Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

LANZAMENTOS

Outono de lectura

"Todo é silencio" de Manolo Rivas iniciará a temporada editorial galega, marcada por regresos como o de Víctor Freixanes ou a polémica con Diego Ameixeiras

MARÉ . SANTIAGO   | 16.09.2010 
A- A+

Adrián Fuentes/AGN
Os escritores Manuel Rivas
FOTO: Adrián Fuentes/AGN

Hoxe entra en imprenta Todo é silencio, a última novela de Manolo Rivas. Xerais, a súa editora, apura a maquinaria e pretende presentala o próximo día catro de outubro en Compostela ós medios de comunicación no que será, sen dúbida, o comezo da temporada editorial en Galicia. Unha temporada, ademais, cun abondoso e suxestivo material: escritores que regresan tras anos de silencio -como Víctor F. Freixanes con Cabalo de ouros-, intrigas políticas (como Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras), a crónica social (Periferia de Iolanda Zúñiga), a ciencia-ficción (Obediencia de Antón Lopo) ou a última aposta de Paul Auster, Sunset park, unha novela sobre o amor e o perdón.

Manolo Rivas levou con sumo segredo o contido de Todo é silencio, a obra que sucede á eclosión narrativa de Os libros arden mal. Antonte mesmo fixo as últimas correcións do texto e a finais deste mes terá, fisicamente, o libro. Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema - coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, "quedará gravado na historia da Literatura galega". É, engade o editor, "unha novela profundamente fermosa, de lectura e de escrita". Segundo as previsións da editorial, publicarase antes do 10 de outubro.

Outro que percorre a vilas ficticias é Víctor F. Freixanes que, case vinte anos despois da súa última novela, volve ás librarías con Cabalo de ouros. A historia transcorre en Vilanova de Alba, na serra galega, unha vila que desaparece e onde ten lugar unha partida de cartas que dura tres días e tres noites. Na partida, a partir de dous capitáns que conforman dous bandos, represéntanse os intereses do diñeiro do final dos 40 e comezos dos 50 -dos "sectores máis acomodados da sociedade", declarou o escritor-, co wolframio, a banca, as conserveiras e os tratantes de gando. Como declarou a este xornal, é "unha historia de perdedores", que ten como fondo esa cidade que, "coma nós", vaise extinguindo lentamente. Para telo nas nosas mans haberá que esperar un pouco máis, xa que non será ata a primeira semana de novembro cando se publique.

Quen está levantando moita expectación é Diego Ameixeiras co seu Asasinato no Consello Nacional, que ten tódalas papeletas para converterse no best seller da temporada. Na súa novela, o detective Alberto Cudeiro recibe o encargo da dirección do Bloque Nacionalista Galego de investigar un crime sucedido ó saír da reunión do consello nacional do partido. Alí, un encarapuchado asasina con tres disparos ó parlamentario Mario Dacosta, intres despois de que a executiva presentase a súa dimisión. A súa investigación non queda nese incidente, xa que Cudeiro rematará por resolver un enigma relacionado coa Guerra Civil. O mesmo que a novela de Rivas, porase á venda a comezos de outubro.

O Xerais 2010 tamén terá o seu oco nos andeis, xa que a editorial publicará proximamente Periferia, de Iolanda Zúñiga. Trátase dun texto "contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia" ambientado nas favelas brasileiras, onde a xente sen oportunidades recorre ó narcotráfico antes que a ir á Universidade xa que "gañan moito máis". Periferia fala daqueles que viven "nos confíns do mundo" e dos "corazóns esperanzados dos seus protagonistas". A editorial aproveitará a ocasión para facer unha reedición do seu Vidas post-it, de 2007.

Outro libro premiado que se publica nestes meses é Obediencia, de Antón Lopo, que levou o García Barros hai dous meses. Trátase dunha novela de ciencia-ficción, que se editará da man de Galaxia o próximo novembro, co xénero fantástico como protagonista e a linguaxe das matemáticas como fío condutor. A historia ambiéntase na Galicia do século XXII, na que Galicia é unha república dividida entre a súa capital, Compostela, e unha Alemparte onde foron expulsados os individuos que non atoparon a súa función no misterioso e todopoderoso superorganismo.

Aposta polas traducións

As traducións serán outra das grandes bazas desta temporada. Xerais aposta por Sunset Park, de Paul Auster, unha historia de amor e perdón. En Florida, a culpa persegue a Miles sete anos despois de causa-la morte do seu medio irmán en Nova York. Cando a familia da súa moza adolescente ameaza con airea-la súa relación, Miles decide protexela volvendo a Brooklyn, onde pai e o fillo se enfrontarán tras anos evitándoo. Outras editoriais como Rinoceronte ou Toxosoutos contan cun amplo catálogo de traducións. No caso da primeira, publicará obras coma Mexillóns para cear, de Birgit Vanderbeke ou Eloxio da sombra, de Junichiro Tanizaki. En Toxosoutos, as Bucólicas e a Eneida de Virxilio uniranse a contemporáneos galegos coma Chus Pato, Lupe Gómez ou David G. Couso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS