Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Paco Martín "ingresa" no "E"

O escritor lugués Paco Martín ingresou onte no club da Letra ‘E’ da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un galardón que lle entregou o seu presidente, Cesáreo Sánchez. Martín plantou na súa cidade natal un carballo, unha acción simbólica para o creador de Ramón Lamote, por tratarse da árbore ao redor da cal pasou a súa infancia.

MARÉ   | 26.06.2011 
A- A+

Paco Martín, pola dereita, recibiu onte de mans do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega a peza escultórica de Silverio Rivas da Letra ‘E’

Paco Martín, un dos catro Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil galegos xunto a Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Fina Casalderrey, recibiu onte a homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que este ano chegou á súa XVII edición. Os actos comezaron ás 11:30 horas na Avenida Ramón Ferreiro de Lugo, onde o homenaxeado plantou o carballo que elixiu por tratarse da árbore da súa infancia.

Un acto no que interviñeron o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e Mercedes Queixas, secretaria da asociación, que recoñeceron a dilatada traxectoria deste autor, creador do mítico personaxe de Ramón Lamote co que tanto se identifica este mestre xubilado de 70 anos. Alí tamén se descubriu un monólito que honra ao autor de Muxicas no espello, Dende a muralla ou O libro das adiviñas.

A continuación, o salón de plenos do concello lugués acolleu o acto de entrega da Letra E, unha peza escultórica do artista Silverio Rivas que o homenaxeado recolleu das mans de Cesáreo Sánchez. O escritor lugués agradeceu este recoñecemento, que supón unha "gratificación" que vén dos seus propios compañeiros.

Lembrou ademais, os anos de docencia en galego, nos que sempre mantivo acesos os azos da lingua, coa intención de transmitirlle esa vontade á sociedade. Por iso, o autor mostrouse crítico coa política lingüística e educativa da actual Xunta, e reclamou que non se formen xeracións "incultas".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS