Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

cine

Os límites do rocambolesco

Iria Ares presenta hoxe na Coruña a súa primeira curta "La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa" que a directora aspira a estrear no Festival de Venecia

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 26.05.2011 
A- A+

marcos martínez
Camila Bossa e Daniel Currás son os protagonistas desta cinta producida por La Tuerka Films
FOTO: marcos martínez

"Esta é unha curta de alfombra: na superficie pode verse a relación entre un proxeneta e a súa prostituta pero debaixo hai unha reflexión sobre como a xente perde o rumbo das súas vidas e sobre a situación da prostitución", explica Iria Ares, que hoxe presenta á prensa súa primeira curta, La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, nun acto na Fundación Caixa Galicia da Coruña ás 20:30 horas. Unha cinta, producida pola galega La Tuerka Films e protagonizada por Camila Bossa e Daniel Currás, que a realizadora coruñesa aspira a estrear no Festival de Venecia que se celebra o vindeiro mes de setembro.

A cinta baséase nun monólogo teatral do dramaturgo sevillano Alfonso Zurro. "Foi a base para o guión pero a curta é totalmente diferente do texto orixinal", sinala Ares. De feito, os dous protagonistas -La Sarita e Macareno Montoya- vivirán unha aventura que transita os vieiros do real e o imaxinario. "Á prostituta empezan a pasarlle cousas un pouco surrealistas, que sobrepasan os límites do entendemento, uns milagros cos que o proxeneta aproveita para facer diñeiro", explica a directora nada na Coruña en 1988.

Rodada en localizacións de Compostela como a Facultade de Ciencias da Comunicación ou da Coruña como o Orzán ou o Monte de San Pedro, a cinta conta cun elenco de actores consagrados entre os que se contan Carolina Vázquez, Milo Taboada e Amalia Gómez. "Nótase que levan moito traballo ás súas costas: fixéronse cos personaxes dende o principio e entenderon moi ben esta historia rocambolesca, así que eu case me limitei a facer indicacións técnicas, como co resto do equipo que traballou como unha auténtica orquestra á que eu só lle marquei os tempos", asegura a directora coruñesa, que salienta a calidade do formato HDCAM que lles permitiu "unha moi boa calidade de imaxe a un custo baixo".

Sen financiamento público por estar rodada en castelán

As dificultades para atopar financiamento -que ao final superou pouco máis dos 15.000 euros- foron unha das principais razóns que levou ao equipo a renunciar a filmar unha longa. Neste caso, rodar en castelán resultou negativo para acceder a unha axuda da Xunta. "Un dos requisitos para recibir unha subvención en Galicia é a lingua. Nós non puidemos rodar en galego porque o protagonista fala con acento andaluz e non tería sentido. Iso fíxonos renunciar a calquera tipo de subvención pública e daquela, tivemos que optar por dar cursos de interpretación, vender camisetas ou buscar patrocinios nos bares da Coruña para financiarnos", explica a realizadora.

Con todo, a súa intención é a de rodar unha longa. De feito, esta curta forma parte dunha triloxía que completarán con outras dúas cintas: A incrible historia de Mario e Manfredo e A incrible historia do último Robinson Crusoe. "A seguinte curta, que xa está en preprodución, rodarémola probablemente en outubro. Está baseada no texto de Manuel Lourenzo "Mario e Manfredo". Neste caso esperamos ter máis facilidades para acceder ás axudas porque a rodaremos en galego", comenta Ares. A súa idea é rematar as tres curtas e xuntalas nunha longa.

Outro dos atrancos que está a atopar a directora á hora de distribuír a cinta é que a metraxe dura 22 minutos. "O problema é que en moitos festivais, a duración dun filme xa supón unha criba", asegura. Con todo, a súa intención é que a cinta se estree na Mostra de Venecia. "É moi difícil pero non imposible", di Ares que quere levar a cinta por festivais galegos e internacionais, entre os que nomea "os de Nova York, Toquio ou Cuba".

O PRÓXIMO PROXECTO

Dez minutos cun só actor

A seguinte curta que rodará Iria Ares é A incrible historia de Mario e Manfredo, baseada nunha obra de Manuel Lourenzo. O guión estará protagonizado por dous irmáns que viven xuntos nun ático, pero o espectador só verá a un deles ao que o seu irmán non lle deixa entrar no cuarto onde viven. Serán doce minutos nun único plano secuencia que obrigará ao equipo a moitos ensaios antes de que comece a rodaxe.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS