Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Ensaio

Pérez Rúa: "Hai que falar do que realmente existe"

O sociólogo, gañador do Ramón Piñeiro 2009, presentou onte "Domingos de calcetíns brancos"

E.P.   | 08.02.2011 
A- A+

AXENCIAS
Máiz, esq., Freixanes, Pérez Rúa, Lorenzo e Díaz onte na presentación
FOTO: AXENCIAS

A xeración nada nos anos 50 "foi a primeira en deixar a Igrexa" pero tamén a primeira que substituíu o galego polo castelán. Así o asegurou onte o sociólogo Manuel Pérez Rúa (Moaña, 1956) na presentación do seu ensaio Domingos de calcetíns brancos, a obra premiada co Ramón Piñeiro de 2009, que acaba de publicar Galaxia.

A través dunha serie de 31 entrevistas realizadas a persoas nadas nesta década en Galicia, Pérez Rúa dá conta dun cambio social, evidenciado na transformación dunha cultura "autoritaria, austera e patriarcal" nos modelos actuais de comportamento liderados pola clase media.

Un deses cambios foi que malia que os nacidos nos 50 e 60 se criaron nun ambiente predominantemente relixioso, "foron os primeiros en deixar a Igrexa". A obra inclúense declaracións de nove amigos de clase obreira que viviron a transformación da bisbarra do Morrazo (Pontevedra) co inicio da industria de conxelados, pero tamén con representantes do mundo da cultura, do periodismo, da política ou da economía como Víctor Freixanes -presente no acto-, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Xosé L. Barreiro Rivas ou Xerardo Estévez. Domingos de calcetíns brancos recibiu o premio Ramón Piñeiro 2009, un galardón concedido pola Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de Gas Natural Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro.

O director de Galaxia, Víctor Freixanes sinalou que o ensaio ten "unha significación especial" para a editorial e afirmou que a reflexión é o terceiro estadio de evolución da literatura dunha cultura, tras a lírica e a narrativa. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou que co premio Ramón Piñeiro o ensaio en lingua galega "ocupa o lugar que debe ter" na produción literaria de Galicia. Por último, Pérez Rúa considerou necesario que se escriba en Galicia "acerca do que realmente existe", en contraposición á "imaxinación e ó lírico". Segundo o sociólogo, no país existe "moita impostura intelectual: os columnistas dos medios galegos non saben que acontece coas caixas de aforro".

 

A presentación de orixinais ao premio remata o 31 de outubro

Ao premio Ramón Piñeiro, dotado con 6.000 euros, poden optar as obra orixinais, cunha extensión que se sitúe entre os 200.000 e os 300.000 carácteres e que estea escrita en galego. Para a edición de 2011, o prazo de entrega das obras finalizará o 31 de outubro e a decisión do xurado darase a coñecer en decembro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS