Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

polémica

Pau ás industrias culturais

Agadic rebaixa as súas axudas en máis de 700.000 euros

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 25.05.2011 
A- A+

JESSICA BARCALA/AGN
Juan Carlos Fernández Fasero é o director da Axencia Galega de Industrias Culturais
FOTO: JESSICA BARCALA/AGN

Se as axudas da Agadic a industrias culturais chegaban cheas de polémica o ano pasado, este non vai ser menos, xa que a partida destinada polo departamento que dirixe Juan Carlos F. Fasero rebaixa en 730.000 euros o diñeiro dedicado no 2010 a ese fin. Segundo a información facilitada onte pola Consellería de Cultura, da que depende a Axencia Galega das Industrias Culturais, na súa convocatoria de subvencións ás industrias culturais galegas para 2011 terá un importe global máximo de 1.370.000 euros, fronte ós 2.100.000 euros do ano pasado.

Esa cantidade será distribuída entre seis modalidades de apoio ao sector: actividade escénica, Crédito-Cultura, promoción e difusión de traballos discográficos, distribución, programación das salas privadas de exhibición escénica e mellora técnica de estudios de gravación e salas de música ao vivo.

En canto ao apoio público ás compañías escénicas residentes e ao asociacionismo profesional, que nas anteriores convocatorias figuraban como parte das categorías obxecto de subvención, en 2011 pasará a materializarse directamente a través dos convenios de colaboración que a Agadic asinará coas catro compañías residentes galegas (Chévere en Santiago de Compostela, Sarabela Teatro en Ourense, Teatro de Ningures en Cangas e Teatro do Morcego en Narón), así como coas principais asociacións profesionais do sector cultural.

O obxectivo en ambos os casos é atender ás especificidades e necesidades propias dos solicitantes no conxunto das industrias culturais galegas. O 62 por cento da contía total (850.000 euros) resérvase para as axudas á nova produción escénica e á continuidade da actividade no caso dos espectáculos que contaron con subvención á produción en 2010. Nesta modalidade, mantense o criterio clasificador introducido na convocatoria do ano pasado e que vén fixado en función do tamaño dos espectáculos no canto de polo xénero escénico (teatro, danza, maxia).

Así, as seis subcategorías deste apartado refírense a empresas de nova creación, á produción de espectáculos de pequeno formato, de mediano formato e de gran formato, á produción de espectáculos de novas tendencias, contemporáneos ou de autor e á continuidade da actividade.

A modalidade B destina 10.000 euros ao programa Crédito-Cultura, a través do que a Axencia Galega das Industrias Culturais promove o acceso das empresas culturais ao financiamento bancario cara á produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural.

ATÉ O 24 DE XUÑO

Un mes para presentar solicitudes

No caso concreto da produción e promoción dos traballos discográficos, a contía máxima do apoio cífrase en 80.000 euros, con especial atención aos proxectos que aposten pola adaptación tecnolóxica ao novo escenario dixital. O resto do orzamento, un total de 300.000 euros resérvase para as axudas á distribución a través das que se apoiará a distribución exterior de espectáculos escénicos e musicais, a asistencia a feiras e mercados dos diferentes ámbitos culturais, entre outros. A presentación de solicitudes esténdese ata o 24 de xuño A documentación recibida na forma e prazo establecidos será avaliada por dúas comisións: unha para axudas á actividade escénica e outra para as de produción e promoción de traballos discográficos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS