforma.  

Ser poeta é tamén ter unha actitude ética, estética e política?
Ser poeta é ante todo ter unha actitude ética, estética e política porque é unha maneira de situarse ante o mundo, ante a vida. Por outra banda, a poesía é pensamento e coñecemento en estado puro, polo que, cando é verdadeira, necesariamente é portadora dunha mensaxe irredutible, tamén –ou incluso sobre todo– cando non se trata de poesía social. A poesía digna de tal nome non escinde a ética e a estética, é integradora e brutalmente sincera desde un punto de vista cognoscitivo, non ten amo nin obedece, soamente  ofrece.

Unha monarquía convivindo cunha democracia burguesa –claro-, non transcende ao disparate por máis que algún comunista ou socialista desnortado entenda polo cóbados?
A Historia tennos dado mostras abondas de que en calquera forma que tome o estado ou o goberno, o individuo está sometido ao poder da lei do número, da implacable ditadura dunha maioría amoldada convenientemente ao sistema, que non deixa lugar á libre expansión e expresión das marxes, que en moitos casos constitúen a avanzada do pensamento. Os sufixos “-arquía” e “-cracia” fan referencia ao poder e á piramidal disposición da vida, e toda palabra que os conteña está irremediablemente suxeita a esa lei do número que exclúe por esencia, a non ser que utilicemos o prefixo da negación do poder e dos xerarcas e cheguemos á an-arquía. Porque o poder é sempre poder, onde a bandeira que ondee e use a cor que use para exercelo sobre as persoas non libres.  Eu, o único estado no que creo é no estado de gracia de quen ama.

Ser galego, indepentista, internacionalista e republicano/a é algo imposíbel, ou pode agredir ao soño da liberdade?
O soño da liberdade, o soño da liberación humana é unha utopía, un non-lugar que busca o seu espazo no mundo. Por iso hai que formulalo, para que exista e resista nas nosas palabras. Renunciar a ese soño constituiría o maior pesimismo existencial posible. Quedo pois co termo que Uxío Novoneyra utilizaba como ancoraxe filosófica vitalista:  a “doada certeza”.  

A propósito da liberdade, cal é o seu prezo, ou seu posíbel valor de cambio no mercado burgués que nos habita?
Obviamente, ser verdadeiramente libres nesta sociedade é inda unha utopía, e os esforzos por selo ás veces pagáronse con sangue. As mácaras múltiples de Moloch seguen atenazando o instinto liberador que o ser humano garda en si mesmo, en maior ou menor medida. Porque non hai maior pracer cá liberdade, eu penso que só ela pode conducir á felicidade. O valor da liberdade non pode medirse coma un valor de cambio nunha sociedade capitalista como a nosa. O valor da liberdade entra directamente en conflito con calquera mercado por iso non interesa que se exerza de maneira profunda e se recobre en tantas ocasións de falaces vestimentas. Pero hai illas de liberdade...

 Contra a barbarie capitalista só se pode loitar cun socialismo real e non con engádegas da dereita “civilizada” (dubido moito dela), a social-democracia, a cínica globalización que só serve para perpetuar o capitalismo, e democracia cristiá (outro engano dos mediocres)…Cal é o camiño, ao teu ver, cal a senda no teu sentimento, Olga?
O camiño libertario. Aquel que non dá o seu voto nin a súa voz a ningún poder para que logo a utiliza para asoballar xentes humildes, facer guerras e insultar os traballadores con políticas que constitúen unha explotación da intelixencia humana e unha prostitución da pureza das persoas. Para min, a liberdade é o único camiño sempre, a única solución, mesmo se o soño semella imposible... incluso así.

Se che for posíbel como retratarias o tempo con palabras?
“O tempo non existe, non existe, amor, o tempo non existe, nin sequera existe o tempo, non, o tempo non existe”.

Eu son un arrelixioso, un ateo que só cre no home e os seus camiños (e cando digo home é xenérico). A relixión, como para Marx, é para min “o opio dos pobos”, e negación do individuo como tal, e polo tanto da liberdade. Compartes, Olga?
Absolutamente. Eu son atea, non necesito ningún deus nin ningún amo que gobernen a miña vida. Ningún ser que queira ser libre precisa de castigo nin de culpa, nin de promesas do alén senón de actos concretos na terra. Todos sabemos a que extremos ten conducido o fanatismo relixioso, ese imperialismo da intimidade asolador das conciencias, perturbador dos desexos profundos e profanador do instinto da liberdade. Ningún ser feliz pode ser un ser atenazado pola obediencia, penso en Rimbaud, ese arcanxo maldito...   

Que tal te levas coa narrativa, co ensaio, co teatro…?
Lévome ben coa beleza, veña de onde veña e na forma que tome. A miña expresión natural é a poética, o meu lugar natal, pero tamén escribín sempre narrativa, aínda que non a publique, e tamén teatro de circunstancias para os estudantes, como tantos profesores. O ensaio literario tén tamén o atractivo de poder fusionar a intensidade poética, o coñecemento por iluminación, e a liberdade creativa.  
E, e non sei moi ben por que, penso co río naceu antes co mar,  da mesma maneira que creo que é o mar quen quere retornar ao río, que a a súa nacencia primixenia. Supoño que non pasa dun antollo poético, dun desexo, non che parece a ti, Olga?
Antes foron as nubes... O antollo poético de retracción á orixe ten unha longa liñaxe literaria, esa procura do centro ancestral, do ácido ribonucleico ou da célula, da primeira. Remontar o tempo e ir á procura do instante orixinario entronca con experiencias poéticas extremas, tal como a de José Ángel Valente e as poéticas do silencio, ou coa mística materialista de Olga Orozo, por poñer un exemplo. Se non pasa de desexo é que chegou ao lugar do que é, ao principio astral do desiderium, o que vén do sideral...

A felicidade pode ser en si o estado de graza dos tontos?
Para min a Feliz Idade é o estado de graza por antonomasia, isto é, a intelixencia profunda. Pero no noso mundo inda non se acepta facilmente esta idea de negación da morte, do esfarelamento da culpa xudeocristiá e de aceptación plena da vida. Así como o amor se ten identificado a partir do mito romántico coa paixón, esta foi desde a Antigüidade asociada ao padecemento -de aí vén a súa etimoloxía-. Porque nada houbo nunca máis desestabilizador para a Polis que un sentimento arrebatador que pode pór en perigo os códigos, neste caso sexuais, morais, e de conduta. A Felicidade foille negada aos nosos grandes mitos amorosos, facendo morrer a Tristán, matando a Romeo e a Xulieta, envelenando con odio patriarcal á pobre Medea, querendo transmitirnos así a terrible lección tanática da absoluta imposibilidade do amor libre de barreiras e convencións. Porque a idea do accomplisement da Felicidade aquí e agora implicaría un furacán subversivo que ningún sistema está disposto a tolerar. E neste senso, interesa moito aos poderes incidir nesta idea da felicidade como paraíso da inxenuidade  e non como intelixencia abrasiva. E sen caer precisamente en planteamentos  inxenuos penso que debemos ir cara as pequenas illas de felicidade cotiá e individual, soñando e traballando sen descanso pola estensión desa felicidade indivual á social. Porque a utopía empeza a existir cando a formulamos.

 Unha republica socialista española, non sería o primeiro paso para un Estado federal que admitise a independencia de EuskalHerria, Catalunya e Galicia?
Penso que a mellor memoria progresista nos leva a aquela República tan dramaticamente segada en 1936 porque o soño que a construíu e a fixo real pertencía a mans de avanzada solidaria e intelixente, vítima do fascismo. Eu creo na independencia de todo e de todos, pero sobre todo na independencia dos individuos respecto aos estados, e nese caso, un estado federal resúltame unha idea reformista pero non revolucionaria.

Hai moitos libros que non se che van da cabeza?
Eu teño moi mala memoria pero teño unha excelente memoria sensitiva, é dicir, que podo esquecer facilmente os nomes, as peripecias, mesmo o argumento dunha novela ou dun filme, pero sempre lembrarei a excitación coa que non quería acabar de ler Cumes borrascosos, como dosifiquei as últimas páxinas de Miss Dalloway; non podo esquecer como chorei lendo aquel Violín de Roschild ou a noite en que quedei insomne tras ler as Elexías de Rilke. Como descubrín a vida nunha pequena pensión de estudante lendo a poesía de Claudio Rodríguez Fer, ou como admirei no máis profundo aquela Flor de Loto lida con tanta emoción por Luz Pozo. A miña memoria non retén datos, pero si sentimentos, pero si sensacións e delicados intres de existencia.

Poderías adiantarme o título do teu próximo e talvez inminente poemario, teu próximo ensaio?
Cráter é o meu próximo poemario, que reúne parte da obra escrita desde 2004. Contén os síntomas dunha erupción: cinsas, pedras, lava... Mais existen tamén os cráteres chamados de “impacto”, eses formados na lúa por exemplo, polo impacto de corpos astrais. Isto é a poesía para min: impacto despois do cal xa non é posible ficar indemne. A verdadeira poesía é sempre revolucionaria porque leva en si mesma unha beleza irredutible, allea aos poderes, ás modas, aos evanxeos, ás penurias éticas e estéticas. Só libera porque en si mesma non pode ser máis ca un exercicio de entrega e liberdade radical, coma o amor. 

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS