Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Xusto Beramendi (no centro) presenta o acto xunto a Camilo Nogueira (esquerda), Manuel Caamaño, Fandiño e Fermín Bouza |
O momento de dificultades polas que pasa o proceso de normalización da lingua galega tras trinta anos de autonomía preócupalle á sociedade e iso quedou patente onte na entrega do Pedrón de Ouro, onde a situación conflitiva acaparou boa parte dos discursos da cerimonia. O político, economista e ensaísta Camilo Nogueira e o sociólogo Fermín Bouza Álvarez foron este ano os recoñecidos co histórico galardón. Decenas de personalidades vinculadas ó galeguismo, á política en xeral e a cultura galega apoiaron o acto na Casa Museo de Rosalía.
O acto abriuse pouco despois das 12.30 do mediodía con sendas ofrendas florais ó monumento da poeta e posteriormente o secretario e patrón da Fundación Xosé Ramón Fandiño e o catedrático de Historia Contemporánea Xusto Beramendi, foron os encargados de abrir os discursos e glosar as figuras dos dous premiados, mentres que o peche, tras a intervención, o puxo o presidente da fundación, Manuel Caamaño.
Na súa 46 edición, o Pedrón de Ouro, que distingue unha personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que destaque na defensa da cultura galega ó longo dun ano ou na traxectoria dunha vida, recaeu en Camilo Nogueira (Vigo-1936), un personaxe do que os membros da fundación destacaron a súa pertenza ás xeracións galegas de postguerra comprometidas "co seu desgaleguizado país nos tempos da ditadura" e a súa participación no proceso que deasembocou no actual Estatuto de autonomía e en leis como a de Normalización Lingüistica.
O de Honra, que se destina polos mesmos motivos a unha persoa ou entidade residente fóra de Galicia, recolleuno Fermín Bouza (Compostela, 1946), fillo doutro insigne galeguista e Pedrón de Ouro, Fermín Bouza Brey, do que destacaron o seu longo percorrido, como activista político, ensaísta, narrador e poeta. Beramendi referiuse á "personalidade poliédrica deste autor santiagués", promotor tamén do blog O voto con botas no que fai unha defensa irredutible da lingua galega". Entre as personalidades asistentes á entrega dos galardóns, figuraban Xosé Manuel Beiras, David Otero, os alcaldes de Teo e Boiro, ou a presidenta da Fundación Rosalía, Helena Villar .
