Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Portada da obra de Gómez Díaz FOTO: AXENCIAS |
El Patito Editorial acaba de editar en galego -cunha tradución de Isabel Soto- a obra Lóbrego Romance, Pálida Pantasma, de Jack Mircala, nome artístico-literario de Fernando Gómez Díaz, gañador do Premio Lazarillo de ilustración do 2000.
Este título inicia a colección O baúl das sombras de Jack Mircala, que inclúe obras, aínda non traducidas ao galego, deste artista plástico que tomou o nome do protagonista do filme Pesadelo antes de Nadal e da vampira Carmilla, personaxe principal dun relato homónimo do escritor irlandés Joseph Thomas Sheridan Le Fanu. Son dúas as partes nas que esta obra se estrutura: Contos do Castelo de Malvadia e Verlián e o talismán extraviado, ambas situadas nun estraño e afastado lugar, Malvadia, e nun tempo remoto.
Na primeira delas, un narrador protagonista traslada temporalmente o lectorado agardado ao 19 de xaneiro de 1809, unha chiscadela do autor ao nacemento de Edgar Allan Poe, renovador da novela gótica a quen Mircala homenaxeou en varios volumes. No castelo dese inhóspito lugar, no que o valente narrador recala de xeito fortuíto, verá cousas e escoitará relatos que o levarán a presentar nas seguintes follas e desde a distancia feitos asombrosos e inimaxinables.
Deste xeito inserirá a quen lea os seis relatos desta primeira parte da obra nun mundo misterioso e tenebroso, característico das novelas de terror, no que os protagonistas se converterán en pantasmas por mor da vivencia de historias amorosas pouco afortunadas. Así, o lector descubrirá a relación que o narrador establece co turbador espectro que reside dentro dun sinistro baúl situado no soto do castelo, tamén quen é o propietario dese baúl e o tesouro que nel se gardaba; as razóns polas que a desafortunada Castizia foi emparedada en vida e aqueloutras polas que a súa alma en pena non volveu saír do seu agocho; tamén como o protagonista e a súa amada Mencia abandonaron o tétrico castelo despois dun hóspede ocupar o lugar desta dama no cadro do que formaba parte.
Pola súa banda, en Verlián e o talismán extraviado, recorrendo nesta ocasión ao manuscrito atopado, novamente un narrador en primeira persoa relata as vicisitudes da historia amorosa xurdida entre Verlián e Ibelda, dous amantes que só gozarán do sentimento que os une tras a morte. Trátase dun conxunto de contos rimados nos que os temas e espazos da novela gótica son os seus protagonistas.
