Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.07.2019 Actualizado 12:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

AUDIOVISUAL

Penélope en clave galega

Jairo Iglesias homenaxea as mulleres dos mariñeiros do país que os agardan con dor e incerteza, na súa terceira curta, "Rosa dos Ventos"

V. OLIVEIRA . SANTIAGO   | 09.05.2007 
A- A+

Belén Constenla e Miguel Borines, de costas, nun fotograma da curta ‘Rosa dos Ventos’

Foi un verso de Rosalía de Castro, -aquel xa mítico "viúvas dos vivos e mortos/que ninguén consolará"- o que inspirou ao mozo director compostelán Jairo Iglesias para crear a súa terceira curtametraxe, Rosa dos Ventos, que o venres se estreará no auditorio de Malpica -onde se rodou a curta en setembro do ano pasado- e un día despois na Fundación Caixa Galicia da Coruña. Recuperando a Penélope de Homero, Jairo Iglesias fai en Rosa dos Ventos unha homenaxe ás mulleres dos mariñeiros galegos que agardan a volta dos seus homes coa dor que provoca a incerteza."Máis que de naufraxios, é unha curta de mar e de recordos. Ás veces, sinto que non son eu quen elixe as historias senón que son elas as que me atrapan a min: durante a rodaxe da primeira curta, Retrato, alguén me dixo que tiña que facer unha historia nunha vila de mar e así o acabei facendo", explica o mozo que, con vinte anos, xa sentiu a emoción de estar nomeado o ano pasado ós Premios Mestre Mateo pola súa segunda curta, Cicatrices.

Nestes últimos anos intensos, non só lle deu tempo a rodar tres curtas senón tamén a crear, xunto con Sara Horta, a súa propia produtora, Producciones Retrato co que colabora MrMisto Films no seu último filme. Ademais de contar con web propia, www.jairoiglesias.com, a produtora tamén ten a súa www.produccionesretrato.com e a curta tamén: www.rosadosventos.es, na que inclúe información, fotos, o tráiler do filme ou un diario de rodaxe.

"Cando facemos curtas, intentamos que non queden no caixón e facemos unha produción e promoción semellantes ós dunha longa. Invertimos en promoción porque é importante chegar ó público. Máis que un camiño cara á longa, tentamos organizar estreas para que a xente vexa as curtas", explica o director que estudou na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Belén Constenla -no papel da protagonista, Rosa-, Miguel Borines, María Castro e Fernando Morán interpretan os personaxes da curta que dura 14 minutos e que está filmada en galego. "A rodaxe en Malpica foi unha das mellores coas que me puiden atopar non só eu senón tamén o equipo porque compartimos entre amigos a experiencia. Logo de estar unha semana alí, sentín un pouco de baleiro porque Malpica portouse con nós como ninguén". Rosa dos Ventos rodouse na casa dunha viúva do mar. "Foi algo imprevisto, un día a señora que nos deixou rodar na súa casa díxonos que o seu home fora de viaxe e non regresara", explica. A curta é unha mirada "á outra vida do mar, ás viúvas que quedan agardando con incerteza polos seus homes que non saben cando volverán", conclúe.

PROXECTOS DE FUTURO

Prepara xa un thriller

Logo de pasar por Malpica e A Coruña, a curta de Jairo Iglesias tamén se estreará noutras cidades galegas como Pontevedra e Compostela. O equipo tamén intentará levala á maior cantidade de festivais que lle sexa posible e, sobre todo, facer proxeccións por Galicia. Aínda que agora se están a centrar na promoción de Rosa dos Ventos, xa están a elaborar un novo guión para unha curta que será un thriller.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS