Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

literatura

Paixón por Teo Caldas

Domingo Villar cativa a crítica británica con "A praia dos afogados" e cóase entre os finalistas do Dagger Prize 2011

MARÉ . SANTIAGO   | 23.05.2011 
A- A+

efe
Domingo Villar é un dos escritores galegos de maior repercusión internacional
FOTO: efe

A praia dos afogados, publicada na versión orixinal en galego por Editorial Galaxia, foi seleccionada entre as sete finalistas do CWA International Dagger Prize 2011, galardón que concede a asociación anglosaxoa de escritores de novela negra á mellor obra internacional do ano.

Os títulos seleccionados déronse a coñecer no transcurso do International Crime Fiction Convention que se está a celebrar na cidade de Bristol (Reino Unido).

Este premio, o máis antigo e prestixioso dos que se conceden no xénero policial, recoñece a obra de Domingo Villar (Vigo, 1971) como unha das máis relevantes do ano a nivel internacional. Os outros finalistas son os franceses Fred Vargas e Jean-Francois Parot, os italianos Andrea Camilleri e Valerio Varesi, o sueco Roslund-Hellstrom e o arxentino Ernesto Mallo. O gañador darase a coñecer a finais do mes de xullo, durante o Harrogate International Festival.

Titulada Death on a Galician Shore na súa edición británica, A praia dos afogados (máis de 26.000 exemplares vendidos en galego) investiga a morte dun mariñeiro nunha pequena vila da costa galega. Este libro é o segundo dunha serie protagonizada polo inspector por Leo Caldas.

Death on a Galician Shore foi traducida por Sonia Soto para a editorial Abacus dentro da colección bestsellers internacionais. Trátase da segunda novela de Domingo Villar que aparece en inglés, despois da publicación por Arcadia, no 2007 de Water-Blue Eyes (Ollos de auga), traducida por Martin Schifino, e confirma a repercusión internacional do escritor galego, presente nestes momentos en varios países do mundo, entre eles Italia ou Xapón Do anterior, Ollos de auga, traducido a media ducia de linguas, lévanse vendidos máis de 20.000 exemplares en galego, segundo informou onte a editorial galega.

A praia dos afogados, do que se está a preparar unha versión cinematográfica, foi traducida ata o momento ao castelán, inglés, alemán, francés, italiano, ruso, polaco, holandés e sueco.

Este novo recoñecemento súmase aos que a novela ten acadado dende a súa publicación: Premio Antón Losada Diéguez, Libro do ano pola Federación de Libreiros de Galicia, Autor do ano pola revista Fervenzas literarias, Premio Brigada 21, Premio Frei Martín Sarmiento, Finalista do Premio Libro do Ano do Gremio de Libreiros de Madrid e Finalista do Premio Novelpol.

A CERNA

Desde a aparición de Ollos de auga, a traxectoria de Domingo Villar foi imparable e a súa selección para o premio británico amosa o poder da súa narrativa e do seu personaxe, Teo Caldas. O engado de Caldas e das súas aventuras é a que, incluso, lle permitiu a Galaxia tracexar unha "ruta" polas paisaxes que aparecen na novela: esa contorna de Vigo na que Villar construíu o seu universo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS