Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.11.2019 Actualizado 23:31
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Audiovisual

O outro Gran Irmán

Marcos Nine grava un documental sobre o autor de banda deseñada David Rubín co que trata de achegar "un produto universal sobre as persoas que fan cómic"

XABIER SANMARTÍN . SANTIAGO   | 24.10.2010 
A- A+

AXENCIAS
Marcos Nine gravando a David Rubín mentres traballa, un proceso que ó principio foi máis difícil para o debuxante, pero despois non
FOTO: AXENCIAS

Sen un só castin, o debuxante galego David Rubín viuse metido nun gran irmán onde Marcos Nine fai dunha Mercedes Milá que cambia ira por acougo. Se Rubín acudía ao salón coruñés Viñetas do Atlántic a asinar exemplares... facíao baixo mirada de foco e cámaras; se presentaba obra na libraría Alita Cómics, ían tras el Nine e o seu equipo; se inauguraba exposición na galería Pardo Bazán, alí o esperaban os ollos de Radiografía dun autor de cómics, documental que fixo de Rubín un autor observado durante meses, dentro e fóra de casa.

"Ao principio paseino mal, a verdade; esta profesión é moi de corredor de fondo, e de súpeto atoparte con focos e cámaras ao teu ao redor cun equipo de varias persoas seguíndote a todas partes...O comezo da rodaxe foi bastante duro pero deseguida te afás a que durante un tempo, bastante longo, por certo, a túa vida vai transformarse... Ao final, xa nin me decataba de que tiña a todo un equipo ao redor", asegurou.

A peza é unha república independente dentro dun proxecto unitario que tamén inclúe a Alberto Vázquez e a parella creativa formada por Diego Blanco e Kike Benlloch. "En cada caso pártese dun cómic específico, creado para o proxecto, no caso de Rubín xa está feito pero non sabemos se facer unha tirada posterior á estrea ou compatible con el...", apunta Mercedes Nine. Tras centos de horas do día a día de Rubín, esta curta repasa cada fase do autor de banda deseñada.

O documental toca cada estadio, desde que empeza a xestarse a idea do relato ata que se asinan exemplares ante os seus lectores. Tras as conversas previas, Rubín teceu unha historia propia para o documental, "pero non unha para que traballásemos sobre ela, non; el foi pola súa conta para que a gravación non o condicionase, iso dá máis traballo pero permite pillalo en estado puro. Logo nós fixemos unha historia diferente e vinculámola con outros libros seus como O circo do desalento, A tetería do oso malayo e Caderno de Tormentas".

Rubín, nacido en Ourense en 1977, é un dos autores de cómic máis premiados de España. En 2006, coa tetería... obtivo o gran galardón no Salón do Cómic de Barcelona, o segundo máis grande de Europa, e a diferenza dos concursantes do Gran Irmán de Milá, aquí tivo que vencer a tentació de quen antes xa estivo alén do ollo que todo o ve. "Desde un primeiro momento, vin que Marcos tiña as cousas bastante claras. Ademais, tamén son realizador, e se o que amola que alguén estea cada catro minutos meténdose no teu traballo, dicíndoche como facer isto ou aquilo, cando ti xa o tes clarísimo desde un principio...", di.

A sintonía inicial afastou as dúbidas mutuas. "Marcos gañou toda a miña confianza, así que me deixei levar e deixeille facer", asegura. Tras plasmar todo nunha montaxe de 20 minutos, Nine está pendente do financiamento do resto do proxecto, mentres prepara a difusión do primeiro retrato. Proxectarase en David Rubín, primeiro dos catro autores.

DATOS

Estrearase en Cineuropa

O documental estrearase no festival Cineuropa de Santiago, e logo verase na próxima edición do salón coruñes Viñetas Dende O Atlántico e é probable que antes na feira de Barcelona. A curta leva música de Manu Barreiro que segue o estilo das series estadounidenses dos anos 60 "como o Batman clásico, con aire swing", di Nine. A nivel de factura visual, Radiografía dun autor de cómics, elude o clasicismo e retrata a Rubín desde tres opticas: a súa contorna, a mirada do equipo que o perseguiu por todas partes, e a súa propia. O guión alterna frases súas, debuxos en dúas dimensións, realidade e escenas de animación.

"Non quería que fose un documental máis de xente contando en plano medio anécdotas do mundo do cómic ou a historia da BD galega, senón un produto universal sobre persoas que fan cómics; un docu que non só se centrase na profesión, senón en quen está detrás, coas súas glorias e miserias?", explicou.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS